O luns 13 de setembro de 1915, un espléndido
día de sol, tivo lugar a peregrinación das parroquias do Arciprestado de Berreo de Arriba. En inspirada crónica
do habitualmente anticlerical La Voz de Galicia "Mil quinientos romeros montañeses,
sanos de cuerpo y alma, en los cuales reside el noble y vigoroso espíritu de la
raza nuestra, saturado de continuo por el balsámico aroma de los pinos y de los
retamares, que constituyen la nota peculiar de su montuoso y agreste país, a
pocas leguas de la compostelana urbe [...] hombres recios y fuertes para las
labores campesinas, mujeres sanas y robustas para la cooperación de ellas, las
dejaron por un día, solo con el religioso deseo de dar cumplimiento a las
devociones de su católica fe. Y en brillante caravana cerca de dos millares de
estos buenos labradores montañeses acaban de contribuir también ellos, muy
gozosos, a las esplendideces de este Año Santo".
Curiosamente o moito máis clerical El
Correo Gallego reduciu as cifras a 1.300 persoas, o que de todas formas
seguía sendo un número considerable, tendo en conta que Berreo de Arriba só
contaba con 16 parroquias (13 matrices máis 3 filiais): Ardemil, Buscás,
Cerceda, Deixebre+Trasmonte, Encrobas, Leira, Meirama, Mercurín+Lesta, Montaos+Pereira,
Poulo, Ordes, Oroso e Queixas.
Por certo que as outras 3 parroquias ordenses
(Barbeiros, Beán e Vilamaior) pertencían ao arciprestado de Barbeiros que
comprendía tamén o leste de Oroso, Frades, Mesía e parte de Cesuras.
Ás dúas da noite saíron cara a Santiago
numerosos peregrinos a pé, aínda que outros desprazáronse en autobuses de
Sanjurjo Badía e coches. Ás 10 da mañá comezou a organizarse a comitiva na rúa
de San Roque, fronte ao convento de Santa Clara, onde foron a recibilos algúns
concelleiros santiagueses como Pintos Reino, Amenedo e Souto, máis unha
comisión do clero composta polos presbíteros Borobio, Costas e Vidal Vecino.
Ás 11 púxose en marcha a numerosa masa de
peregrinos. Estaba presidida polo arcipreste (o sacerdote de Ordes don Nemesio Morgade Portela* que tamén fora a pé) ao que acompañaban representacións dos
concellos de Cerceda, Ordes e Oroso e a comisión do de Santiago.
Saturnino Aller, o presidente da
Deputación Provincial e cacique ordense, conducía o estandarte do grupo de
homes, flanqueado por Domingo Antonio Moar Veiras
e o médico forense Antonio Concheiro Rodríguez,
que levaban as cintas. O estandarte feminino portábao Carmen
Mato (viúva de Astray López) xunto con Asunción
Iglesias Rapela (muller de Antonio Concheiro) e Josefa
García Rodríguez (muller do tamén médico Ignacio Castro) que levaban as
cintas. Entre os ordenses tamén ían algunhas persoas distinguidas veraneantes na
vila, entre elas Joaquín Varela Tojo e a señora Carmen Sanjurjo Neira.
Entre homes e mulleres ía a Banda Municipal
de Santiago acompañando musicalmente aos peregrinos que entoaban o himno do
Apóstolo. Como era costume disparáronse foguetes e bombas e houbo repique xeral
de campás.
O xentío peregrino fixo o percorrido habitual
(San Roque, Algalia de Arriba, Cervantes, Acibechería e Praza da Inmaculada),
entrando na Basílica pola porta do Obradoiro. O Cardeal Arcebispo José Mª Martín de Herrera, que
presenciaba a procesión desde unha das xanelas do seu palacio, recibiunos na
catedral cunha comisión do Cabildo, composta polos cóengos Caeiro, Camba e
Tafall.
A misa foi celebrada polo cura de Ardemil, o
polémico don Pascual
Couce Pico*, e dirixiu o rezo do rosario o de Leira, don Jesús Mansilla Fernández. Logo subiu ao púlpito o
cardeal que saudou aos peregrinos e encomiou as peregrinacións "que servirán para escribir una página
de gloria de la historia de Galicia y de la España católica". Rematou
bendicindo aos peregrinos.
Non podía faltar o voo solemne do botafumeiro
que "cruzaba gallardo por las naves
del transepto", mentres os peregrinos entoaban o himno "resaltando notablemente un afinado
coro de señoritas que dirigía la presidenta de Hijas de María de Órdenes,
señorita Carmen
Barreiro Uzal".
O Arcebispo recibiu despois ás comisións e
sacerdotes aos que felicitou polo seu labor. Estes ademais tiveron un premio
extra: foron invitados a unha opípara comida por Saturnino Aller. Un gran final
para aquel día.
*
Nemesio Morgade (1874-1931) foi o cura principal de Ordes durante 18 anos ata a
súa morte.
Pascual Couce (m. 1937) foi protagonista de episodios conflitivos: ese mesmo ano tivo varios pleitos xudiciais cun fregués (José Gaudeoso) co que se levaba moi mal, e posteriormente, en 1933, sufriu un atentado por parte doutros veciños de Ardemil, membros da Sociedade Agraria da parroquia.
Pascual Couce (m. 1937) foi protagonista de episodios conflitivos: ese mesmo ano tivo varios pleitos xudiciais cun fregués (José Gaudeoso) co que se levaba moi mal, e posteriormente, en 1933, sufriu un atentado por parte doutros veciños de Ardemil, membros da Sociedade Agraria da parroquia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario