sábado, 2 de septiembre de 2017

Arbustos de Ordes

  Poderiamos dicir que o rei dos arbustos na comarca (e en toda Galicia) é o TOXO, ou mellor toxos en plural, porque son dúas as especies, aínda que a súa distinción é difícil: o toxo maior ou arnal (Ulex europaeus) e o toxo menor ou toxo femia (Ulex gallii). Ambos os dous determinaban a paisaxe da comarca, a súa estrutura e mesmo a súa cor grazas ás rechamantes flores amarelas que posúen (o toxo maior durante o inverno e a primavera e o menor na primavera e o verán). Aínda que actualmente está en retroceso, segue a ser moi abundante.
  Outro arbusto sumamente común é a XESTA. Tamén neste caso hai dúas especies: a xesta común ou xesta brava -en castelán retama negra- (Cytisus scoparius) e a xesta mansa (Cytisus striatus). Na nosa zona usábanse principalmente para a fabricación de vasoiras, ata o punto de que a palabra "xesta" pasou a ser sinónimo de vasoira, pero tamén como combustible para a lareira ou os fornos de pan e como tellado dos "cabanotes" (unha especie de hórreos non permanentes que existiron ata os anos 60). Nas montañas orientais de Galicia empregábase ademais como estrume.
  Segue a ser abundante e nalgúns lugares como o Mesón do Vento pode haber enormes exemplares.
 
 
  O CODESO (Adenocarpus complicatus) debeu ser tamén moi abundante no pasado. Hoxe non o é, aínda que tampouco é raro nin dificil de atopar. Parécese superficialmente á xesta.
  Bastante menos común é a xilbarbeira -rusco en castelán- (Ruscus aculeatus), tamén chamada rascacú e, na nosa comarca, carrasco -ao igual que un tipo de queiroa-. Destaca polas súas baias vermellas. Antigamente empregábase para facer vasoiras. 
 

  Tamén arbustos (aínda que ás veces de moi pequeno tamaño) son as ericáceas, chamadas así porque o nome científico da maioría das especies empeza pola palabra Erica. En castelán son brezos e en galego reciben múltiple nomes: QUEIROA, queiroga, uz, urce ...
  As pequenas e fermosas flores de cor rosa forte ou púrpura son parte do seu encanto, lástima que non duren demasiado tempo. É difícil para un profano distinguir entre especies moi parecidas. O carrasco (Erica cinerea) e a carroucha (Erica umbellata) son moi comúns en calquera matogueira sobre chans non encharcados -e Erica cinerea, ás veces, tamén nestes-. Outras como a uz moura ou a uz branca xa son máis raras na nosa comarca.
  En cambio a pequena carqueixa coas súas flores de intensa cor azul é moi abundante pero poucos a toman por un arbusto.

  A SILVA, pertencente á familia das rosáceas, é unha planta moi invasiva con longos talos cheos de espiñas. Tamén hai varias especies. As máis habituais son a silva común (Rubus fruticosus) e a silva mediterránea (Rubus ulmifolius). Antigamente reservada aos valados, onde os rapaces as buscaban para saborear as súas ricas moras, na actualidade invadiu moitos montes e terreos baldíos.
 
  Arbustos tradicionalmente usados para os valados eran o mirto (Myrtus communis) e o buxo -boj- (Buxus sempervirens) -que ademais era empregado na fabricación de gaitas-. Hoxe foron case totalmente substituídos polas tuias (Thuja). Nas zonas moi húmidas medran os vimieiros ou vimbieiras (Salix viminalis) que antigamente fornecían o vime, o material do que se facían os cestos e que era toda unha artesanía típica que hoxe desapareceu case totalmente.
 

  Finalmente tamén podemos atopar na comarca arbustos foráneos de recente introdución.
  Moi abundante é o arbusto das bolboretas (Buddleja davidii), chamado así porque estes insectos síntense moi atraídos polas súas flores. Procede de China e Xapón e ten colonizado a maioría do territorio. A pesar da súa beleza, desde 2013 está prohibida a súa posesión, transporte, tráfico e comercio, cousa que non parece afectarlle en absoluto.
  Outro arbusto foráneo é a cortadeira, herba das pampas ou rabo de raposo (Cortaderia selloana). Chegou como planta ornamental (de feito, usouse como adorno nas medianeiras da AP-9) pero pronto invadiu outros espazos. Actualmente hai unha forte loita contra ela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario