viernes, 15 de septiembre de 2017

Incidente en Vilamaior

  No ano 1910 na parroquia de Vilamaior tivo lugar un suceso que hoxe pódenos parecer bastante bizarro.
  Os protagonistas foron Lorenzo Viqueira Sanjurjo, un home de 30 anos cazurro e agresivo -cousa nada rara na época-, e María Núñez Moar, unha agraciada moza de Vilamaior.
  Lorenzo, como se dicía elegantemente naqueles tempos, "requiría de amores" á rapariga desde había tempo, pero esta non estaba polo labor. A persistencia de Lorenzo era inútil ante a non menos forte obstinación de María. De feito ela estaba cada vez máis aburrida das súas demandas e xa se poñía de mal humor cando o vía.
  O 2 de setembro de 1910 pola mañá Lorenzo achegouse unha vez máis a ela e acompañouna cara á súa casa mentres insistía no tema. Unha vez máis María rexeitouno e a situación foi derivando das palabras agres á violencia.
  Completamente fóra de si, Lorenzo botoulle os brazos ao pescozo coa intención de estrangulala, berrando:
- Ou es miña ou non serás de ninguén!!!
  Na calor da pelexa rematou por tirala ao chan e poñéndose de xeonllos sobre ela golpeouna con saña repetidas veces ata que a deixou sen sentido.
  Aquí acaba o lamentable para comezar o estraño. Crendo que estaba morta, atoulle unha corda ao pescozo e arrastrouna ata unha leira de millo onde a escondeu. Cubriulle a cara con herba (por que só a cara?) e marchou camiñando coma un somnámbulo á súa casa. Ali, consciente da barbaridade que cometera, decidiu suicidarse ese mediodía.
  Nese momento demostrou que, ademais de violento, era bastante chapuzas. Cortouse cunha navalla no pescozo e disparouse un tiro que lle ocasionou a fractura do maxilar inferior pero que non logrou acabar coa súa vida. Foi ingresado no hospital de Santiago ao día seguinte, operado e encamado na sala de San Cosme durante un mes.
  Por outra banda, María recuperou o coñecemento e, andando a duras penas, dirixiuse á súa casa. Foi levada ao médico e, a pesar da malleira que padecera, só tardou nove días en curar.

  O xuízo tivo lugar case un ano despois, en xuño de 1911. O fiscal, Sr. Hernández, considerou o feito como homicidio frustrado e pediu 9 anos de cárcere, aínda que atopou unha atenuante en que, aparentemente, Lorenzo estaba embriagado cando se produciron os feitos.
  O avogado defensor, Sr. Vilas, comezou negando a participación do acusado, pero finalmente aceptouna cualificando unicamente o resultado como "lesións leves" e falando con gran elocuencia das grandes calidades (?) de Lorenzo.
  Agora chega o realmente estraño (polo menos aos nosos ollos do século XXI): o xurado popular "comprou" esa versión, nin sequera considerou o das lesións e declarou "non culpable" a Lorenzo (teño a impresión de que non había ningunha muller nese xurado).
  O fiscal pediu unha nova deliberación e, cando isto lle foi negado, solicitou a revisión do proceso con outro xurado distinto.
  O tribunal ditou sentenza absolutoria non estimando pertinente nada do solicitado polo fiscal, iso si, consignando na acta a súa protesta.

  Así acabou este extraordinario suceso do que só podemos extraer un pensamento positivo: ás veces a torpeza non é de todo negativa, grazas a ela ninguén acabou morto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario