As vacas
galegas comen principalmente millo. De feito un animal de alta produción pode
chegar a inxerir ata 40 quilos
diarios. Tal é a importancia desta gramínea en Galicia que en 2019 sementáronse
un total de 68.639 hectáreas
de terreo que deron lugar a unha colleita histórica de máis de 2,2 millóns de toneladas de alimento, o
75 % de todo o millo forraxeiro
español. Asturias e Cantabria son as seguintes rexións produtoras do estado con
7.081 e 4.817
hectáreas respectivamente. Ségueas Navarra con 2.030, Aragón con 1.981 e Castela
e León con 1.934
hectáreas. Estas seis comunidades aglutinan o 85 % de todo
o millo forraxeiro español.
Mundialmente famoso é o Corn belt (cinto do millo),
unha franxa no centro dos USA que abarca boa parte dos estados de Iowa,
Illinois, Michigan, Ohio, Kansas e Kentucky. Salvando as distancias, en Galicia
temos o noso propio "cinto milleiro": os 20 concellos de maior produción
forman unha liña que arrinca en Mazaricos
e remata na Pastoriza (Lugo). En
conxunto dedican ás plantacións de millo máis de 32.000
hectáreas, o 40
%! de toda España.
O crecemento experimentado por este cultivo
nos últimos anos (un 7 % en só doce meses) reflíctese no feito de que en 265
dos 314 concellos galegos xa hai leiras destinadas ao cultivo desta gramínea,
sobre a que se sustenta a alimentación das vacas leiteiras. Tanto por superficie como por rendemento o millo é, dende hai anos, o
cultivo anual máis importante en Galicia. A pesar dos elevados custos que supón a súa sementeira (arredor
de 1.100 euros por hectárea), o rendemento que permite aos gandeiros é enorme. É un
alimento imprescindible para as explotacións leiteiras e cada vez máis
empregado nas de carne.
A clave: o amidón
Se a soia
(o ingrediente principal dos piensos) achega proteína, o millo é a principal fonte de enerxía para as vacas leiteiras. Na
espiga atópase o amidón, un hidrato de carbono de gran calidade
para manter as funcións vitais dos animais e que, no caso do millo, debe
gardar certo equilibrio coa dixestibilidade da fibra que achega o resto do
planta.
Os expertos destacan o gran traballo
realizado no campo galego que en pouco máis de dúas décadas logrou duplicar
as porcentaxes de amidón do millo galego ata situalos por encima do 30 %.
«Nos últimos anos mellorouse moito a calidade das
colleitas. Tanto no referente á produtividade das sementes como na forma de
conservar o ensilado, aspecto este último tan importante como o propio feito
de ter unha boa colleita», apuntan desde o departamento técnico de Dekalb,
propiedade de Monsanto, primeiro fabricante mundial de sementes.
|
A importancia que ten o millo para o campo galego non só se ve na ración
das vacas -a media dunha vaca de alta produción ten 30 quilos de ensilaxe de
millo, outros 10 de herba e 10 quilos máis de pienso-, tamén se reflicte no
tipo de maquinaria que se utiliza para sementalo e colleitalo.
A
necesidade de realizar estas tarefas coa maior rapidez, precisión e seguridade
fai posible que poidan verse polas leiras galegas algunhas das maiores e máis
modernas máquinas existentes no mercado. É o caso de colleitadoras con
capacidade para procesar máis de tres hectáreas de terreo por hora variando,
con só un botón e en cuestión de segundos, o ancho do corte da planta en
función das prioridades do agricultor ou do estado de maduración da colleita. O
prezo destas máquinas rolda o medio millón de euros, cantidade á que hai que
sumar os 300.000 euros que custan moitos dos tractores e remolques que se
utilizan para trasladar o gran desde a leira ata a explotación onde se
almacena.
No hay comentarios:
Publicar un comentario