sábado, 21 de mayo de 2022

Pensións medias en 2020

   Segundo os últimos datos do IGE o importe medio das pensións contributivas en Galicia era de 988 euros no ano 2020. Coma sempre as provincias de Pontevedra (1.026) e A Coruña (1.023) superaban os 1.000 euros de media, mentres Lugo (919) e sobre todo Ourense (870) estaban moi lonxe destas cifras.

 

  A comarca de Ordes cos seus 813 euros estaba por debaixo da media galega e obviamente moi por debaixo da media provincial. De feito, só nas Terras de Soneira (705 €) e na comarca do Xallas (671 €) as pensións medias eran menores que as de Ordes, aínda que estabamos practicamente igualados con Arzúa (817 €).

  Pola contra a comarca do Eume era a de pensións medias máis altas (1.257 €) e contaba co concello Nº 1 en Galicia, As Pontes de Gª Rodríguez con 1.488 €. Logo estaban Ferrol (con Fene, o 2º concello de Galicia cos seus 1.318 €), A Coruña e Santiago que eran as catro comarcas que superaban os 1.000 euros de media.

 

  O número total de pensionistas en Galicia era de 669.074, o que significaba unha media de 248 perceptores por cada 1.000 habitantes. Nos municipios rurais este cociente aumentaba. Así, mentres en lugares proximos a Santiago como Ames (126 pensionistas por cada 1.000 veciños), Teo (163) ou Oroso (170) baixaban de 200, Ordes chegaba aos 250, Frades superaba os 300 (331) e Tordoia alcanzaba os 400 pensionistas por cada 1.000 habitantes (40%), iso si, sendo tamén os que menos cobraban.

 

  O que era común en todas partes era a diferenza entre as pensións de homes e mulleres. De media en Galicia as mulleres cobraban 284 euros menos que os homes.

  Por que? A pensión é o resultado dos anos cotizados e da contía do achegado, binomio que ten efectos perversos nas mulleres, que moitas veces non traballan durante longos períodos de tempo (e por tanto están sen cotizar) ou tamén porque o fan en traballos coa cotización mínima, como a agraria, ou a tempo parcial noutros oficios, algúns deles con particularidades similares ao agrario (polo escaso da cotización), como as empregadas de fogar por exemplo.

  Na comarca a diferenza era de 214 euros. Tordoia era o concello onde máis baixas eran as pensións e menor diferenza había. Pola contra Oroso, que era o de pensións máis altas, tamén era o de maior desigualdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario