jueves, 5 de mayo de 2022

Festas en 1941

   1941 foi para España o terceiro ano máis mortífero do século XX (máis que tres dos anos da anterior guerra) pero se pensades que isto puido disuadir aos ordenses daquela época de celebrar as súas sacrosantas festas... estades totalmente enganados. De feito ese ano volveuse a organizar a festa do barrio do Recreo, e nas parroquias había máis que na actualidade.
 
  No mes de xuño celebrouse a festividade da Institución da Eucaristía. Veu o Padre Capuchino Enrique Mª de Cevico que disertou sobre o mandato de Xesús "Amáos los  unos a los otros como yo he amado a mi Iglesia" (moi axeitado para aqueles tempos). Non faltou a procesión que chegou ata a capela de Lourdes onde o barítono santiagués e profesor da Escola Normal Antonio García Jiménez cantou unha peza. Tamén dirixiu o canto na misa, acompañando ao armonio.
  No Bidueiro celebrouse o San Xoán Bautista, pagando os gastos os veciños do Bidueiro, Casal, Darefe, Balado e O Alto. Houbo misa solemne, a Banda de Música da Garabanxa e o gaiteiro de Ardemil, fogos de lucería, globos e queima de vistosas figuras.
  En Ardemil celebraron a festividade de San Pedro e en xullo tamén habería festa de Corpus grazas ao interese dos fregreses e do párroco don Manuel Gª Castro.
  En Ordes celebrouse o Sagrado Corazón de Xesús cunha misa oficiada por don José Barreiro Uzal, asistido polo párroco de Ordes sr. Mosteiro e o coadxutor sr. Barbeito. O predicador invitado foi o franciscano Padre Darío Cabanelas que disertou sobre o tema "El corazón de Jesús es el centro de la humanidad". Pola tarde saiu a procesión na que levou o estandarte o avogado Manuel Astray Mato.
 
  En Poulo celebrouse o día 3 de agosto na honra da Virxe do Carme. A festa foi preparada polo párroco don José Mª Barreiro García.
  En Ardemil son especialmente amigos das festas, así que, por se non abondara co San Pedro e o Corpus, o 5 de agosto celebraron tamén a Virxe das Neves, que tiña unha confraría desde había moitos anos. O día 4 xa houbo unha verbena nocturna e queimáronse infinidade de fogos e "caprichosas figuras". O día grande tivo lugar a misa solemne a toda orquestra, procesión polo adro e logo pola tarde a festa campestre amenizada por unha "afinada" banda. 
 
  O xornal El Compostelano informaba do programa das festas patronais na súa edición do 12 de agosto, engadindo que "La comisión, integrada por destacados jóvenes. viene gestionando todos los medios de dar a los festivales el mayor esplendor posible".
  As festas duraron 4 días, de xoves 14 a domingo 17. Contaron coa Banda de Música de Santiago dirixida polo compositor Bernardo del Río (antigo director da Banda de Ordes) que fixo a súa aparición ás 8 da mañá do venres. Ese día grande a Misa maior das 11 da mañá foi cantada a toda orquestra baixo a batuta de Antonio García Jiménez. A continuación tivo lugar a solemne procesión. De 6 a 8 houbo o paseo de moda pola rúa Alfonso Senra e a partir das 10 iluminación eléctrica na Alameda do Soldado Lois. As festas tamén contaron coa habitual Banda da Garabanxa e por suposto gaitas do país.

  En setembro retornaron coa súa antiga brillantez as festas do Recreo, ou como dicía a prensa da "calle Primo de Rivera" na honra da Virxe de Lourdes. A comisión estivo integrada por Amadeo Patiño Blanco, Antonio del Río Pampín, Manuel Fernández Uzal e José Conde Ferreiro.
 
  Doutra banda Ordes seguía a ser un lugar frecuentado por moitos veraneantes. Eran habituais avogados como Joaquín Varela Rendueles, que viña para o Pazo do Peñasco, ou José María Méndez Gil, que viña para a Casa de Brandón, e outros como Federico García, inspector da Asemblea da Cruz Vermella, e o delegado comarcal sindical Ignacio Castro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario