As
peregrinacións a Santiago case desapareceron no século XIX. Calcúlase unha
media de apenas 130 peregrinos ao ano e a maioría peninsulares. No século XX
limitábanse practicamente aos galegos e unicamente nos anos santos, pero estas
excursións organizadas utilizaban as estradas, no noso caso a N-550, e non se
preocupaban polos camiños tradicionais. Cara a 1975 as cousas cambiaron e
comezaron a promocionarse de novo as peregrinacións revitalizando o antigo Camiño
Francés. Despois, xa nos anos 90, tocoulle a quenda ao noso Camiño Inglés.
Loxicamente,
antes dese momento non había apenas bibliografía sobre os roteiros de
peregrinación. No ano 1995 La Voz de Galicia en colaboración coa
Consellería de Cultura da Xunta publicou "Rutas y ciudades de Galicia y Caminos
de Santiago" en fascículos que se repartían co xornal. Unha pequena parte do 4º fascículo estaba
dedicada ao Camiño Inglés pero con moi pouco detalle. Ao ano seguinte, en 1996,
Xosé Manuel Fernández Costas publicou en Vigo e en idioma galego "O Camiño
Inglés" libro pioneiro no tema.
Obviamente tampouco había libros dedicados a
tramos específicos. A comarca de Ordes foi a primeira que tivo ese privilexio
grazas, unha vez máis, a Manuel Pazos Gómez, o creador do "Obradoiro da Historia". En 1996 editou co apoio económico da empresa RAFRA 500
exemplares dun modesto libriño titulado "Os camiños antigos do Concello de
Oroso". Un par de capítulos estaban dedicados ao antigo Camiño Inglés* pola comarca, o
que era moi meritorio porque naqueles tempos nin sequera estaba delimitado e
Pazos tivo que redescubrir algúns tramos.
En 1999 o inquedo Pazos concibiu un
novo proxecto: un mapa que reflectise con precisión o Camiño polos concellos da comarca e que
resaltase os principais puntos e monumentos do roteiro. Para iso contactou co
seu colaborador habitual Xan Ferreiro que se encargou do laborioso traballo
gráfico. O tríptico foi financiado polo BNG local e repartido no medio dunha
campaña electoral, así que os autores asinaron cos pseudónimos de Friam e O.
Guía.
No 2004
Pazos volveu á carga e, coincidindo cun novo ano Xacobeo, conseguiu que o
Concello de Oroso patrocinase un tríptico titulado "Guía do Camiño Inglés
no Concello de Oroso". Finalmente
no ano 2018 recorreu outra vez a Xan Ferreiro para crear unha especie de nova
versión do mapa de 1999, esta vez en cor pero limitado a Oroso, que se repartiu
a todos os escolares do concello e colocouse como póster nas páxinas centrais
da revista "Memoria de Oroso" (Nº 2).
A
partir do ano 2004 en que Edicións do Cumio editou en Vigo "O Camiño Inglés
en Galicia", o número de publicacións sobre este roteiro aumentou ao mesmo
ritmo que o número de peregrinos. Entre estes libros hai un bo número
publicados en inglés. Sería arduo citalos todos pero destacaremos do ano
2017 un novo achegamento ao tema de
Manuel Pazos xunto coa estadounidense
Trese Barton titulado
"Descrición do Camiño Inglés da Coruña a Compostela / The English Way A
Coruña to Santiago de Compostela",
publicación que ten a peculiaridade de
editarse en galego e inglés ademais de ser a primeira que describe o último
itinerario delimitado oficialmente pola Xunta en 2014 e sinalizado 3 anos
despois.
* En varios artigos deste blog sobre o C.I. empreguei ese libro como fonte de información.
No hay comentarios:
Publicar un comentario