jueves, 25 de marzo de 2021

Clases sociais

  No Ordes do século XIX e primeira metade do XX había unhas clases sociais moi marcadas, baseadas fundamentalmente na capacidade económica, aínda que tamén  se podían ter en conta outros factores.
  O sistema era moi ríxido porque era moi raro que houbese un matrimonio entre membros de clases diferentes e se o había era entre dúas que estaban contiguas na escala. Isto ocasionaba que bastantes mulleres das clases máis altas quedasen solteiras porque se non tiñan pretendentes dentro do seu grupo social xa non concibían outra posibilidade. Era máis fácil que un home casase cunha muller dun grupo social inferior (especialmente se era fermosa) que ao contrario.
 
  No lugar máis alto desta escala social estaba o que podiamos chamar a burguesía ilustrada, é dicir, aqueles que tiñan estudos universitarios e traballaban para a administración, ocupando os postos claves na vila: xuíces, avogados, notarios, procuradores, escribáns, médicos, boticarios... moitos deles tamén grandes propietarios.
  Falamos de familias como os Pol, Troche, Stolle, Concheiro, Liñares, Astray, Álvarez, del Río... nas que os seus membros tiñan estudos, incluídas as mulleres que maioritariamente debían dedicarse ao maxisterio, a única carreira que se lles permitía na práctica.
  Eran os que detentaban o poder político, que no distrito de Ordes, agás breves pausas, sempre estivo vinculado ao Partido Liberal, do que era representante Saturnino Aller.
 
  Nun segundo chanzo estaba a burguesía industrial (comerciantes e empresarios). Como na actualidade, os empresarios máis ricos e exitosos estaban máis alto na escala social, próximos á clase superior. Falamos aquí de familias como os Faya (fábrica de curtidos), Pardo (obras públicas), Mariño (comercio), Calvo (comercio), Abeijón (comercio), Amado (comercio) ...
  Loxicamente había tamén moitos pequenos comerciantes menos adiñeirados que non estaban a ese nivel.
 
  Un lugar parecido na escala ocupábano os grandes propietarios agrarios. En todas as parroquias había ricas familias campesiñas con gran cantidade de terras, das que unha gran parte dábanas en arrendo. Tiñan por tanto gran poder económico e influencia porque outras familias campesiñas máis pobres dependían directamente delas. Ás veces participaban en política e ocupaban cargos de concelleiro.
  Algunhas destas familias como os Pérez de Barbeiros ou os Veiras de Poulo tiñan ou tiveron no pasado paradas de sementais.
  Para conservar a maior cantidade posible de terra dentro da familia herdaba a maior parte (normalmente) o primoxénito. Noutras partes de Galicia era denominado petrucio, aquí en Ordes simplemente chamábaselle "o millorado". Os outros irmáns podían quedar case sen nada e en moitos casos emigraban ou se mesturaban co resto do campesiñado.
  Como as monarquías, estas familias estaban interconectadas por múltiples ligazóns matrimoniais. Así os Pérez estaban emparentados cos Moar e os Veiras, estes cos Bello, os Moar e os Mosquera de Poulo, os Mosquera de Ordes cos Villaverde e os Barreiros do Casal ...
 

  O cuarto chanzo ocupábano os escasos obreiros urbanos e o pequeno campesiñado que era de lonxe o grupo máis numeroso. O traballo campesiño era tan sacrificado naqueles tempos que os traballadores na vila, aínda as criadas nas casas, considerábanse por enriba deles.
  Efectivamente, era unha vida durísima e sempre ao límite porque calquera contratempo tal como un accidente, enfermidade propia ou do gando ou sinxelamente un par de anos de malas colleitas podían facerlles perder as súas posesións. Se tiñan sorte podían traballar terras alleas, sendo coñecidos como foreiros ou caseiros.
  A emigración a América sempre foi un recurso para fuxir da pobreza e, ás veces, para escapar do longo servizo militar ou da Guerra de Marrocos.
 
  O último lugar na escala social era o proletariado agrario, os que en Ordes eran coñecidos como "caseteiros". Non posuían terras polo que tiñan que traballar as alleas como xornaleiros e vivían en pequenas casas nos peores lugares das aldeas. Os solteiros ás veces non tiñan casa propia e durmían nalgún lugar que lles proporcionaban os seus empregadores. Tal era a vida de Manuel Lois.

No hay comentarios:

Publicar un comentario