AG naceu no ano 1909 en Madrid na
cafetería "Excelsior",
lugar de reunión dun grupo de intelectuais preocupados pola situación do agro
galego como Alfredo Vicenti, Manuel Portela Valladares e varios máis. Entre
eles estaba un descoñecido sacerdote ourensán, Basilio Álvarez,
que se encargaría da dirección da revista Acción Gallega (xaneiro de 1910).
Nas eleccións
xerais de maio de 1910 presentaron tres
candidatos: Rafael Carvajal por Mondoñedo, Alfredo Vicenti por Becerreá e
Portela Valladares por Fonsagrada. Foron os primeiros mitins de Basilio. Vicenti
non logrou o escano polas trampas dos caciques pero Portela Valladares
conseguiu un éxito resoante. Fonsagrada
converteuse nun fortín para os agraristas.
O primeiro
que fixeron, xa en xuño de 1910 foi poñerse en contacto co Directorio Antiforista de Teis
presidido por Julián Estévez para formar un gran partido agrarista.
Así naceu a Liga Agrario-Redencionista con 3
directores: Portela, Vicenti e Eduardo Vincenti. O
seu programa limitábase á redención foral, que ocupaba a metade do breve
manifesto redactado por Portela Valladares, pronto erixido no líder principal. Contaban
tamén co apoio dos lerrouxistas e os republicanos pontevedreses e unha certa
simpatía do Partido Liberal, en especial do seu líder, o ferrolán José Canalejas.
Unha intensa
campaña de axitación encabezada por Portela Valladares, con mitins por Pontevedra
e Lugo, expulsou aos liberais debido aos duros ataques contra Montero Ríos. Isto foi o principio do fin: en agosto de 1910 desapareceu Acción
Gallega e en setembro rematou a campaña. Canalejas desactivou a Portela
Valladares nomeándoo gobernador civil de Barcelona e a Liga desintegrouse. En
1911 perseguidos os seus tres históricos líderes (Jacinto Crespo, Manuel Lago Martínez e Arturo Prieto) polas denuncias xudiciais
tamén desaperecería o Directorio de Teis. Era o tempo de Basilio Álvarez.
En xullo de
1911 Basilio abandona a dirección do xornal madrileño "El Debate" e acepta
a petición do bispo de Ourense de ser párroco na difícil freguesía de Beiro (o
anterior cura fora asasinado). Grazas a este traslado, Álvarez pode estar en
contacto co seu grupo e lideralo sobre o terreo. 1912 e 1913 serán os anos máis
activos.
En agosto de
1912 apareceu o "Manifesto de Ourense" que se centraba en 3
ideas: redención dos foros, anticaciquismo e rexionalismo (xa máis político que
cultural, pero preferindo o termo agrarismo).
Despois comezou un programa de mitins por
terras sobre todo pontevedresas e ourensás (tanto en distritos conservadores
-bugallalistas- como liberais -riestristas-). O número de asistentes foi
espectacular e causou conmoción, pero tamén a extrema violencia verbal do
carismático Basilio que provocaba a éxtase da audiencia. Aparte de inquietudes
locales como o "matute" (viño foráneo que se facía pasar por
ribeiro), o público escoitaba frases como "la hoz debe servir para algo más que cortar hierba" ou "¡que corran regueros de sangre desde la
montaña al valle!" e entraba en delirio. Non había ideas complexas nin
un proxecto realista, senón a clásica chamada á loita dun pobo (co se
identificaba o orador coma "home dese pobo") contra o opresor (xa fora
o cacique, os representantes do goberno ou os comerciantes sen escrúpulos).
Basilio
Álvarez moveu masas (nun mitin na Estrada en 1912 a asistencia foi de
máis de 10.000 persoas) pero fracasou nos seus obxectivos: nin logrou a
hexemonía do agrarismo, sobre todo pola pouca influencia no norte, nin
conseguiu éxitos electorais porque non tiña unha estrutura coherente. As
sociedades agrarias simpatizantes seguían mantendo a súa independencia e
actuaban de acordo a intereses propios, ás veces contrarios ás directrices da
organización. Por exemplo en Ourense o inimigo eran os conservadores de Bugallal mentres que
en Padrón ou Negreira apoiábanos contra os liberais e en Redondela apoiaban aos
reformistas contra os liberais de Riestra.
Non logrou
tampouco o sostén efectivo das comunidades emigrantes. En abril de 1913 marchou
a Cuba pero só obtivo boas palabras e apoio moral.
Igual que os
antiforalistas, AG contara en principio coa benevolencia dun sector do Partido Liberal.
Os mitins eran permitidos polos gobernadores civís revocando decisións das
autoridades locais. Esta semi-inmunidade durou ata a morte de Canalejas en
novembro de 1912, pero aí mudou a dinámica.
A violencia
de AG era máis ben retórica, de feito o incidente máis grave nun dos seus
mitins -o da Estrada- foi unha pelexa entre mozos de dúas parroquias
enfrontadas que rematou cun morto (cousa moi habitual por aqueles tempos). A
pesar diso era difícil desvincular a oratoria desatada de Basilio Álvarez dos
incidentes que sucedían despois nos lugares dos seus mitins.
Comezaron
entón as persecucións xudiciais aproveitando eses episodios de violencia no
agro. El Heraldo Gallego (un xornal que
aparecera en novembro de 1913) e o seu director, Manuel Lustres Rivas, caeron baixo o peso das
denuncias.
Logo veu a
desbandada: Portela Valladares e Vicenti apartáronnse descontentos coa liña
seguida por Basilio, máis tarde, abandonan os ourensáns: López Aydillo, primeiro, e Lustres Rivas,
mais tarde. Finalmente, en novembro de 1914
o bispo Ilundáin retiroulle a condición sacerdotal a
Basilio Álvarez (non só polas ideas políticas, tamén pola súa vida persoal),
así que marchou a Madrid e o movemento quedou aletargado.
Basilio
seguiu tendo presencia na política galega nas dúas décadas seguintes, pero
nunca volveu a ter a forza deses anos 1912 e 1913. O agrarismo seguiu presente
entre os campesiños galegos en forma de múltiples asociacións de diversos
tipos, algunhas moi radicalizadas, pero nunca deron o paso de unirse e actuar
como un todo.
Paradoxalmente sería a ditadura de Primo de
Rivera quen lles daría acceso ao poder local e provincial a cambio da
moderación na solución do pleito foral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario