martes, 6 de marzo de 2018

Anfibios da comarca

  Un total de 13 especies (8 anuros e 5 urodelos) conforman a comunidade de anfibios da nosa zona. Catro destas especies son endémicas da península Ibérica, é dicir, só poden ser achadas nela.
  De todos os anfibios de Galicia só un par deles, o sapo de esporóns [sapo de espuelas] (Pelobates cultripes) e o sapiño patilongo [sapillo moteado] (Pelodytes punctatus), non están presentes na nosa comarca.

(Triturus boscai)
Tritón común
(Triturus helveticus)
Tritón palmeado
(Triturus marmoratus)
Tritón jaspeado
(Salamandra salamandra)
Salamandra común
(Chioglossa lusitanica)
Salamandra rabilarga
(Alytes obstetricans)
Sapo partero
(Discoglossus galganoi)
Sapillo pintojo
(Bufo bufo)
Sapo común
(Bufo calamita)
Sapo corredor
(Hyla arborea)
Rana de San Antonio
(Rana iberica)
Rana patilarga
(Rana temporaria)
Rana bermeja
(Rana perezi)
Rana verde


  Os urodelos son especies moi ligadas ao medio acuático sendo a píntega común (Salamandra salamandra) a máis terrestre e, por iso mesmo, a máis facilmente detectable en camiños e desgraciadamente en estradas -normalmente esmagada polos coches-. Sen dúbida a especie máis interesante do grupo é a salamántiga rabilonga (Chioglossa lusitanica), endemismo do NW ibérico, habitante de pequenos cursos de auga limpa e corrente débil con vexetación higrófila nas súas ribeiras. É pouco coñecida porque non acostuma afastarse dos cursos de auga, aínda que pode atoparse en ambientes moi húmidos en bosques caducifolios. A pesar de que ten hábitos nocturnos tamén é posible -pero difícil- vela durante o día.
  Os anuros, anfibios caracterizados pola ausencia de cola (ou sexa, ras e sapos), presentan xeralmente un menor grao de dependencia da auga que os urodelos. Por este motivo é fácil atopalos, sobre todo aos sapos, afastados de charcas e regatos. Moitos son de hábitos nocturnos ou crepusculares, e nas noites chuviosas de primavera e verán resulta familiar a imaxe de moitos sapos comúns (Bufo bufo) e sapos corredores (Bufo calamita) atravesando calquera carreiro. Ademais das ras típicas, pardas ou verdes, das cales podemos atopar tres especies na zona e do sapo raxado (Discoglossus galganoi), endemismo do occidente ibérico, tamén podemos achar a rela (Hyla arborea), coñecida polos seus costumes trepadores e a súa capacidade para cambiar a coloración da pel. Ten como hábitat masas permanentes de auga dotadas de moita vexetación nas beiras. Outra especie de comportamento peculiar é o sapo parteiro (Alytes obstetricans), caracterizado porque os machos levan adheridas ao seu corpo as postas, proporcionándolles protección fronte a perigos ambientais e posibles depredadores, comportamento que contrasta coa tendencia xeneralizada nos anfibios de ausencia ou mínimo coidado das postas. A diferenza dos urodelos, os anuros adoitan producir ruídos moi rechamantes. Ademais do croar típico da ra verde (Rana perezi) outras especies como a rela cantan á noitiña na primavera e verán, o que permite detectalas con facilidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario