En 1917 houbo en Ordes un par de roubos
bastante espectaculares e non na feira (o lugar máis habitual onde pululaban os
carteiristas e estafadores que pasaban moeda falsa), senón en dúas casas moi
adiñeiradas.
O primeiro tivo lugar en maio e produciuse no
comercio de Juan Liñares. Era un
lugar especialmente apetecible porque o dono tamén era banqueiro, así que era
de supoñer a existencia dunha gran suma de diñeiro como efectivamente así foi.
O ladrón (ou ladróns) entrou a noite do
venres ao sábado despois de perforar a porta do comercio, a pesar de estar esta
revestida de ferro.
A cantidade roubada da caixa de caudais
ascendeu a un total de 6.800 pesetas!
da época, das cales 1.050 foron en pezas de ouro (libras esterlinas, luises e
moedas españolas de 25 pesetas), 1.500 en moedas de prata, 1.000 nun só
billete, 500 noutro billete e 2.750 en billetes pequenos de 25, 50 e 100
pesetas. Aínda así, despois de rexistrar outras dependencias, o ladrón deixou
un libro tirado no chan que tiña no seu interior varios billetes máis de 1.000
pesetas que non viu.
Unha irmá de Juan Liñares durmía no piso de
arriba pero non se decatou de nada. O dono durmía nunha casa contigua
comunicada co comercio por unha porta interior e tampouco oíu nada.
Inmediatamente sospeitaron dun suxeito que
visitou o venres o comercio e que debeu deixar os dedos marcados sinalando os
ferrollos, marca que lle serviu de referencia para tradear a porta.
Ante a magnitude do roubo a Garda Civil de
Ordes e Santiago máis os gardas municipais desta cidade puxéronse en acción e
pronto chegaron as detencións. En Ordes foi detido Pedro González Calvo e
posteriormente en Calo (Teo) Elvira Neira, Juana Villar, Carmen Paredes e
Manuel Calvo Iglesias.
En setembro outro roubo produciuse na casa do avogado
Jacobo Amor del Río (futuro alcalde en 1925) e o resultado foi moito máis modesto: entre alfaias, roupas e
outros efectos o valor do roubado era dunhas 620 pesetas (o cal, de todos os
xeitos, chegaba para pagar unha viaxe de ida e volta en 3ª clase ata Cuba). Foi
detido por este roubo José Nogareda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario