Ramón
Fernández Mato (1889-1980) foi un importante personaxe da vida pública
galega e mesmo española antes da Guerra Civil. Nacido en Cespón (Boiro),
estudou medicina en Santiago (onde coñeceu a Castelao e participou na tuna) e logo,
ademais de médico, foi xornalista, escritor e tamén político.
Pero... cal foi a súa relación con Ordes?
Pois nos seus comezos na política, no ano 1917,
foi deputado provincial polo distrito de Órdenes-Arzúa xunto co inevitable
Saturnino Aller, Enrique Álvarez Mir e Ángel Aperribay, todos liberais e polo
artigo 29 -é dicir sen necesidade de eleccións- porque era a época de absoluto
dominio de Aller na comarca.
Isto trouxo como consecuencia que don Ramón
visitase algunha vez a nosa vila e dese algún discurso na casa de Saturnino
Aller, que estaba onde agora o "Nogallás". Cando rematou esta etapa e
despuntou a súa carreira política nunca máis volveu por Ordes.
Sería logo gobernador civil de varias
provincias e director xeral de Seguridade na época republicana. Exiliouse ao
final da Guerra Civil e residiu en Cuba onde viviu a revolución castrista. A
súa relación co rexime foi mala. Escribía para unha revista estadounidense e o
goberno cubano confiscáballe todos os dólares. Cansado e sen un peso, saiu de
Cuba e pasou un par de meses en Caracas na casa do seu fillo Manuel.
E aquí reanudouse en certo modo o vínculo con
Ordes, porque no luxoso ático ("penthouse" dicían alí) de don
Manuel e a súa bela muller Sherly vivían tres criadas que eran irmás
e galegas... concretamente do Mesón do Vento! Unha delas, Mercedes Boquete,
estaba casada cun mozo de Ordes, Juan Ferreiro, tamén emigrante en Caracas. Por
ese motivo a el permitíanlle durmir na casa.
O caso é que a don Ramón o seu
fillo e nora non lle facían demasiado caso, así que entretiña as tardes (cando
Juan volvía do traballo) falando con el, que o escoitaba con gusto porque
don Ramón era un gran narrador e cos seus contos pasábaselle ben o tempo.
Ao saber de onde era Juan contoulle con gran
desvergonza como a primeira vez que dera un discurso en Ordes non
sabía nada da vila pero fixera un espectacular panexírico falando da súa
beleza, do verde da paisaxe e outras xeralidades que aplicaba en todos os
sitios aos que ía.
-
No te metas nunca en política, Juan. Yo
tuve 7 criados y mira: ahora solo tengo esta maleta...
Outra anécdota moi divertida era dos seus
tempos de médico en Boiro. Como non había dentista, el, que non tiña nin idea,
tamén se atrevía coas extraccións. Un día chegoulle un paisano cun enorme
flegmón...
-
Hombre, esto está muy mal. Así no sé si
podré quitársela.
-
Estou que adoezo. Ten que tirala, doutor.
-
¡Pero le va a doler muchísimo!
-
Non importa. Póñame algo de "durminte".
O malo é que don Ramón non tiña anestésicos,
así que colleu un xarope de améndoas doces que era o primeiro que tiña a man e
untoulle a encía con el. Logo colleu as tenaces e tirou, tirou e tirou. Os
berros do paciente oíronse por toda a Ría de Arousa.
Por fin saiu a moa e o paciente aliviado,
mentres pagaba as tres pesetas de rigor, comentou:
-
Grazas a Deus polo "durminte"! Se non mo chega a poñer, non o
aturaba!
Don Ramón volveu a España en 1965 e
instalouse na Mariña de Lugo, de onde era a súa muller. Morreu en 1980 en Vilagarcía de Arousa pero os
seus restos repousan en Ferreira de Valadouro.
A finais dos anos 90 fun ao Valadouro ao
enterro do pai dun compañeiro de traballo. Posiblemente estiven a poucos metros
da tumba de don Ramón pero naqueles tempos ignoraba que alí estaba soterrado o
home que tantas tardes compartira co meu pai en Caracas. Será unha parada
obrigada se de novo volvo por alí.
No hay comentarios:
Publicar un comentario