A imaxe de Nosa Señora das Dores da igrexa
parroquial ordense, unha das máis veneradas polos fieis católicos, é de madeira
e ten 145
centímetros de altura, brazos articulados e mans xuntas
cos dedos entrelazados. Está colocada nunha pequena peaña, tamén de madeira.
No século XIX a illa caribeña era o destino preferido de miles de
emigrantes galegos. Alí residía o matrimonio formado polos melidenses Andrés Pérez Buján
e Rosa López (sen 2º apelido) con tres fillos.
Despois da morte do seu marido, Rosa, que
tiña entón uns 36 anos, volveu a Galicia en 1865 e nesta viaxe trouxo catro imaxes relixiosas: a da Virxe das
Dores e outras tres de pequenas dimensións -30 cm- de San Antonio de Padua, a
Virxe do Carmen e un neno Xesús. Actualmente son propiedade da súa bisneta
Carmen Vilariño Pérez.
Rosa casou en segundas nupcias con Domingo
Rodríguez Cid, capataz de legoeiros, con quen tivo tres fillos máis. Morreu en
Ordes en 1913 con 84 anos de idade.
A imaxe
que regalou á igrexa tiña en orixe un único puñal atravesando o seu corazón. A
finais dos 60 foi substituído por un corazón de prata con sete espadas cravadas
que fan referencia ás "sete dores" (sete episodios na vida de Xesús
que a fixeron sufrir).
Pola súa expresividade e fermosura a imaxe
pronto foi obxecto de gran devoción.
Coas obras de ampliación da igrexa entre finais dos 50 e 1962, sendo párroco don José Fernández Fuentes, colocouse na nave da
esquerda un altar, con retablo unido, onde se puxo a imaxe e onde permanece
desde entón.
Varias "camareiras" fóronse
sucedendo no coidado e adorno da imaxe e do retablo. Desde 1930 foron
Purificación Viqueira (muller de Domingo A. Moar Veiras), Julia Santos
Bermúdez, Belia Fernández Fuentes (a irmá do párroco) e Mª Josefa Calvo
Abeijón. Esta última comezou arredor de 1970 e desempeñou ese labor ata 1995,
ano en que se creou a confraría.
A
procesión do Venres Santo coa imaxe da Virxe das Dores celébrase en Ordes (como
noutros moitos lugares) desde hai moito tempo. Durante os anos da República e
Guerra Civil foi afectada polas tensións políticas, pero na posguerra foi
sempre bastante concorrida. O 28 de marzo de 1995 creouse a confraría (primeiro Cofradía
de Nuestra Señora de la Soledad e agora Cofradía
de Nuestra Señora de los Dolores y la Soledad) cuns 60 membros,
sendo o seu presidente José García Barreiro. Desde entón a procesión gañou participantes e
aparato e a confraría membros. Hoxe xa son ao redor de 350.
En 2007 os confrades compraron unha coroa de
prata para a imaxe. De aí xurdiu a idea de solicitar en 2008 ao Papado romano
a autorización para a súa coroación canónica.
Un par de anos despois na Semana Santa de 2010 -o 30 de marzo- tivo lugar,
presidida polo arcebispo de Santiago Monseñor Julián Barrio, a solemne cerimonia de coroación canónica da Virxe
(recoñecemento de Roma que só tiñan 8 en Galicia). Ademais mostráronse ao
público as obras de amaño da igrexa e unha nova imaxe, un Cristo Xacente, para
engadir á procesión.
No hay comentarios:
Publicar un comentario