Na parroquia de Buscás, ademais do cruceiro
da Rúa preto da igrexa de San Paio
e un cruceiro particular nunha casa da Gorita, hai outro bastante peculiar ao que
algún alcumou "cruceiro agochado". A razón é que está no bordo dun terreo
arborado polo que, a maior parte do ano, é fácil pasar preto del sen decatarse
da súa presenza. No inverno coa caída da folla xa é máis visible.
  O lugar denomínase Cruz de Pedra ou O
Cruceiro e está a uns 200
 metros ao norte dos Ramos e uns 80 metros ao leste do
Camiño Inglés. Uns 60
 metros máis ao norte hai unha casa en ruínas á que
chamaban "Casa do Cruceiro" e coa que probablemente tivera relación.
  O cruceiro está integramente feito de pedra.
É de pequeno tamaño, aproximadamente 2,60 metros. Non ten gradas e si un pedestal prismático de 40 centímetros desde
o chan e 70
 centímetros de lado. Del sae un varal cilíndrico que
mide 1,60 metros
de altura (cunha greta bastante importante case a 90 cm do pedestal). 
  Non hai capitel senón un aro de metal  ao final do varal. Tampouco hai cruz, só unha
Piedade esculpida moi toscamente e con restos de ser restaurada con cemento.
| 
    
  Contoume Pilar Abruñeiras, unha veciña do lugar, que a carón do cruceiro se
  soterraban os nenos que morrían sen bautizar. Tamén que unha vez o
  cruceiro foi roubado polos mozos do Mesón do Vento e logo recuperado polos
  mozos de Carballedo que o foron buscar montados nun tractor e comandados por
  un Cancelada. Despois volvérono a poñer no seu lugar de sempre. 
   | 
 
   Se queres ver máis fotos e a súa
ubicación nun mapa preme en Cruceiro dos Ramos da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.

Un saudo para este brillante ordense, que coa sua axuda aporta cultura e historia a toda a xente. Moitas grazas de parte dun paisano de Parada
ResponderEliminarAgradecido polos eloxios. Un forte abrazo.
Eliminar