miércoles, 23 de octubre de 2024

Toponimia de Ardemil

Ardemil
: a parroquia de San Pedro de Ardemil debe o seu nome a unha vila altomedieval propiedade dun tal Ardemirus. Este nome está composto polos elementos góticos hard ‘duro, severo’ e mêreis ‘famoso, célebre’, ou sexa “célebre pola súa dureza”. Esta *(villa) Ardemiri probablemente fose durante un tempo Ardemir, antes de chegar á forma definitiva de Ardemil, topónimo que, como outros rematados en –mil, deu pé a lendas populares que vían no número 1000 a súa razón de ser, como neste caso a lenda dos mil mouros queimados.
Achán: podería ser que o topónimo estivese dividido no pasado? quizais antes fose A Chan (do latín planu), sendo así que significaría ‘terreo liso’, pero isto é unha mera suposición sen probas que a avalen.
Adina: no Catastro de la Ensenada (1750) aparece escrito "feria de la Adigna". Será posible que no pasado o topónimo fose A Digna? Deste xeito sería un eloxio do lugar. E novamente é unha hipótese que lanzo a falta doutra mellor.
Axáns: probablemente veña dunha *(villa) Agilanis, propiedade dun tal Agila, nome dun rei visigodo que contén a partícula agi ‘espada’.
Barcula: posiblemente teña relación coas partículas *barc ou *barg que indicarían unha depresión ou valgada no terreo, neste caso non demasiado grande.
Brea: significa verea, palabra que procede do baixo latín vereda, que á súa vez ven do latino ou céltico veredus ‘cabalo de posta’. Antigamente a verea era unha vía principal pola que transitaban os veredi pero co tempo foi mudando de significado ata converterse nun ‘camiño estreito ou angosto’.
Cabeza de Lobo: o nome da capital parroquial podería aludir a algunha característica orográfica do terreo, pero parece máis probable que faga referencia á nobre casa dos Moscoso (cunha torre a un quilómetro escaso do lugar) que tiña como escudo heráldico a cabeza dun lobo chorreando sangue. Dado que en Bardaos (Tordoia) existe un Rabo de Lobo, resulta tentador entendelos como os dous extremos dos territorios dos Moscoso, pero novamente isto son só suposicións sen probas que as respalden.
Canedo: abundancial de cana, do latín canna, lugar con multitude de plantas gramíneas.
 

Carballeira: abundancial de carballo (palabra que provén da forma prerromana carva), bosque de carballos.
Carreira: procedente do latín *(via) carraria, e esta á súa vez de carru, designando así un camiño de carros.
Carrucheiros: posiblemente teña a mesma orixe, cun tono despectivo, aludindo a un camiño de "carruchos".
Castro: do latín castru, que era como os romanos chamaban a un campamento militar fortificado, e que rematou por substituír á palabra celtica brig.
Cruz: do latín cruce, co sentido de encrucillada de camiños.
Filgueira: aínda que na actualidade se lle chame Folgueira, Filgueira parécese máis á palabra latina filicaria, da mesma orixe que filictu ‘grupo de fieitos’.
Fraga: do latín fraga, terreo arborado e con espeso mato.
Froxil: debeu ser *(villa) Frogilde, pertencente a un terratenente chamado Frogildo, nome xermánico moi abundante na época e que resulta da unión dos elementos góticos frauja ‘señor’ (aplicado tamén a deus) e gild ‘imposto, contribución’.
Hedra: do latín hedera, nombre da coñecida planta rubideira.
Mámoas: nome debido á presenza deses monumentos prehistóricos. A palabra procede do latín mammula ‘teta pequena’ e esta á súa vez de mamma.
Mesón: topónimo controvertido que na opinión de Cabeza Quiles parece proceder de mesa ‘meseta’, pero outros estudosos como Dolores González defenden a teoría de mesón como pousada rexentada por un tal Benito da Fonte.  
Morgade: podería provir dunha *(villa) Mauricati, propiedade dun tal Mauregato. Non obstante o nome morgado ou mogardo segundo Leandro Carré Alvarellos é o conxunto de bens ou propiedades que non podían venderse e que á morte do posuidor pasaban a un só herdeiro. O topónimo pois designaría un lugar onde se asenta unha propiedade indivisible ligada á figura dos vinculeiros.
Moscoso: outro topónimo controvertido. O máis intuitivo é supoñer que a orixe sexa o insecto (en latín musca) e, de feito, hai unha lenda que a relaciona co apelido Mosquera. Pero doutra banda é difícil pensar en lugares onde haxa moscas permanentemente xa que en Galicia desaparecen nos moitos meses de frío. Outra hipótese máis probable é que aluda a un lugar cheo de musgo (muscus en latín).
Orellán: podería ser que aluda a algún accidente xeografico que tivese forma de orella (en latín auricula) ou a algún antigo personaxe que viviu alí con esta característica física moi acusada. Non obstante parece máis probable que proveña doutro propietario medieval. Sería unha *(villa) Aureliani,  é dicir ‘vila de Aureliano’. 
 
 
Pazo: do latín palatiu, casa nobre e señorial.
Piolla: terá relación co insecto (en latín peduculu) ou tal vez coa herba piolla?
Porta do Nó: o misterioso nó (nodus en latín). Quizais un lugar onde se cruzaban dous camiños?
Porto: do latín portu, aludindo a un paso estreito entre dúas zonas elevadas ou a un lugar de refuxio ou abrigo.
Raposeiras: lugar onde hai goridas de raposo (animal que en latín era rapu).
Reboira: probablemente proceda de repullu ‘carballo novo’, igual que outras palabras coma rebolo e reboleira.
Salgueira: abundancial de salgueiro, árbore cuxo nome procede do latín *salicariu.
Seixo: nome que procede do latín saxu ‘pedra’. Lugar moi abondoso en pedras.
Tirás: nin idea. Podería estar relacionado coas partículas prerromanas *tara ou *tor que aluden normalmente a sitios altos e rochosos (o que non é aquí o caso) ou quizais co numeral tres-tria?
Xenarde: a etimoloxía popular fala dun gran incendio. “Arden mil montes, arde-mil!”, berraban os veciños desesperados, ata que nun pequeno outeiro, o Cotón de Xanarde (451m), comezou a amainar o lume e unha veciña deu a boa nova: “Xa non arde, xa n’arde!”. A fría etimoloxía cientifica supón en cambio unha vila medieval, *(villa) Janardi, propiedade dun tal Janardos. Este antropónimo, documentado na Galicia do século IX, está formado polo elemento gótico hard ‘duro, forte’ e tal vez no primeiro lugar a palabra *gais– ‘lanza’, así que significaría "Lanza forte".

No hay comentarios:

Publicar un comentario