Entre os defensores da teoría do mesoneiro
Bento como orixe do topónimo do Mesón está a profesora ferrolá Dolores González de la Peña. No seu
(polo menos para min) moi interesante blog Arqueotoponimia
ten un artigo onde fala do tema: "Benito da Fonte: o Bento do Mesón do Bento". Podedes usar a ligazón ou velo aquí.
Mesón do Vento ou do Bento?
Sobre este curioso topónimo do Camiño Inglés téñense pronunciado moitos filólogos
e interesa aos paisanos coñecer se convén escribilo con uve ou con be.
Di Cabeza Quiles (Toponimia
de Galicia, 2008, px. 402) que "segundo algúns autores e opinións,
faría alusión a un hipotético propietario ou mesoneiro de nome Bento (Benito,
en castelán). Non compartimos esta opinión por crer que a expresión toponímica
"do Vento" pode facer referencia ao vento, que, tendo en conta a
situación elevada e desprotexida do lugar, alí ha soprar con forza e
frecuencia, como ocorre cós topónimos Ventoso, Ventoseira, Ventosela
[...]". Incluso, o autor descarta que no lugar houbese un establecemento
hosteleiro, apuntando que o termo mesón neste caso indicaría unha elevación do
terreo en forma de mesa orográfica.
A nós non nos cabe dúbida de que o termo mesón, nun camiño da relevancia
que tivo na antigüidade o Camiño Inglés, facía referencia a unha venta, taberna
ou establecemento hosteleiro con posibilidade de aloxamento para os peregríns e
arrieiros. A existencia deste camiño real viña informada polo capelán de
Crendes, que no 1775 debuxouno dende Cabeza de Lobo e Hospital de Bruma ata a
ponte de Beldoña xa preto de Piadela - Betanzos (v. a entrada neste blog: O nó viario prerromán das Travesas
(Carral)).
Respecto á discusión de se é Vento (con uve) ou Bento (con be), unha
lectura detida do Catastro de Ensenada (1750) deparounos a
sorpresa de atopar ó futuro dono do mesón, que por entón tiña tres tabernas ó
seu cargo neste tramo de camiño real que pasaba pola parroquia de Beira
(Carral). Este dato disipa xa calquera posibilidade de defender unha etimoloxía
a partires de vento, baseada nas inclemencias do tempo e os fenómenos
atmosféricos.
Benito da Fonte, co seu nome de pila
castelanizado, era natural das Travesas, concretamente do lugar da Fonte, que xusto
veñen de atopar agora Manuel Ruibal e David Chas grazas á información fornecida
polo veciño Manolo de Pepito (de 99 anos de idade). Viviu a mediados do século
XVIII, fai uns trescentos anos, e tiña moita sona na contorna de Beira ó ter ó
seu cargo as tres tabernas da parroquia, o que lle reportaba uns beneficios
anuais astronómicos para a época. Del fálase nada menos que dúas veces no libro
do interregatorio xeral da parroquia de Santa Mariña de Beira [Veira no Catastro
de Ensenada].
"A la vigésima
nona [pregunta], dixeron que en este término hay las tres tabernas
que dexan depuesto, las que lleva en arrendamiento dicho Benito da
Fonte, al que, por la utilidad que le contemplan en él, le regulan de
ganancia mil y cien reales al año".
Dado que as catro tabernas da veciña parroquia de Ardemil (As Mamoas,
Cabeza de Lobo, A Piolla e Canedo), onde se sitúa O Mesón do Bento, levábaas na
época do Catastro de Ensenada o veciño Sebastián Francisco
Manteiga, e só lle reportaban trescentos reais ao ano, pensamos que Benito da
Fonte foi facéndose có tempo con boa parte do negocio da contorna, pois é que
cuadriplicaba as ganancias da competencia. En definitiva, o taberneiro Benito
da Fonte viu unha oportunidade ao non haber aínda ningún mesón en Ardemil no
1750 (v. Catastro de Ensenada - Ardemil), así que pouco
despois abriu un a só tres kilómetros das Travesas (Beira), que levaría o seu
nome e daría orixe á vila do Mesón do Bento.
Das tres tabernas que tiña Benito da Fonte en Beira, antes da apertura
do mesón coñecido polo seu nome de pila, parécenos localizar unha no lugar das
Travesas, pretiño da Fonte (onde residía o hosteleiro): trátase dunha
construción antiga con aspecto de ter sido taberna á beira do camiño real
monumentalizado (do que tratamos na entrada citada do blog). A casiña, cecais
de orixe medieval, vese moi deteriorada; cunha parte reconstruída con cemento e
teitada de uralita. O negocio semella pervivir no actual estanco-bar fronte
dela. Á existencia doutra taberna, xa en Montouto, ven indicado polo topónimo Taberna
Nova, a só catro kilómetros. O nome proba, unha vez máis, a existencia de
toponimia baseada ou motivada pola instalación de establecementos hosteleiros
(v. p. ex. Hospital
de Bruma) ás beiras
dos antigos camiños reais.
Recoñecendo que eu son un simple afeccionado, vexo un burato grande
nesta teoría. Realmente o único que está demostrado é que nas Travesas vivía arredor
do ano 1750 Benito da Fonte. Todo o demais é plausible pero puramente
hipotético. Efectivamente puido abrir un establecemento despois de 1764, ano
no que empezou a construción do Camiño Novo (hoxe N-550) ou puido ser outra
persoa distinta.
Pero o principal atranco é a forma
"Bento". En galego o nome latino Benedictus rematou por
transformarse en Bieito, amplamente documentado na Idade Media, mentres Bento
é a forma portuguesa. É dicir, en todo
caso sería "Mesón de Bieito" (coma o "Mesón de Deus") e
non "Mesón do Bento".
Outro pequeno punto en contra da teoría é que en 1822 pasou polo lugar
o cartógrafo Domingo Fontán e deixou escrito na súa libreta de apuntes
"Mesón del Viento" (en castelán). Moi raro sería que apenas 50 anos
despois do presunto nacemento do topónimo a xente do lugar non lle soubera explicar que non era vento, senón un
nome equivalente a Benito.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario