Os escudos do pazo do Bidueiro son bastante
antigos e moi interesantes porque axudan a coñecer a historia da súa familia
propietaria. O escudo principal está situado na fachada oriental do pazo e hai
outro, máis pequeno e sinxelo, na fachada da capela.
Desde a construción do pazo no século XVII ata mediados do XVIII, os
propietarios foron os Becerra,
que procuraron, mediante vodas con parentes, manter unidas as súas propiedades e que non se perdera o apelido. Tiñan no seu escudo heráldico dúas becerras de goles en campo dourado. No
escudo de pedra do pazo a familia está representada por 8 becerras que van de esquerda
a dereita por unha bordura que rodea os 8 cuarteis centrais.
O primeiro cuartel (unha torre con dous leóns
rampantes) representa aos Torre. O
segundo (a cabeza dun lobo) representa aos Moscoso,
unha poderosa familia que tivo a súa orixe na parroquia de Ardemil,
concretamente nunha fortaleza (hoxe desaparecida) que había a escasos 300 metros de onde agora
está o restaurante Chaussy II.
No terceiro cuartel hai unha especie de
taboleiro de xadrez -o que en heráldica se denomina xaquelado- que representa
aos Bermúdez,
unha familia tan importante na historia da comarca que tamén forma parte do
último escudo do Concello de Ordes, o que se utiliza desde o ano 2008.
No cuarto podemos observar un piñeiro con 10
lanzas, 5 en cada lado, que representan á familia Caamaño.
No quinto cuartel hai 7 círculos -roeles* en
xerga heráldica- representando á familia Castro, que
descendía segundo a lenda do propio rei García. O roel do medio pode ser unha liberdade creativa do canteiro porque o escudo dos Castro só tiña 6 roeles. Quizais fixo o mesmo co sexto cuartel que representa aos Villardefrancos, quen habitualmente tiñan
no seu escudo só un brazo cun estandarte, pero aquí vese un cabaleiro completo
con espada e unha torre detrás.
Ademais do sexto, o sétimo e oitavo cuartel
representan o novo sangue que chegou a mediados do século XVIII cando Mª Esclavitud
Becerra casou con Bernardino José de Rioboo. Así a torre rodeada dunha silva
representa á familia Rioboo e
as barras diagonais aos Varela con
quen estes estaban emparentados.
O escudo da capela é unha copia máis pequena
e simple (e tamén está en peores condicións de conservación, probablemente porque está nun lugar máis sombrío).
Segue habendo 8 becerras pero hai unha
curiosa diferenza: mentres as 3 de arriba manteñen a mesma dirección que no
escudo grande, as outras 5 "marchan" en dirección contraria. Os 8
cuarteis quedan reducidos a 6, eliminándose as familias Castro e
Villardefrancos.
* Non hai unha tradución exacta de roel ao galego. En portugués denomínase arruela ou roundel.
Para máis información sobre heráldica de familias galegas:
Para máis información sobre heráldica de familias galegas:
No hay comentarios:
Publicar un comentario