Desde o 21 de decembro de 2021, día en que
morreu a pontevedresa Luisa Vázquez de
Silva, ata o 24 de agosto de 2022, Mª del Carmen Nouche cos seus 110 anos cumpridos foi a muller máis
lonxeva de Galicia.
María del Carmen Nouche Porro naceu o 15 de
setembro de 1911 na parroquia de Barbeiros e parece que xa a súa nai e
avoa chegaron aos 100 anos de idade. Non obstante dentro da familia só ela
herdou esta xenética privilexidada porque as súas tres irmás tiveron unha vida
longa pero nada fóra do común. A maior, Jesusa Nouche Porro (1907-1993) casou para
Aiazo e "só" chegou aos 86 anos. Isolina (1915-2004), a única que quedou en
Barbeiros chegou aos 89, e a menor, Josefa (1918-2009), que viviu en Lavandeira de
Abaixo, faleceu con 91 anos.
Obviamente nacendo antes da 1ª Guerra Mundial
foi moi dura a vida de María -que así acostumaban chamala-. Con 7 anos
sobreviviu ao pavoroso ano da gripe e con 21 casou para a parroquia de Poulo
pero o seu marido morreu na guerra civil. Anos
despois volveu casar con Modesto Mosquera Rodríguez (1906-1978). Con el
criou tres fillos porque outros dous morreron ao pouco de nacer. Traballou
duramente na casa, nas faenas agrícolas e vendendo queixos e outros produtos na
feira de Ordes.
O máis notable é que conservou a saúde e a lucidez
ata o final da súa vida. Só tiña mal oído e tomaba unha pastilla para a
tensión. Pasou os últimos anos sentada na porta da súa casa da Senra mirando
aos seus animais -porque nunca lle gustou a televisión-, conversando un pouco cos
que pasaban e logo cando entraba na casa ou en inverno sentada confortablemente
ao lume da lareira.
Antonio Mosquera Nouche, o fillo maior nacido
en 1941, é o único que a sobreviviu. Tanto el como a segunda irmá, Carmen
-que casou co británico David Robinson-, emigraron nos anos 60 ao Reino Unido,
polo que varios dos seis netos de María viven nese país, ao igual que a maioría
dos seus dez bisnetos e da súa única tataraneta, Honey-Rose.
O terceiro fillo, Luciano (1948-2010), que vivía
nesa casa de Senra, morreu aos 62 anos. Eran a súa muller Carmén López Rosende e a súa
filla Lucía
Mosquera quen coidaron de María.
Na última
festa de aniversario que celebrou, o alcalde e a Asociación de Veciños
entregáronlle unha placa de felicitación "por 110 anos de sacrificio,
humildade, esforzo e traballo". Pero o regalo máis prezado levoullo o párroco de
Poulo: unha bendición do mesmo Papa Francisco, xestionada a través da
Nunciatura.
María faleceu o 24 de agosto de 2022, faltando 22 días para cumprir 111
anos. Está soterrada no cemiterio parroquial
de Poulo. Substituíuna no posto de galego máis vello o pintor vigués Luis Torras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario