Á xeración dixital pode parecerlle medieval a frase "Ghastas pista?" que se usaba nos anos 80. Pois aínda imos máis atrás, aos tempos onde a frase clave era "Vés á palabra?". Podédelo ver neste estudo feito para a revista escolar Fontiña no ano 1993 por Silvia e Roberto Louro Fiaño cando estaban en 8º de EXB. MOCEANDO
CARÁCTERÍSTICAS XERAIS
CARÁCTERÍSTICAS XERAIS
Nas zonas rurais era moi distinto que en
cidades ou vilas grandes.
Que unha moza tivese relación con varios
pretendentes á vez era algo normal, pero co paso do tempo isto foi cambiando,
podendo unha moza manter relación cun único mozo durante un determinado tempo.
Nalgunhas ocasións as formas de conversación
entre moza e mozo consistían en cantarse coplas dirixidas, tanto á moza coma ao
mozo. Nisto consistía o parrafeo
entre os mozos. Nestas cantigas íase introducindo o nome da persoa á que se
dirixían.
Unha moza que era visitada por varios pretendentes tiña que casar cun
deles, que lle elixían os pais en función, sobre todo, da posición social. Esta
viña dada pola posesión de terras de labradío ou gando, porque así tiña asegurado
o sustento.
INTERESES FAMILIARES: HERDANZAS
No casamento, os intereses da familia centrábanse no tema das herdanzas.
O fillo que tiña "a millora" era considerado como de maior poder
dentro da súa casa e, por tanto, debía casar mellor.
Cando unha moza casaba cun millorado, debía ir vivir á casa deste.
Normalmente o millorado era un home e
moi poucas veces unha muller (só nos casos nos que non había descendencia
masculina).
Para que as herdanzas na hora das partixas
quedaran na familia era habitual o casamento entre curmáns. Unha vez tratada a voda había que ir a Santiago pagar
dispensas a Palacio para que o Bispo a permitise.
MATRIMONIOS DE CONVENIENCIA
Algúns matrimonios eran para conseguir unha mellora en posición social e
riqueza pero tamén os había para librar do servizo militar que, naqueles
tempos, duraba ata tres anos.
Un dos casos que me contaron foi o do mozo
maior dunha familia que casou cunha nena de 13 anos para poder librar ao irmán
pequeno da mili. O casamento realizouse
por "tratamento"
entre as dúas partes acordando que o mozo non durmiría nin mantería relacións
sexuais coa moza por ser aínda unha nena.
Outro caso foi o dunha moza "millorada"
que, entre os pretendentes, elixiu ao máis pobre a desgusto dos pais. O mozo era dunha familia media de catro fillos e aos
que lles ía tocar moi pouca partixa
no reparto da herdanza. Despois de non ser aceptado por 2ª vez, as familias
chegaron a un acordo. O pai da moza preguntoulle ao pai do mozo:
- Ti asegúraslle ao teu fillo tanto
como eu lle aseguro á miña filla?
- Eu asegúrollo e aínda máis: Heille
dar a millora ao meu fillo, aínda que
non lle corresponda por lei.
Cando non se chegaba a ningún acordo entre as dúas partes, podía suceder
que o mozo roubase á moza pola ventá para poder casar. Para isto un amigo do
noivo servía de intermediario entre os dous -a isto chamábaselle "andar por zapatillas"- para que o mozo a
roubase co consentimento dela.
As mozas roubadas eran levadas á casa do noivo pero pasando bastante
tempo sen casar. A moza era aceptada como unha máis da familia.
LUGARES
A casa
Os mozos ían xa de noite, despois de rematar
os traballos do día, á casa da moza. Ás veces tiñan que andar grandes
distancias a pé -ou a cabalo se eran ricos-.
Estaban coa moza en diversos lugares da casa:
-
Nun banco no exterior cando o clima da estación o permitía.
-
Nun banco no corredor, que era o máis habitual. Chamábase a isto "mocear entre portas".
-
Nun banco na lareira na cociña. Os pais levaban a cabo todas as tarefas
domésticas sen importarlles que estivesen alí os pretendentes da moza. O que lles importaba era a
súa posición económica.
-
Na porta da casa que tiña a parte de enriba aberta, estando a moza por dentro e
o mozo por fóra.
Ás veces o mozo non era do agrado da familia da
moza e chamaba á porta cunha moeda ou coa parte de atrás da navalla que todos
levaban para que só se decatara ela e non o resto da familia. A isto
chamábanlle "peta-peta".
Feiras
As feiras eran o lugar ideal para que os mozos
abordaran ás mozas que lles gustaban. Usaban
expresións como:
- Escoitas un palique, moza? - Vés á
palabra? - Mira unha palabra.
Se á moza lle gustaba o mozo ía pasear con el,
separándose do grupo de amigas co que normalmente ía.
Festas
As mozas sempre ían acompañadas de familiares ou amigas cando había
baile ou romaría. Os mozos tamén soían ir xuntos porque logo había que volver
andando de noite e era máis prudente ir acompañados.
"A cedida"
era o costume de pedirlle a bailar a unha moza que xa estaba bailando con outro
mozo. Usábanse expresións como:
-
Permítesme bailar coa moza? - Cédesme o
lote?
Ás veces a moza aceptaba con facilidade, outras
a desgusto e, moitas veces, o baile remataba cunha pelexa onde saían a relucir
garrotes ou navallas.
Os noivos
máis consolidados que non querían ceder á súa noiva, ían ao "retirado"
que era a zona máis apartada do centro do baile.
Adro da igrexa
O domingo era un día totalmente festivo e só
se levaban a cabo os labores imprescindibles (como dar de comer ao gando). A
misa dominical era punto de reunión da maioría da xente e, por suposto, da
mocidade.
O muíño
O
muíño era case o único sitio sin vixilancia familiar. Era o lugar onde ían "brincar" mozos e mozas. Como os muíños
eran comunais, había turnos para cada casa e era habitual que o turno fose de
noite. Cando
era así reuníanse no muíño mozos e mozas que tocaban a pandeireta e bailaban
ata altas horas da noite.
Pode dicirse que destas muiñadas saían o
maior número de fillos ilexítimos (fóra do matrimonio). O problema era que estes fillos logo non eran
recoñecidos polos pais nalgunhas ocasións. Podían pasar tres ou catro
anos antes de que houbera voda e foran recoñecidos ou non selo nunca.
Tarefas
agrícolas
Había varios labores do campo que eran feitos por moitos veciños en
colaboración. Ao remate acostumaba haber unha celebración:
- A tasca do liño: Cando remataban o
proceso de elaboración do liño, as rapazas empezaban a cantar para que as oísen
os mozos e logo estes viñan bailar e tocar a pandeireta.
- A esfolla do millo: O mozo que atopaba
unha espiga "reina" tiña o dereito de
bicar a unha moza. Pola noite mozos e mozas divertíanse cantando cantigas que se dedicaban uns a outros.
DÍAS
Os días laborables dedicados a mocear eran cara ao fin de semana.
Normalmente a partir do mércores. Cando remataban de traballar os mozos ían por
corredoiras e por montes á casa da moza e, despois de estar un pouco con ela,
volvían cedo.
O domingo, en cambio, no que só se realizaban as tarefas imprescindibles,
podíase estar máis tempo moceando, tanto pola mañá como pola tarde.
FORMALIZACIÓN DO NOIVADO
Cando a moza era "casadoira" tiña que escoller a un dos
pretendentes. Unha vez escollido e acordado, non podía ver ou falar con ningún
outro mozo.
O costume era que o pai do noivo fose pedir a man da noiva. Ningún dos
dous estaban presentes nesta reunión dos pais. A dote era unha especie de prezo
simbólico que os pais do noivo daban a noiva.
Fixado o día da voda, o pai do noivo ía ver ao cura para que publicara
na misa as amonestacións
(notificacións públicas) por se algunha persoa quixese manifestar algún
impedimento.
Silvia e Roberto
Louro Fiaño
No hay comentarios:
Publicar un comentario