sábado, 18 de julio de 2026

A familia Bao

   Aínda que residentes en Buscás, a familia Bao procede de Ardemil. Alí naceu, concretamente na Barcula, no século XIX Antonio Bao Varela (1879-1918) que casou con Juana Bello Boquete (1871-1957) natural da aldea dos Lameiros. Tiveron un par de fillos (Manuel e Manuela) que morreron antes de cumprir un ano de idade. Logo tiveron outros 9: Manuel, Manuela Valentina, María, Juan, Francisca, Dolores, José, Valentina e Jesús Bao Bello.
 
Manuel Bao Bello (1899-1986) casou con Antonia Botana Vázquez (1900-1962) con quen viviu na Bouciña. Tiveron dous fillos, María (que casou para Cernadas en Carral con Manuel Martínez o Negro) e José. Manuel pasou os seus últimos anos en Cernadas na casa do xenro. José Bao Botana (1935-2007) quedou vivindo na Bouciña ata 1982, ano no que no medio dunha discusión matou a Jesús Martínez, un veciño co que se levaba mal. Isto ocasionou o seu ingreso en prisión, onde falecería.
Manuela Valentina Bao Bello (1902-1997) emigrou a Uruguay onde casaría en marzo de 1930 con Severo Mateo Argento Mainero. Tiveron dous fillos, Mª Ángela e Héctor Walter Argento, que á súa vez tiveron dous fillos cada un. Manuela morreu en 1997 e está soterrada no Cemiterio Central, Barrio Sur, de Montevideo.
María Bao Bello (1902-1985) casou con Benito López Fernández (1892-1985) con quen viviu na Carreira (Ardemil). Tiveron 6 fillos: Manuel, José, María, Julia, Jesús e Pura López Bao. De todos eles o máis coñecido foi o segundo, José López Bao (1927-2015), un dos máis famosos construtores de gaitas de Galicia e nos seus anos mozos outro dos numerosos músicos tradicionais que había na comarca.
Juan Bao Bello (1904-1991) tamén emigrou, no seu caso a Cuba. Casou con Esther Hernández Reinaldo, coa que tivo 2 fillos, Rolando e Juan Francisco, e outro máis que morreu de neno. Juan Francisco faleceu en 1989 nun accidente de tractor.
Francisca Bao Bello (1906?-?) tivo un fillo de solteira, Antonio Bao Bello, que emigrou a Venezuela.
Dolores Bao Bello (1907?-1956) tivo unha filla, María Porro Bao (1931-2023) que casou con Benigno Candal Vieites (1930-2024) o Carpinteiro da Carballeira. Ese matrimonio tivo 4 fillos e a familia é coñecida como os do Carpinteiro.
José Bao Bello (1908-1957) o Muiñeiro de Ouces. Nunca casou pero tivo dous fillos non recoñecidos coa mesma muller, Lino e Ermitas.
Valentina Bao Bello (1914-1989) tivo unha filla de solteira, Dolores Bao Bello (1936-2012) que casou con Pedro Mira. Posteriormente Valentina casou con Andrés Gómez López (m.1966) co que tería 3 fillos máis (e outros dous que morreron de nenos). Esos tres foron Manuel, María e Adolfina Gómez Bao.
Jesús Bao Bello (1917-1980) non casou aínda que se comentaba que unha tal Arsilia -que vive no RU- era filla súa. Tivo problemas de mozo coa xustiza: en marzo de 1935 foi agredido en Mámoas por Juan Couto, en abril continuaron a pelexa e disparou varios tiros para asustalo. A broma custoulle unha multa de 250 pesetas. Na guerra perdeu tres dedos da man dereita polo que era "cabaleiro mutilado". Curiosamente en 1948 foi un dos acusados na causa 400/47 porque deixou pasar a noite na súa casa... ao seu "amigo" Juan Couto e aos dous compañeiros deste.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario