No ano 1961
hubo moitas novas interesantes en Ordes.
En marzo tivo lugar unha reunión do gremio fiscal
para tratar dos novos impostos de consumos de luxo, viños e alcol, e nomear
novos representantes. A xuntanza, celebrada na casa consistorial, foi presidida
polos representantes saíntes, o secretario do concello Ángel Concheiro e os
funcionarios Laureano Iglesias e Ignacio Castro. Votaron 62 persoas, sendo
elixidos Manuel Mariño, Julio Liñares, Mariano Amado, Ismael Calvo, Juan
Viqueira, Andrés Ramos e Manuel Liste.
O día 18 de abril as mulleres de Mercurín
atacaron a unha brigada de axentes forestais no monte Inxerio.
A electrificación do rural era un proceso imparable na década dos 60. O día 29 de abril o gobernador civil
Evaristo Martín Freire inaugurou un transformador de FENOSA que tiña unha
potencia de 50 Kwh nesta ocasión na parroquia de Poulo.
Foi recibido na vila polas autoridades de Ordes. Logo a comitiva dirixiuse á parroquia veciña
onde o esperaban moitos veciños, o delegado comarcal de Sindicatos, o xefe da
Irmandade de labradores de Poulo, o secretario do concello, o delegado de FENOSA
para a zona de Santiago, a comisión parroquial para a electrificación e o
párroco don José Barreiro que procedería á bendición do transformador. Despois
dun breve discurso do gobernador, moi aplaudido, houbo un refrixerio no local
da escola parroquial.
En xuño
tivo lugar a inauguración do campo de fútbol do Rayo FC.
En agosto foi o tempo das festas patronais, que
segundo opinión xeral resultaron excelentes. Como de costume foron amenizadas pola Banda de Arca e dúas
orquestras, Florida
de Pontevedra e Orquesta Radio da Coruña.
Ademais o 15, día grande, houbo fútbol internacional! O Órdenes enfrontouse
ao Vila Real de Portugal en partido que rematou perdendo 2-3. Máis modesto foi
o partido celebrado o 16, San Roque, onde o Rayo derrotou por 5-3 ao Santirso
FC (da primeira División das Mariñas). Houbo tamén un prestixioso visitante: o
xastre Manolo Sousa, fillo do tamén xastre Manuel Sousa Hermida, que volveu
brevemente á vila despois de 15 anos de ausencia.
En setembro a nova máis destacada foi a voda de
Pilar Coello e Antonio Concheiro Carro.
En novembro a electrificación do concello deu un
novo paso, neste caso na parroquia de Lesta.
A comisión de veciños solicitaba instalar un ramal de liña a 10.000 voltios de 3,5 km de lonxitude que
partiría dun centro de transformación propiedade da empresa de Jesús Romero
Calvo e un centro de transformación situado en Lesta para servir aos lugares da
Cruz, Abeneiros, Altiboia, Pazo, Pereiriñas, Camiño, Agromaior, Xermiñas, Agrela,
Couto e estrada. O orzamento ascendía a
157.000 pesetas.
Ese ano tamén avanzaba a concentración
parcelaria na comarca, especialmente en Tordoia. En Ordes realizaron a
solicitude para os traballos preliminares as parroquias de Beán, Montaos,
Parada, Pereira e Poulo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario