lunes, 14 de julio de 2025

O ano 2010


  No ano 2010 o mundo continuaba en crise, aínda que en Dubai se inaugurase o Burj Khalifa, o edificio máis alto do mundo. En xaneiro tivo lugar un terrible terremoto en Haití con máis de 250.000 vítimas. Nos Estados Unidos comezaba o "Obamacare", un cambio no seu sistema sanitario. En Uruguay chegou ao poder José Mújica e en Brasil iniciaba a presidencia de Dilma Rousseff, mentres en Chile era Sebastián Piñera, o primeiro político de dereitas desde Pinochet, que ostentaba a presidencia. Neste último país tivo lugar o suceso máis rechamante: un accidente nunha mina na que quedaron atrapados 33 mineiros a máis de 600 metros de profundidade. Despous de dous meses foron rescatados con vida, evento que conmoveu a todo o planeta. O ano finalizou cun incidente aparentemente insignificante: a detención do vendedor ambulante Mohamed Bouazizi de 26 años nunha localidade tunecina.
  2010 foi tamén o ano en que Steve Jobs presentou o iPad e naceu Instagram.
 
  2010 comezou co gran éxito "Tik Tok" de Kesha, continuou con "California Gurls" de Katy Perry e o bombazo mundial do "Waka Waka" de Shakira. Na época dourada das series de TV, Lost chegou ao seu decepcionante final. A película máis influínte foi Inception de Nolan. Tamén vimos The Social Network e animacións como How to Train Your Dragon e Despicable Me coa aparición de Gru e os Minions.
 
  En España, despois do socavón que significou 2009, houbo unha lixeira recuperación do PIB, pero o ano seguiu sendo malo. En marzo ETA matou por 1ª vez un xendarme francés e agudizouse o problema catalán. En xullo houbo unha gran manifestación en Barcelona contra a resolución do TC contra o Estatut, logo en novembro CIU gañaría as eleccións autonómicas despois de dúas lexislaturas de tripartito, chegando á presidencia Artur Mas. O ano rematou cunha folga de controladores aéreos que ocasionou a declaración do estado de alarma, por 1ª vez na época democrática. Outro cambio significativo foi o apagón analóxico e o comezo da TDT en abril.
  En cambio foi un ano excepcional no deportivo co 1º triunfo da selección española de fútbol no Mundial de Sudáfrica, gañando a Holanda na final. En novembro España gañou os 3 campionatos e os 3 subcampionatos! de motorismo de velocidade en Cheste.
  En Galicia gobernaba Alberto Núñez Feijoo do PP con políticas de recortes e austeridade que provocaban protestas da oposición pero que non lle afectaron o máis mínimo. O feito de ser Ano Xacobeo trouxo moitos máis visitantes á comunidade, sendo un alivio para a crítica situación económica.
 

  Ordes, que ese ano chegou aos 13.000 habitantes, empezou 2010 coa última nevada de importancia e un temporal de vento que deixou 150.000 euros en perdas.
  O goberno de Manuel Regos seguía forte a pesar dalgunhas dificultades como a sentenza de ter que pagar case 50.000 euros ás orquestras contratadas por Martino en 2007. Os que estaban en crise eran os seus socios do PSOE. En xaneiro Ana Mª Álvarez deixaba a Corporación por razóns "estrictamente persoais", sendo substituída por Xesús Pampín, que tamén sería cesado en xuño por criticar o excesivo gasto do concello en festas en prexuizo dos servizos sociais. Isto propiciou unha rectificación do goberno que, aínda que en principio o negou, presentou logo uns orzamentos "de austeridade" de 16,7 millóns de euros. Pola súa banda o PP rematou coa época "martinista". Estrella Vázquez Varela foi nomeada presidenta da comisión xestora, apostando pola integración das distintas correntes, pero a partir do verán chegou o novo líder, ex-membro do partido de Gozález, pero validado polo propio don Manuel Fraga: José Luis Martínez Sanjurjo Martís sería quen dirixiría o asalto ao poder, aínda que xa antes de comezar atopou un pequeno atranco na deserción de Díaz Hermida con motivo da edificación da nova Casa Consistorial.
 
 
  O máis significativo para a vila foi o comezo das obras da 1ª fase da Ronda Leste en marzo e as da 2ª en outubro. O 16 de xaneiro inaugurouse o Museo do Traxe e en novembro a actual biblioteca. Ademais iniciouse a construción do novo constistorio e antigas unitarias como a de Poulo e outros edificios como a reitoral de Beán transformáronse en locais sociais.
  A pesar da crise as festas de todo tipo seguían a tope. En marzo o bispo Julián Barrio visitou a vila para asistir á coroación da Virxe das Dores. En abril houbo nova edición de Expo Ordes con visita do presidente da Deputación Moreda e o día 30 a 3ª Gala contra o cancro coa recordada caída de Isabel Pantoja. En xuño volveu o Revoltosa Rock. En xullo Parada non quixo quedarse atrás e pagou á Panorama e á París de Noya! En agosto chegou unha nova edición de Brincadeira con Siniestro Total e a Orquesta Mondragón, logo o 1º certame de Desordes Creativas con aquel mítico mural de Liqen Jakkala, e finalmente as festas patronais que contaron con orquestras de 1º nivel e a actuación da parella cómica Nucha e Mucha. En setembro Poulo tamén contou con Bámbola e Olympus.
  Contrastaba este auxe festeiro coa decadencia da Movida que ademais viu como no sábado 23 de xaneiro un mozo compostelán de 16 anos morría diante do pub Cómic (por causas naturais). O traspaso do Pub Scoita (polo que pedían 40.000 €) sería impensable uns anos atrás.
  Os personaxes máis destacados foron o cardiólogo nado en Vilar, Alberto Bouzas Mosquera (que entón tiña só 33 anos), premiado pola revista The Lancet e o empresario Ramón Carro Romero que foi nomeado "Fillo Predilecto". O deceso máis notable foi o do avogado Jaime de Castro.
  Outras novas foron a sentenza favorable ao Concello contra a construtora Chofricas e o inicio do PXOM. Máis anecdótico foi a chegada dos parrulos ao paseo fluvial que gañou así o seu nome popular de "Paseo dos patos". E o máis divertido foi a cruenta guerra en Internet da entón moi activa asociación Foucelhas contra Ordessiete e un tal Varuspoulos, que nos trouxo momentos e frases memorables.

miércoles, 9 de julio de 2025

Bares, que lugares!

  No ano 2009 un estudo feito por La Caixa informou que en Santiago había 1.192 bares, cafeterías e restaurantes. Desde 2004 aumentara o número nun 6,3%. Comparaba ese número co de oficinas bancarias que era de 110. Así que dando un paseo por Compostela atopábanse 10 bares por cada sucursal bancaria.
  Ese número supoñía que había un establecemento hostaleiro por cada 79 veciños. Así Santiago era a cidade galega con máis locais per cápita por diante de Lugo (101), A Coruña e Ferrol (102) e Pontevedra (103).
  Pero aínda Santiago palidecía fronte a un concello que tiña ao lado. Si... adivinástelo. ORDES era ese lugar. Grazas aos moitos anos de movida (que estaban a piques de rematar) chegaba a esta alucinante cifra: un establecemento por cada 63 habitantes, o que o colocaba non só no primeiro lugar de Galicia senón tamén de España.
 

  Ao longo da historia da vila houbo unha morea de tascas, tabernas e bares que xa desapareceron. Aquí unha mínima mostra desde os anos 50 na que non están os pubs da movida nin locais modernos porque é practicamente imposible recordalos todos.
 
Na curva do Cano estaba o Estremeño. A Chabola foi un restaurante especializado en paellas antes da súa triste decadencia. En Merelle estaban o bar Zamora, os Blancos e o Mercurín.
No norte de Alfonso Senra a Parrillada Ramiro cambiou varias veces de mans e segue funcionando como kebab. En fronte, onde hoxe hai unha froitería, estaba o Bodegón Queimada, que atendía Blanca Nieves Quindimil, a muller de José Mª Fuentes.
No edificio de 10 pisos estaba a Cervecería Couto, que nos anos 90 deu nome a un equipo de fútbol sala. Detrás a Mina, local que pasou por varias mans.
Na rúa Rosalía preto da esquina con Alfonso Senra estivo a Raxaría Albariña. Onde está Froiz houbo un bar que durou pouco tempo, o Jaypi. Algo máis abaixo un dos bares históricos de Ordes, o Avenida de Carlos Regos, que foi o primeiro con televisión e con moitos parroquianos embobados mirando para ela.
Alfonso Senra 96 era a dirección do Casino no que había bar (tamén estivo un tempo na Mina). Na esquina destacaba a Parrillada Moar, que Antonio Moar herdou do seu pai Rafael. Logo o Bar Fraga que estaba no calexón de Correos (hoxe Rúa Reconciliación).
No centro da vila, fronte á Alameda estaba a Cafetería 7 mares (e churrería El Pirata), o bar de Antón do Túnel, o Juanito, que foi o primeiro con televisión en cor, e o histórico Bar Liñares que tiña un espectacular anuncio de Pedro Domecq feito con mosaicos na fachada. No mesmo lugar (A. Senra 129) durou moitos anos o 1X2, o "bar das quinielas".
Na esquina sueste do cruce estaba o bar Guillín e pouco despois o Mira. No camiño a Vilar o célebre Sementes, famoso polas súas tapas de pementos, o Bar Antón e o antigo Mini-Bar de Andrés da Garabanxa. Onde agora está a farmacia había unha das máis vellas construcións da vila (1857), chamada Casa Enrique, polo seu dono Enrique Nouche (1915-1983).
Onde hoxe está o Banco de Sabadell houbo o Bar Caribe, propiedade dun dos irmáns Soneira. En Alfonso Senra 116 o Bar Azul foi moi exitoso, ata que os dous irmáns Louzao que o levaban separaron os seus camiños. Antes e no mesmo lugar houbo outro chamado La Arzuana, que era de Luisa do Albardeiro, e que se trasladaría a onde logo estivo o Bar Antón. Na zona do Matadoiro existiron o Pub Kilé e o Matadeiro (que tivo varios nomes) ao longo da súa historia. No sótano da "Casa das Medias" había unha taberna tracional, o Burato, con bocois de viño postos de pé onde se pousaban as cuncas. Ao lado de Deportes Capitán estivo a Jamonería Órdenes.
 

No Piñeiro había unha taberna con billar de Carmen de Carballido e logo o bar/ultramarinos de Iluminada que despois de anos pechado hoxe é o Rincón do Pincho do seu fillo. Fronte ao Bar da Esquina, xa na rúa de Galicia tivo un bar o maior dos irmáns Cancelada, Manuel Cancelada (1918-2001), que tamén era tratante de madeira. Na rúa nova estiveron o Bestilleiro, o mítico Corzo e o primeiro pub na historia da vila: Arcos.
No Barrio do Paraíso, ademais da cafetería de Manolo no instituto, estaban o bar de Adelina "A Paloma", o de Marina, Bar Susa e algunha hamburguesería para saciar os estómagos adolescentes.
No alto dos Lagartos antigamente había varios establecementos que mesturaban ultramarinos, taberna ou casa de comidas. Eran a de Emilio de Pérez no cruce con Rosalía, a de Carmiña de Veiras na última casa antes do Paraíso, a de José Mirás e logo da súa filla casada cun Cancelada fronte á panadería de Vitorio e a de José Ferreiro Moar (1903-1981) que estaba casado con Sara Nouche, unha irmá de Enrique. Na de Mirás estivo posteriormente o Bar Regueiro. Na esquina Primitivo Viqueira Lagares (1924-2003) foi propietario do Bar Abellá. Outros locais foron o Caseto, Zipi e Zape, e o Veleiro que tamén era dos de Ferreiro. 
Máis abaixo estaba o Bar Patiño (tamén casa de comidas). Na esquina coa rúa Nova había o Bar Eirín. Algo máis abaixo un dos bares e restaurantes máis antigos da vila, o de Mariño. Posteriormente tería unha 2ª vida como croissantería Antoxos. Tamén nos 60 houbo un Bar Órdenes que rexentaba Jesús Villaverde Botana (1932-2018). Na outra man o mítico Xesteda (agora casa de apostas) que fundou o empresario José González e que pasou por múltiples mans.
 
No que agora son os parques municipais houbo antigamente unha taberna que rexentou un tal Cándido. Cos anos no mesmo lugar habería bares ou pubs con distintas denominacións. Nos soportais ao lado da de Álvarez estaba a de Nieves. Na parte baixa tocando co Recreo no que era a casa da Ribacha estivo o Bar Regos, primeiro de Cándido Regos Rodríguez e logo do seu irmán Manuel, pai do alcalde. No actual campo da feira o primeiro local foi do municipal Cachorro. Outro dos primeiros foi o bar Felisa.
No Recreo, outra das rúas máis vellas de Ordes, pasaba o mesmo que nos Lagartos. Houbo moitas fondas, tabernas e lugares míticos como a casa de comidas de Mari Pepa de Mirás ou o bar/salón de Encarnación Meijide de Prado. Outros que podemos citar son o Sótano, que estaba na casa de Carril, o bodegón Orensano de Carlos González Rodríguez (1923-2011), o bar de Pablo ou o bar de Vicente Corral o Culero. Máis modernos no tempo foron o Bar Puente de Manuel Liste García e Carmen Varela Caamaño (onde hoxe Tino vende maquinaría agrícola), o Bar Lesta e o Bar Cendal.
Na parte alta do Recreo estiveron a taberna de Pepe de Carril, o bar de Alfredo, o Vista Alegre, o Bar Golán e o último xa en pleno Balado, Clave de Sol, famoso por aqueles recordados polos asados e algunha outra característica menos apreciada polo público xeral.

lunes, 7 de julio de 2025

Novas de 1961

   No ano 1961 hubo moitas novas interesantes en Ordes.
 
 
En marzo tivo lugar unha reunión do gremio fiscal para tratar dos novos impostos de consumos de luxo, viños e alcol, e nomear novos representantes. A xuntanza, celebrada na casa consistorial, foi presidida polos representantes saíntes, o secretario do concello Ángel Concheiro e os funcionarios Laureano Iglesias e Ignacio Castro. Votaron 62 persoas, sendo elixidos Manuel Mariño, Julio Liñares, Mariano Amado, Ismael Calvo, Juan Viqueira, Andrés Ramos e Manuel Liste.
  O día 18 de abril as mulleres de Mercurín atacaron a unha brigada de axentes forestais no monte Inxerio.
  A electrificación do rural era un proceso imparable na década dos 60. O día 29 de abril o gobernador civil Evaristo Martín Freire inaugurou un transformador de FENOSA que tiña unha potencia de 50 Kwh nesta ocasión na parroquia de Poulo.
 
  Foi recibido na vila polas autoridades de Ordes. Logo a comitiva dirixiuse á parroquia veciña onde o esperaban moitos veciños, o delegado comarcal de Sindicatos, o xefe da Irmandade de labradores de Poulo, o secretario do concello, o delegado de FENOSA para a zona de Santiago, a comisión parroquial para a electrificación e o párroco don José Barreiro que procedería á bendición do transformador. Despois dun breve discurso do gobernador, moi aplaudido, houbo un refrixerio no local da escola parroquial.
  En xuño tivo lugar a inauguración do campo de fútbol do Rayo FC.
 
En agosto foi o tempo das festas patronais, que segundo opinión xeral resultaron excelentes. Como de costume foron amenizadas pola Banda de Arca e dúas orquestras, Florida de Pontevedra e Orquesta Radio da Coruña. Ademais o 15, día grande, houbo fútbol internacional! O Órdenes enfrontouse ao Vila Real de Portugal en partido que rematou perdendo 2-3. Máis modesto foi o partido celebrado o 16, San Roque, onde o Rayo derrotou por 5-3 ao Santirso FC (da primeira División das Mariñas). Houbo tamén un prestixioso visitante: o xastre Manolo Sousa, fillo do tamén xastre Manuel Sousa Hermida, que volveu brevemente á vila despois de 15 anos de ausencia.
 
  En setembro a nova máis destacada foi a voda de Pilar Coello e Antonio Concheiro Carro.
  En novembro a electrificación do concello deu un novo paso, neste caso na parroquia de Lesta. A comisión de veciños solicitaba instalar un ramal de liña a 10.000 voltios de 3,5 km de lonxitude que partiría dun centro de transformación propiedade da empresa de Jesús Romero Calvo e un centro de transformación situado en Lesta para servir aos lugares da Cruz, Abeneiros, Altiboia, Pazo, Pereiriñas, Camiño, Agromaior, Xermiñas, Agrela, Couto e estrada. O orzamento ascendía a 157.000 pesetas.
  Ese ano tamén avanzaba a concentración parcelaria na comarca, especialmente en Tordoia. En Ordes realizaron a solicitude para os traballos preliminares as parroquias de Beán, Montaos, Parada, Pereira e Poulo.

jueves, 3 de julio de 2025

A familia Fernández (Pichos)

  O patriarca desta familia foi José Fernández o Picho de Merelle. Este alcume herdouno da súa nai, a Picha de Mercurín. Aos seis anos comezou a traballar de criado para o Cego de Ghosende e con el viviu historias que ben poderían figurar no "Lazarillo de Tormes". Finalmente despois de moitas pillerías o cego despediuno e José aprendeu o oficio de xastre. Comprou unha maquina de coser de man e ía traballar polas casas. Segundo conta Manuel Rodríguez en "Historia viva" tiña sona de bo xastre e de pillabán.
  Un día foi contratado na casa de Mendes do Campomaior para facerlle un xustillo á súa filla Pepucha, que era moi guapa. Podedes crelo ou non pero cóntase que ela peneirou a borralla coa peneira do revés por enriba da súa cabeza, o que era un feitizo de amor comprobado. O caso é que esta vez polo menos funcionou: José e Pepucha fixéronse mozos e acabarían por casar. Viviviron na aldea, pero cando os fillos xa eran mozos arrendaron unha casiña no Recreo.
  Tiveron polo menos sete fillos: Cándido, María, Manuel, Concha, Asunción, Luis e Consuelo. Unha carácteristica física común a moitos deles foi o seu rechamante pelo branco. Cándido e Luis de novos formaron parte da Banda de Música.
 
Cándido Fernández Castro (1906-1978) tivo amores con Babila Ferreiro, froito dos cales foi o meu pai Juan Ferreiro Juan de Babila, pero casaría con María Rey Iglesias (1916-1994), coa que tería 3 fillos: Cándido, José e Sabino Fernández Rey.
Cándido Camel foi xastre. Na súa xuventude tocou na orquestra Cantábrica.
José, tamén xastre, casou con Adolfina Abruñeiras Naveira do Verdeal (Buscás) [Non confundir con outra Adolfina Abruñeiras Naveira tamén de Buscás xa falecida].
Sabino casou con María José López.
 
María Férnandez Castro casou con Antonio Regos Regos, irmán dos coñecidos ferreiros do Balado e do Recreo. Ambos os dous morreron bastante novos, despois de ter catro fillos, Cándido, Horacio, Luisa e María, que se criaron medio separados.
Cándido Regos Fernández Ducho (1931-2011) era un gran debuxante e pintor (facía os carteis de propaganda para o "Oriental Cinema" xunto con Pablo Blanco). Aprendeu o oficio de xastre co seu tío Cándido, logo estivo na farmacia de abaixo e rematou traballando na fábrica de Viriato. Casou con Amalia Martínez, que se criou coa familia dos de Daniel. Con ela tivo tres fillos, José Antonio, Dolores Lechas e Rafael Rafita que de mozo tamén traballou na farmacia como o seu pai.
Horacio Regos Fernández (1932-2024) criouse no Balado, na casa do seu avó paterno, aprendeu o oficio de zapateiro e emigrou ao Barbanza. Abriu unha zapatería en Palmeira no ano 1960 e en 1994 outra en Ribeira e logo aínda unha terceira, pero os comezos foron difíciles e estivo 16 anos facendo tamén venda ambulante. Do seu matrimonio con Mª Lourdes Fariña Casas, unha moza da parroquia de Montaos, tivo sete fillos.
Luisa Regos Fernández casou con Manuel del Río Calviño Nené co que tivo unha única filla, Mª Luisa Güita.
Mª Balbina Regos Fernández (1939-2020) casou con Leandro del Río Naveira (1936-2002), coñecido propietario dunha droguería case no centro da vila e fillo do dirixente socialista Manuel del Río Mandayo. Con el tivo 5 fillos: Leandro (que tamén levou a droguería), a coñecida profesora Pilar, Jorge, María e Manuel del Río Regos.
 
Manuel Fernández Castro (1910-1990) casou con José Liste Areoso (1911-2006) da familia de Gholan coa que viviu no alto do Recreo. O matrimonio tivo 4 fillos.
José Fernández Liste Pepe de Gholán (1935-2001) casou con Remedios Bello Varela, coa que tivo tres fillos: Rosario, profesora de instituto moi coñecida polo seu labor político dentro do BNG, José e Isabel Fernández Bello, tamén dedicada á docencia.
Os outros 3 fillos son Estrella, María e Manuel Fernández Liste.
 
Concepción Fernández Castro
(1912-2006) viviu na Fonte Estrei e non casou.
Asunción  Fernández Castro (1917-2011) casou con José Rodríguez Gómez José do Serrador (1913-1986) que tamén foi xastre. Cando volveu de Venezuela Pepe comprou unha casa en Alfonso Senra 9, casa que pertencía a Camilo (sobriño de Rogelio), casado cunha "sobriña" do cura de Marzoa, que marchou despois de vendela a Asturias. Pepe e Asunción tiveron dous fillos: José Rodríguez Fernández Pepe o Músico, casado con Mª Jesús Liñares, e Asunción Rodríguez Fernández Chon.
Luis Fernández Castro (n.1920), carpinteiro, emigrou a Brasil en 1954.
Consuelo Fernández Castro (m.2008) viviu na Coruña co seu marido Enrique Castro, co que tivo 5 fillos.