viernes, 2 de mayo de 2025

O ano 1961


  En 1961 a Guerra Fría subiu de intensidade, con Cuba e Berlín á cabeza.
  Os dous rivais, un comandado por Nikita Kruschev e o outro por John Kennedy disputaron unha encarnizada carreira espacial, encabezada naquel tempo pola URSS, que puxo en órbita a Yuri Gagarin e a Guerman Titov mentres nos USA Shepard e Grissom só realizaban voos suborbitais. Ambas as dúas potencias continuaban competindo tamén a ras de terra efectuando máis probas nucleares.
  Non lle ían tan ben as cousas á URSS en Berlín onde a xente emigraba en masa ao sector occidental, así que decidiron construír un muro ese verán. Ata o mundo da cultura participaba na loita (fuxida do bailarín Rudolf Nureyev). Pero onde todo subiu de punto foi en Cuba que viviu a invasión da Bahía de Cochinos en abril e (ao ano seguinte) sería protagonista da crise dos mísiles.
  Outras noticias dese ano foron o inicio da CEE e de Amnistía Internacional, a fundación da OLP ou a 1ª sesión da Asemblea Xeral da ONU. Continuou a descolonización coa independencia de Serra Leona e Tanganica en África e de Kuwait en Asia.
 
  1961 foi ano de boas películas como Yojimbo ou One, Two, Three e de libros tan interesantes como El coronel no tiene quien le escriba, Solaris ou Catch 22. Na música continuaba o fenómeno twist con "Let's twist again", pero tamén aparecía o 1º gran éxito da Motown "Please, Mr. Postman" e baladas como "Can´t help falling in love".
 

  En España a economía comezaba a ir coma un tiro. Era o comezo do "desarrollismo" auspiciado polos tecnócratas. Símbolo das inversións estranxeiras que estaban a entrar a feixes no país foi a rodaxe da película El Cid. 1961, ano no que houbo algúns graves accidentes, foi testemuña da retirada das tropas de Marrocos e do inicio da banda ETA.
  No campo da cultura apareceu o primeiro cómic de 13, Rue del Percebe e os libros Un millon de muertos e Tiempo de silencio. O cine deu dúas grandes obras como Plácido e Viridiana, pero houbo películas máis populares como Tres de la Cruz Roja ou Ha llegado un ángel (a 2ª da estrela infantil Marisol). Na televisión naceu o mítico Escala en hi-fi. Na música o Dúo Dinámico sacaba Quisiera ser, arrasando entre a mocedade (sobre todo feminina), e comezaba o fenómeno Manolo Escobar.
  Galicia contemplou co asombro o secuestro do trasatlántico Santa María polo DRIL (onde había moitos galegos). No ámbito da cultura destacou a publicación en Arxentina de Memorias dun neno labrego, que sería a novela máis lida na nosa lingua. Apareceu a asociación cultural O Galo, morreu Asorey, o noso máis famoso escultor, e como guinda final, Pucho Boedo uníuse aos Tamara.
 
E... que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Daniel Vieites, empregado de Fenosa, agraciado con 200.000 pesetas na lotería. Roubo na igrexa de Queixas (Cerceda). Rematou o xuízo contra Bascuas e Castro, os acusados do crime de Vilar de Couciero. Nomeado médico en Ordes Francisco Díaz Rilo. O día 16 morreu Carmen Calvo Pena (muller de Eduardo Martínez Viqueira) aos 30 anos en Mercurín, o 19 José Bermúdez Raña aos 75 anos tamén en Mercurín e o 26 Andrés Varela Campos con 83 anos en Leira. Tamén morreu o neno Amancio Espiñeira.
FEBREIRO: Nomeado xuíz de 1ª Instancia e Instrucción Martín Otero Fernández. O almacén do SNT estivo 4 días aberto, outros meses só abriría un día. 51ª Asemblea Sacerdotal comarcal do arciprestado de Berreo de Arriba coa visita o último día do cardeal Quiroga Palacios. 107 solicitantes en Ordes dunha vivenda para pobres, pero sen ningún resultado, do que se queixaba Fausto Blanco, correspondente do xornal El Correo Gallego. Tamén se queixaba do mal estado das estradas a Frades e Trazo. Suprimidas as escolas masculinas do Mesón do Vento e de Castrelos (Leira). O día 23 morreu atropelado por un camión na curva de Formarís na Sionlla o labrador Luis del Río Grela (de 47 anos, casado e con 7 fillos, cuñado de Estevo da Reverencia), cando conducía dous bois pola estrada.
MARZO: Voda de Susita Viaño co coruñés Melchor Lois Santos. Bautizo de César Manuel González Brey, fillo de César González e Rocío Brey. Fausto Blanco queixábase do atraso das rúas Lagartos e Recreo en canto a alcantarillado e beirarrúas. Naceu Pedro Carrasco del Río. O día 7 morreu o industrial madeireiro Manuel Regos Caramelo aos 64 anos.
ABRIL: Mulleres de Mercurín apedraron a unha brigada de obreiros de Patrimonio Forestal. Xubilación do alférez da Garda Civil Luis Suárez Rey que marchou a vivir en Fene. Inauguración do servizo eléctrico en Poulo. O día 30, último partido do Ordes en 3ª División empatando na casa do Coruxo 1-1.
MAIO: Atopado morto coa cabeza metida nun regato Manuel Mesías, veciño de Merelle, que regresaba da feira da Adina. Partido do Rayo FC contra o Portazgo en Miramár  ao que gañou 3-4. Voda de Lolita Couto Carballido con José Feijoo Álvarez. Bautizo de Lino F. Garea, 2º fillo de José Garea e de Iluminada González.
XUÑO: O xoves día 1 presentación e inauguración do campo do novo equipo de fútbol, o Rayo FC, con partido contra o Victoria e un festival coa elección de "Guapa de Órdenes". Visita pastoral do bispo auxiliar Novoa Fuente ás parroquias do arciprestado de Berreo de Arriba e multitudinario acto de confirmación (246 nenos) o luns 19.
XULLO: 1ª Comuñón de Tilita Viqueira. Festas de Parada que duraron 3 días. O comercial coruñés Alfonso Romero, axudado por Ovidio Prado, levaba vendidas 2 ducias de tractores na zona.
AGOSTO: Premio de 2.000 pesetas otorgado polo gobernador civil a Mª Carmen Verea por ter o "establecemento máis coidado". Festas patronais coa Banda de Arca e as orquestras Florida e Radio. Morreu María Golán Vieites (sogra de Manuel del Río Mandayo) aos 88 anos.
SETEMBRO: Incendio dun camión que transportaba algúns cadros do pintor Juan Luis López, profesor de Belas Artes en Barcelona. Aprobada pola Deputación a reconstrución da ponte Marzoa por máis de 550.000 pesetas. En Poio voda de Antonio Concheiro Carro con Mª Pilar Coello. Voda de Fausto Blanco García coa profesora Mª Ángeles Álvarez. O día 8 morreu Casilda Becerra de Arriba (muller de Manuel Becerra Viqueira) aos 59 anos en Mercurín.
OUTUBRO: Morreron o mestre José Bello Segade aos 47 anos, José Areoso Golán aos 73 anos e María Castro Bao (nai do alcalde Juan Liñares) aos 74 anos.
NOVEMBRO: Morreu Pedro Álvarez Mosquera. Solicitude de electricidade para Lesta.
DECEMBRO: Exitosa actuación de Juanjo Linares na Coruña. Traslado dun muíño do Mesón vendido por Asunción Copa a Fonte da Viña en Beán polo comprador Manuel Rey Chico. O día 22 morreu Manuel Franqueira Martínez Manolo da Ponte aos 85 anos.

2 comentarios:

  1. Grandes artículos, e ademais moita información e cultura a rebosar neste blog tan interesante, moitas graszas o autor

    ResponderEliminar