martes, 29 de abril de 2025

Manuel Garea Villaverde

  Manuel Garea Villaverde é outro dos ordenses "por accidente". O seu pai foi o entón sarxento da Garda Civil Jesús Garea Pintor (m.1970) que nos anos 30 era comandante do posto de Sigüeiro. Jesús casou cunha moza da familia dos Villaverdes do Piñeiro, Dolores Villaverde Mosquera (1905-1981) coa que tería catro fillos: Jesús, Manuel, Mª Dolores e Pedro Garea Villaverde.
  Manuel naceu en 1930 e viviu os seus primeiros anos en Ordes, pero pronto o seu pai foi trasladado a Noia, vila na que pasou a súa adolescencia e coa que sentiu a vinculación máis forte ata o punto de ir todos os veráns, coñecer á que sería a súa muller e ser por fin o seu fogar de retiro.
 
  Ao igual que o seu pai e o seu irmán Jesús, tivo claro desde moi novo que quería ser garda civil. A familia sufriu varios traslados pero cando chegou á maioría de idade ingresou na Academia Militar de Zaragora, da que saíu como número un da décima promoción. A súa formación continuou en Madrid, onde formou parte do primeiro grupo de axentes que pasou polas aulas da Academia especial da Garda Civil.
  O seu primeiro destino sería Santander e, despois de pasar por un par de cidades máis, en 1959 regresou a Noia. Alí coñeceu á moza María García-Malvar Mariño de moi distinguida familia, pois era filla do médico, abogado e xuíz comarcal (xa falecido en 1955) Ramón García Malvar e de Josefina Mariño Barbazán (filla de Ramón Mariño Neu, médico e ex-alcalde de Noia nos anos 20). A súa historia de amor fixo que Manuel renunciara a un ambicioso proxecto que o ía levar a Ámerica do Sur para crear alí un corpo da Garda Civil.
  Decidiu non facer a maleta e casou con Marita en setembro de 1960. Con ela tivo tres fillos: Manuel, María José e Ángeles Garea García-Malvar. Esta última faleceu con 35 anos de idade no ano 2001.
  Residiron en Pontevedra, San Sebastián e Valladolid, onde se retirou, aínda que seguiría varios anos máis como profesor da Academia de Cabaleiría desta cidade.
  Nos anos 70 co grao de tenente coronel era primeiro xefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra. En 1978 foi protagonista dunha acción na que a punta de pistola (e de bomba) detivo a unha parella de terroristas do Grapo e salvou a vida dun compañeiro. No ano 1981 morreu a súa nai que vivía na Fonte Estrei, momento a partir do cal Manuel xa deixou de vir á vila ordense.
  O seu amor por Noia fixo que despois do retiro o matrimonio se establecese alí. Segundo o seu fillo, Manuel era moi afeccionado ao tenis, á lectura e a coidar as árbores do xardín. Sempre foi moi activo, mesmo cando xa tiña unha idade avanzada.  
  Faleceu o 20 de febreiro de 2024 aos 93 anos de idade e os seus restos repousan no cemiterio parroquial de Santa María a Nova de Noia xunto aos da súa filla.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario