martes, 22 de abril de 2025

Cruceiro de Vilamaior


  Cruceiro totalmente feito en formigón a principios dos anos 70, encargado polos veciños de Vilamaior e colocado nun terreo comunal a uns 100 metros ao noroeste da igrexa de Santiago, onde anteriormente houbera outro cruceiro. Destaca polas súas grandes dimensións, superando os 5 metros de altura.
  Comeza cunha plataforma cuadrangular de 3 graos duns 70 centímetros de alto e logo un pedestal cúbico duns 40 centímetros. O varal empeza e remata cadrado pero a maior parte é dodecagonal. De gran anchura (case 35 centímetros) e altura (uns 3 metros).
  O capitel é cuadrangular moldurado. A cruz rectangular, de brazos con chafráns, é bastante esvelta comparada co varal. Hai un Cristo mirando cara á igrexa con coroa, 3 cravos, mans pechadas e pano de pureza anoado á dereita. No outro lado había unha Virxe pero a metade dianteira da figura despegouse e desapareceu.
  No ano 2001 o Ministerio de Facenda vendeu o terreo a un particular, o que provocou unha gran conmoción na parroquia cando o souberon dous anos despois. O PSOE decatouse do malestar e iniciou unha recollida de sinaturas mentres o BNG pedía cordura pois non deixaba de ser un cruceiro novo e de formigón. O PP mesmo ofreceu facer outro de cantería, pero os veciños xa estaban acostumados ao seu. Finalmente o tema resolveuse e o cruceiro segue no lugar.
  Se queres ver máis fotos e a súa ubicación nun mapa preme en Cruceiro de Vilamaior da excelente web Todos los cruceiros de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario