lunes, 14 de abril de 2025

Nobreza de Montaos

   Velaquí unha mostra máis do traballo investigador de Victorino Cores Liste, orixinalmente publicado no libriño "Santa Cruz de Montaos, terra do bo fidalgo" (1997).
 
  A xurisdición de Montaos existía polo menos dende o século XII. Segundo unha publicación da Deputación da Coruña figura nunha doazón de Alfonso VII á mitra compostelá con data 31 de maio de 1124. Nela establécense os lindes dende o río Tambre en Sigüeiro ata o monte Xalo en Culleredo.
  O apelido Montaos xa ven de moi lonxe e estivo moi ligado aos comezos da parroquia.
  Os Montaos eran xa por si mesmos unha familia rica e logo por enlaces matrimoniais xuntáronse aos Pregos, outra poderosa familia, dando orixe aos Prego de Montaos.
  Os Montaos i Losada eran parentes dos marqueses de Santa Cruz de Rivadulla e procedían das terras da Limia e Allariz da provincia de Ourense.
  Un tal García Prego casou con dona María Teresa Bermúdez de Castro (irmá de don Fernando Bermúdez de Castro), o que fixo que aumentase aínda máis o seu poderío, xa que quedaban unidas tres das máis influentes familias, e logo, por se lles faltaba algo, tamén emparentaron cos condes de Graxal de Campos e tiñan as súas principais fortalezas en Montaos e en Lestrove (Benza), onde foron famosas as torres de Lestrove.
  En Vilacoba de Restande aínda hoxe se conserva en bo estado un edificio que pertenceu ao vínculo de Vilacoba, fundado polos Bermúdez de Montaos en 1556. O pazo foi reconstruído no século XVII e no seu escudo poden verse os escaques dos Bermúdez e os seis roeles dos Castros entre outros.
    Existe unha escritura de concordia feita perante o escribán de Santiago don Matías Vázquez a 23 de agosto de 1542 na que don Fernando Bermúdez de Castro e maila súa irmá dona Mª Teresa facían particións de bens que herdaran pola súa nai.
  Os Bermúdez eran descendentes dos poderosos condes de Traba, que foran donos de terras tan lonxanas entre si coma Corcubión ou Narón, onde se sabe que fundaron o mosteiro de San Martiño de Xubia.
  O 27 de agosto de 1626 por Real Lei dereito de 8 de setembro, concédeselle o título de Marqués de Montaos a don Juan Álvarez de Vega i Bermúdez de Castro, Machaca i Enrique de Borja, Señor de Montaos i Cabaleiro de Santiago.
  Como naquelas datas os casamentos era máis ben por intereses, facíano as familias poderosas entre si, e así pode verse que os Bermúdez estaban emparentados con case que toda a nobreza. Á parte dos xa mencionados tamén eran parentes dos Moscoso, dos condes de Altamira e do duque de Alburquerque entre outros.
  Ao marquesado tamén tiñan dereito os primoxénitos dos condes de Graxal e do duque de Alburquerque. Precisamente o marqués XIII, último que exerceu o título, foi un dos Alburquerque. O marquesado estivo vixente ata 1940, ano en que foron abolidos todos.
  Os Montaos aos poucos foron desaparecendo da parroquia, pero en Santiago seguiron sendo influentes xa que entre os seus descendentes podemos comprobar que don Jacinto Bernardo Montaos i Losada no 1741 era procurador da cidade de Santiago, e o seu irmán Gregorio foi procurador e Síndico  xeral da mesma cidade no 1751, e que tamén foi recadador xeral da Real Renta de las estafetas del Reino de Galicia i carrera de Castilla. Outro dos irmáns, predicador da orde de San Francisco, chamábase Antonio.
  Outro parente deles, chamado don Francisco de Ochoa Montaos, foi escribán público nas descubertas terras do novo mundo, concretamente en Cartagena de Indias (no Novo Reino de Granada) nos comezos do século XVIII.
 
 
  A nobreza foi desaparecendo na parroquia de Montaos e tanto os Montaos coma os Bermúdez case que non deixaron vestixios da súa estancia, e se os deixaron os seus descendentes nada fixeron por conservalos, xa que na actualidade tan só queda un escudo que está na parede do lado esquerdo do altar da igrexa parroquial. Non ten os escaques do Bermúdez pero si os símbolos doutras familias que lles sucederon, os seis roeles dos Castro, o piñeiro e a lanza dos Caamaño e o león alzado dos Mariño. O escudo está rodeado de acios de uvas, sinal de que procedían doutras terras, xa que Santa Cruz xamais foi terra de viño. O escudo remata coa armadura da cabeza dun guerreiro.
  [...] Recentemente, nunha escavación que se fixo para construír un panteón acháronse dúas moedas datadas, unha en 1579, e outra en 1598. Nese século eran os Bermúdez os que rexían a Casa de Montaos.
  Co tempo a casa foi perdendo forza e a xurisdición pasou a Folgoso, exercida polos condes de Altamira, que como xa dixemos tamén eran parentes dos Bermúdez, pero xa non tiña nin a extensión nin o poder da de Montaos.
  Os escaques dos Bermúdez están nos escudos dos pazos de Galegos e do Peñasco en Frades.
  Outras familias posteriormente foron donas das terras de Montaos aínda que agora xa moito máis repartidas. Sabemos que os Leis, os Rodríguez, os Caamaños e os Somozas foron familias importantes na parroquia. Aos Somozas pertenceron no século XIX moitas das terras de xunto á igrexa.
  Xa máis recentemente a familia Varela era dona dunha boa parte da parroquia. Aos Varelas tamén se lles coñecía polos "Miniños". Tiveron residencia na Porta dos Condes en Queis, e tamén en Santa Cruz, a que foi mesón e parada de carrilanas, onde os viaxeiros podían descansar e apagar a sede nunha fonte moi boa que alí hai. A casa aínda hoxe está habitada e en bo estado, non obstante a cocheira non correu a mesma sorte, xa que foi derrubada nos anos 60 para dar paso a novas construcións.
Victorino Cores Liste

No hay comentarios:

Publicar un comentario