miércoles, 9 de abril de 2025

Toponimia de Leira


Leira: o topónimo da parroquia ten unha orixe dubidosa. En principio parece proceder da palabra céltica lar ‘chan’, que deu lugar a larea ‘predio’, pero tamén podería vir do termo latino glarea ‘pedregallo, escombro’, pois ambos os dous teñen relación co significado actual de ‘porción de terreo que se cultiva’.
Altiboia: segundo Dolores González de la Peña sería un topónimo de orixe prerromana que indicaría a existencia dunha mámoa ou túmulo nuns pastos adicados ás vacas, ou quizais ao conxunto que podería ter aparecido xa no neolítico formado polas antas e os chozos dos pastores. En latín: Antae et Bovedae.
Bailía: unha bailía era un territorio ou xurisdición pertencente a unha orde relixioso-militar administrada por un "bailío". En Galicia pertencían especialmente ás ordes de Santiago, San Xoán de Malta, do Temple ou de San Xoán de Xerusalén. Estas nomeaban un membro ou cabaleiro da súa orde chamado bailío, encargado ou encomendado para administrar e cobrar as cuantiosas rendas agrícolas das bailías. A palabra deriva do catalán batlle ‘alcalde’ ou do aragonés baile ‘xuíz’, e este, á súa vez, do occitano baile que ven do latín bajulus ‘mozo de corda’, pola comparación do bailío, cun home (o mozo de corda) que leva unha carga.
Batán: a causa deste topónimo está moi clara: o edificio da familia Graña que era maquía e batán. O que non está tan claro é a orixe da palabra. Algúns supoñen que ven do verbo latino battuere ‘bater’, pero dado que son abrumadores os indicios de que esta técnica comezou en Al-Ándalus é probable unha orixe árabe, quizais de battán, procedente de *baf(t)án, nombre equivalente ao de mátana 'almádena, mazo'.
Brumeiral: este microtopónimo debe provir do latín bruma ‘inverno’. Calquera que teña estado no lugar pode dar fe de que é ben brumoso. Non é o caso en cambio do Hospital de Bruma (Mesía) que aínda que teña un clima parecido era antigamente "Gruma".
Castiñeira: abundancial de castiñeiro rematado en -eira. A palabra castaña ven do grego kastanon a través do latín castanea.
Castrelos, Castro: os romanos chamaban castru a un campamento militar fortificado. Castrelos ten a mesma orixe pero en plural e diminutivo, aludindo a pequenos postos defensivos.
Cano: palabra derivada de cana (latín canna ‘cana’) e aplícase a costas moi pronunciadas que teñen no fondo unha valgada ben definida -con forma de cano-.
Caxide: este microtopónimo dunha fonte próxima á Pedreira, é moi coñecido en todo o concello por ser o alcume do construtor Ricardo Vieites Calvo que vive alí ao lado. Caxide viría neste caso de *(fonte) Cagiti, propiedade dun tal Cagitus, nome habitual na Galicia medieval ata o século XII.
Cerdeira: ven da árbore froiteira, en latín cerasiu.
Codeseda: abundancial rematado en -eda de codeso, arbusto ramoso parecido á xesta cuxo nome ven do latín *cutissu.
Espiñeira: abundancial rematado en -eira. Lugar cheo de plantas espiñentas (do latin spina).
Gouzón: este é o topónimo de máis dubidoso significado. Podería ter unha orixe pre-latina go-utx-on ‘xunto ás penas altas’, pero dado que que a deturpación de topónimos escuros foi unha constante en Galicia, puidera ser que primitivamente fose Bouzón, aludindo quizais a un lugar cheo de maleza.
Loureda: abundancial rematado en -eda de loureiro (latín lauru), planta que para os romanos era o símbolo da victoria.
Meitufe: en xeral os nomes rematados en –ulfe ou –ufe son de orixe sueva e teñen relación coa palabra xermánica wulf ‘lobo’. Este é o caso de Mañufe (Mercurín) e Meitufe que debe vir dunha *(villa) Meitulfi, propiedade medieval dun señor de nome xermánico Meitulfus ou Meitulfo, probablemete composto polos elementos góticos math ‘poderoso’ e wulfs ‘lobo’, co que o nome completo significaría “Lobo poderoso”. O home lobo en Xermania non ten nada que ver co das películas de Hollywood, pois é máis ben un guerreiro temible e defensor do seu pobo que deixa despois dos seus ataques a pegada dun lobo sobre a neve.
 

Menlle: seguramente provén de Manelli, xenitivo do nome persoal medieval Manellus, documentado en textos galegos desde a Alta Idade Media, aínda que pouco abundante na toponimia. Significa por tanto ‘terras de Manellus’.
Pedreira: do latín petraria, que á súa vez ven de petra ‘pedra’, aludindo a un lugar moi pedroso.
Petón: é un topónimo habitual para nomear penedos e, en ocasións, antigos túmulos funerarios. Probablemente proceda dunha raíz pre-latina *pet ‘pedra’.
Portela: do latín portella, que á súa vez ven de porta, co significado de ‘porta pequena’ que podía estar perfectamente nun muro ou nun valado.
Queirúa: Outro dos fitotopónimos orixinados a partir do breixo. Tanto queirúa como as súas variantes queiruga, queiroa e queiroga veñen, ben da palabra latina *cariola ou do termo pre-latino *karia.
Vilasenín: este lugar do que está preto o encoro debe o seu nome a unha  *villa Sinnini, dun tal Sindinus (sinth ‘forte’ máis a desinencia in -sinth ou swind tamén o podemos atopar no nome Gumersindo ‘home forte’-).
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario