miércoles, 14 de agosto de 2019

Vellos alcumes de Ordes (4)

  Algúns alcumes tiñan que ver con algunha PARTICULARIDADE FÍSICA do individuo. 
  Os primeiros que nos veñen á mente son José Ramón o Peludo, un home solteiro que vivía no Recreo, e Ramón Fuentes Uzal
o Pelado, músico que tocou a caixa no grupo Os gaiteiros de Buscás. En cambio César Lamas García, o 3º fillo do Vello Viriato, era Tirone pola súa apostura, aludindo ao actor Tyrone Power.
  Mª del Carmen Ferreiro Caramelo (1929-2012), casada co carpinteiro Pepe de Angustias e nai da mestra Águeda Regos, tiña un pequeno ultramarinos de comida. Era coñecida como a Morena.
  Aos Veiras Mosquera de Pardiñas chamábanlles os de Andrés pero tamén os Chuzos, isto último polo gran tamaño do seu nariz.
  Jesús Vilariño Ramos (1885-1971), avó dos propietarios do concesionario Ford que houbo en Merelle ata finais do século pasado, traballaba de matachín e capador pero era coñecido como o Xordo por razóns obvias.
  José Villaverde Veiras, fillo de solteira de Andrea Villaverde, apenas chega ao metro sesenta por iso na súa xuventude chamábanlle Cheíño de Ghorecho (o seu avó) e logo co alcume Xeitoso ou Xeitosiño. É moi coñecido na vila por traballar moitos anos para o Concello.
  Un dos alcumes máis famosos de Ordes foi o Ghrillo. Así lle chamaban a José Ríos del Río (parece ser tamén que polo seu pequeno tamaño), un home moi pobre que procedía de Cestaños e vivía na Rúa dos Lagartos e de quen comentaban que roubaba nos muíños, cousa que se lle disculpaba porque tiña que atender como podía á súa familia. Do seu matrimonio con Antonia Grela Couselo (1900-1997) tivo tres fillas. A maior, María Ríos Grela (1937-2018), María do Ghrillo, que herdou a pequena estatura, viviu no entón barrio pobre de Ordes pomposamente coñecido como "Ciudad Jardín" (e durante un tempo como "Ciudad Nueva"). Era tan coñecida na vila que o seu alcume pasou a denominar ao propio barrio.
  Tamén o pequeno tamaño está detras do alcume das Caghallas de Mañufe (Mercurín), ampla familia de 12 irmáns apelidados Boquete López. Manuel Boquete o maior viviu na Rúa de Casabella en Ordes.
  Igualmente a estatura parece ser a razón de que un dos fillos da Vidala, Jesús Vidal del Río, fose alcumado o Rato. Eran bastante pobres e un día comprou un traxe moi barato, de material tan malo que lle chamaban "de folla de eucalipto". Os compañeiros dixéronlle con ironía que ía moi guapo e el, seguindo a broma:
-Pois puxen o primeiro que atopei no armario.
  Quizais por esa infancia difícil o seu medio irmán, Pedro Vidal del Río (1926-1996), que traballaba na ferraxería de Amancio, gustaba de vestir sempre con moita elegancia, tanta que era chamado Barrié (de la Taza) -como o banqueiro Pedro Barrié de la Maza-.

  Outro tema habitual dos alcumes era o OFICIO do portador.
Por exemplo Manuel Castro Castro (m.1942) do Recreo era coñecido como o Ferreiro, o mesmo que Manuel Gómez Manteiga (1908-2002) no Mesón do Vento -e varios máis-. Manuel Viqueira Conde (1901-1976) primoxénito dos Viqueiras do Casal pero que viviu no Recreo era o Ferrador, alcume que herdou o seu fillo maior Jesús Viqueira Moar (1929-2006). Tamén había Ferrador no Mesón do Vento, José Martínez Moar (1919-1975), que ademais tiña unha taberna -logo Casa Victoria-.
  En Ordes houbo moitos tratantes de vacas, especialmente na parroquia de Poulo. José Gómez Iglesias (1930-2022) Pepe de Xanarde -que viviu en Cabeza de Lobo-, en cambio compraba e vendía ovellas, así que tamén era chamado o Ovelleiro. Doutra banda os membros das familias que tiñan un asno semental eran coñecidos como Burraxeiros, tal era o caso dos Pampín Boquete de Castenda (Parada) e os López Blanco de Loureda (Leira).
  Javier Verea Fandiño (m. 1978) que foi alcalde antes da Guerra Civil, logo sería encargado da prisión, polo que lle chamaban o Carceleiro. A súa filla Inmaculada Adita (m.2022) tivo unha mercería fronte a Alameda.
  Manuel Vilariño de Alfonso Senra era o Latonero, igual que Segundo Costa do Recreo. Na Rúa Coruña José Escariz García (1935-2005) que veu de Cuntis nos anos 60 para traballar na remodelación da igrexa (da que anos despois sería sancristán) era coñecido como Pepe o Canteiro.
  Antigamente as botellas de gasosa denominábanse "boliches" porque tiñan unha bóla (que os nenos aproveitaban como canica), así que os que as vendían e repartían eran coñecidos como bolicheros, caso de Manuel Fuentes Noya o Bolichero (1913-2002), que tiña unha fábrica na Rúa dos Lagartos pero que rematou por marchar a vivir en Curtis.
  Gabriel Amor Candal (1892-1960) tiña unha churrería detrás do antigo cárcere, así que era o Churrero. Dos seus oito fillos a que continuou co negocio e herdou o alcume foi Josefa Amor Rodríguez (m. 2005) Pepita da Churrería. Por certo que dous dos seus irmáns, Pepe e Estrella, apenas podían falar, así que eran o Mudo e a Muda respectivamente. Outro Churrero foi Antonio Areoso Vieites, que viviu en Merelle 2 e foi o pai do coñecido construtor José Areoso Bello.
  Manuel Viqueira Vieites (1929-2015) era o famoso Gaiteiro de Vilaverde, lugar no que tamén había outro Ghaiteiro, Manuel Candal Veiras (1888-1963) que neste caso era tratante de gando pero herdara o alcume do seu pai e, por suposto, tamén foi traspasado ao seu fillo José Antonio Candal Méndez (1933-2019).
   Jesús Losada Prado  RENFE (1931-1988) que casou con Estrella de Conde era chamado así por traballar para a empresa ferroviaria.
  Dentro desta categoría tamén podemos incluír a Juan Ríos García (1894-1981) do Casal que era chamado Rada por ser moi bo mecánico. (o alcume ven do entón moi famoso Pablo Rada, mecánico do "Plus Ultra", o hidroavión que fixo o 1º voo entre España e América en 1926). Por certo que un dos seus netos é Ricardo Moar "Richard" antigo xogador de fútbol do Deportivo e do Valladolid.
  Amancio Casas Rodríguez (m.1999) procedente de Valdoviño e casado con Dina López Corral coa que viviu no Paraiso era o Forestal. O seu fillo Pedro (de mozo coñecido como Picos) seguiu a súa senda.
  O Xastre máis famoso foi Manuel Ponte Pedreira (1911-1947), coñecido guerrilleiro da posguerra, pero este alcume foi habitual nos que tiveron este oficio como José Aller Fernández (1903-1980), Cándido Fernández Castro (1920-1994), Tomás Fuentes Ríos (1928-2016), Manuel Botana Porro (1929-2017) o Xastre da Canle, e varios máis.
  Manuel del Río Pampin o Carteiro (avó do profesor Manuel del Río) e o seu irmán José del Río Pampin o Barbeiro compartiron o triste destino  de ser fusilados en Boisaca en 1936. O equivalente feminino dos barbeiros foron as perruqueiras das que só mencionarei a Josefa García Cruz a Peluquera (1928-2019), muller de Mirás, que tiña nos Lagartos 29 o seu establecemento, no que agora continúa a filla Mª José Mirás.
  Por suposto non esquecemos nesta lista a Ramón Ferreiro Ramón o Practicante que atendeu case a todos os habitantes da vila algunha vez. Tamén moi coñecido foi Domingo Rivas Viqueira (1905-1974) o Compoñedor da Tiopeira, por vivir nese lugar de Buscás. Por certo que xa o seu avó exerceu o mesmo oficio e tivo o mesmo alcume.
  Pero se falamos de fama fóra de Ordes ninguén competiu nas últimas décadas do século XX con Jesús Rama Louro (1922-2005) coñecido como o Meigo ou o Cartuxeiro que tiña unha ampla clientela (mesmo vida desde Madrid!) para aproveitar as súas artes sanatorias.
Continúa en Vellos alcumes (5).

No hay comentarios:

Publicar un comentario