martes, 8 de agosto de 2017

Eleccións de 1910

  Foron convocadas polo liberal ferrolán José Canalejas o 8 de maio. Por suposto, como era habitual, o partido do goberno gañou mentres os conservadores perderon un gran número de escanos. O terceiro partido foi unha coalición republicano-socialista comandada polo famoso escritor Benito Pérez Galdós que permitiu que Pablo Iglesias Posse conseguise un histórico primeiro escano para o PSOE.

  En Ordes foron unhas das eleccións máis rifadas da historia porque Saturnino Aller aínda non lograra o control total do distrito.
  En principio presentábanse 8 candidatos, entre eles o propio Aller, os irmáns Rafael e José Gasset, Linares Rivas, Celestino Amigo Oreiro e José Pérez Neu, todos eles para facer vulto porque a loita era entre dous homes: o actual deputado, o conservador José Lombardero Franco, e o protexido de Gasset, o avogado malagueño Francisco Prieto Mera.
  No concello de Ordes, que fora baleirado de concelleiros conservadores, Prieto gañou por 739 votos a 268, pero no total do distrito Lombardero gañou con 4.418 votos por 2.937 de Prieto a pesar de todas as falcatruadas de Aller.

  Non obstante o tema non acabou aquí: Lombardero tamén se presentara polo distrito de Pontedeume ... e tamén gañou. Por sorteo tocoulle ser deputado por Pontedeume, así que a praza por Ordes quedou vacante.

  Non quedou máis remedio que convocar outras eleccións parciais que tiveron lugar o 25 de decembro. Os conservadores tremeron ... e con razón. Nese medio ano Saturnino Aller seguira manobrando, poñendo xente nos concellos que aínda non controlaba e o resultado final foi moi distinto.
   Presentábanse nesta ocasión dous candidatos moi similares aos das anteriores eleccións: o conservador Julio Wais Sanmartín (avogado coruñés que estudara a carreira en Santiago) contra o liberal cunero (era alacantino) Joaquín Chapaprieta y Torregosa. 
  Sospeitosamente en concellos nos que 7 meses atrás arrasara o candidato conservador agora sucedía ao revés. Por exemplo, en Trazo (o caso máis extremo) pasouse de 573-8 a un sorprendente 8-379 e en Oroso de 366-75 pasouse a 154-553. Estes concellos foron a base dunha apurada remontada liberal.
  Ao final na reunión da Xunta electoral do censo, entre acusacións de tongo, proclamouse a vitoria de Chapaprieta por 3.163 votos contra os 2.928 de Wais. Quedou sen escrutar (para desesperación de Wais) Tordoia, feudo conservador, por diversas irregularidades.

  Unha vez máis o nome de Ordes chegou a Madrid. O deputado Sanjurjo protestou vehementemente no Congreso polos atropelos cometidos no distrito. Unha vez máis non valeu de nada.
  Chapaprieta ocupou o escano e Wais quedou sen el (entraría un par de anos despois, casualmente polo distrito de Pontedeume, substituíndo a Lombardero), pero o verdadeiro vencedor foi Saturnino Aller.
  Durante os seguintes 13 anos ninguén podería sacudir o seu xugo na comarca de Ordes. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario