sábado, 2 de agosto de 2025

A familia Louro da Fraga

   Unha das máis coñecidas familias de Ardemil foron os Louro da Fraga. O patriarca desta familia foi Vicente Louro Viqueira (m.1937) que casou con Josefa Garaboa N. Era unha familia acomodada pois a principios do século XX ata había unha criada na casa (María Brandariz Candal). O matrimonio tivo 4 fillos que chegaron á idade adulta: Tomás (n.1877), María (n.1880), Manuela (n.1881) e Lorenzo Louro Garaboa (n.1882).
  De María e Manuela non teño máis información. Lorenzo Louro Garaboa (1882-1971) tamén viviu na Fraga. Casou con Jesusa Candal Brandariz (m.decembro 1977) coa que tivo polo menos 9 fillos:  Isolina, María, Pedro, Valentina (emigrou), Manuel, Consuelo, Concha, Olivia e Amalia Louro Candal (m.xaneiro 1966).
 
  O maior, Tomás Louro Garaboa, casou con María Raposo Campos (1882-1971) e no primeiro cuarto do século XX tiveron 10 fillos, 6 mulleres e 4 homes: Juana, Jesusa, Manuel, Ricardo, Francisca, Carmen, Lorenzo, Jesús, María e Adolfina Louro Raposo.
  Foi unha familia con afección á musica: Manuel, o maior dos varóns, tocaba algo a gaita e Lourenzo aprendeu a tocar o clarinete. En 1935 comezaron a tocar xuntos ata que marcharon para o servizo militar. Outra característica é que, como moita xente da parroquia, eran abertamente antifranquistas ata o punto que participaron nun atentado contra varios postes telegráficos, feito que os levou a prisión durante os anos 40 e obstaculizou a súa carreira musical.
 
Juana
(1903-1968), Jesusa (1909-2001) e Francisca Louro (1915-1994) establecéronse en concellos veciños como Cambre, Mesía ou Culleredo, mentres Carmen emigrou ao estranxeiro. Manuel, casado con Asunción Candal Gómez, instalouse en Almeiras, preto da súa irmá Francisca.
Ricardo Louro Raposo (1912-2013), moi lonxevo pois viviu 101 anos, casou para Castrelos 19 (Leira) con Andrea Brandariz Vieites (1919-1987), coa que tivo 7 fillos.
Lorenzo Louro Raposo (1917-1987) foi un dos mellores músicos da comarca. morrendo solteiro.
 
Jesús Louro Raposo
(1922-2015) tocou cos seus irmáns e tamén pisou o cárcere -causa 366/46-. Foi moi famoso na vila, xa que rexentou o "Bar Fraga" que estaba preto da Casa do Concello nos Parques Municipais. Casou coa costureira Carmen Ríos del Río (1929-2019) Carmen do Cubo, coa que viviu en Trabes na Casa do Cubo, e coa que tivo 10 fillos. Un deles rexenta o "Café bar Fraga", agora en Rosalía de Castro.
María Louro Raposo (1926-2025) casou co fontaneiro procedente de Vilamaior José Silva Ríos (1924-1992), co que viviu en Ciudad Jardín. Tiveron dous fillos: José Antonio e Amancio. María foi a última dos irmáns en morrer.
Adolfina Louro Raposo (1927-2015) casou con Manuel García Rodríguez (1929-1999), fillo de solteira de Carmen Gª Rodríguez (1907-1979) que logo casaría co Chocolateiro. Manuel herdou o alcume deste, pero como el montou unha tenda de motos nos Lagartos era o Chocolateiro das motos. Tiveron tres fillos: Mª Carmen, José Manuel e José Luis García Louro.
 

  En Ardemil tamén houbo outros Louros, probablemente emparentados.
Juan Louro Candal (1891-1958) casou con Matilde Barros Caamaño (1891-1989). Foron pais de Manuel (1918-2009) o do Hostal Louro, Adolfina (1929-2004), Manuela (1927-2019) do Restaurante Avelino, Pedro e Benigno Louro Barros (1931-2024).
Benito Louro Candal casou con Manuela Barros Caamaño e foron pais de Nieves, Antonio, José, Matilde, Aurora e María Louro Barros.
  Na Carballeira viviu Benito Louro Rey (m.1931), casado con Juana Conde Barreiro (m.1913), pai de Pedro, Dolores, Andrés, José, Estrella, María, Manuela e Jesusa Louro Conde. O 3º fillo e herdeiro, Andrés (1894-1976), casou con Jesusa Moar Lata e sería o pai dos Louro Moar da Carballeira.