O martes 6 de novembro de 1962 foi un día tráxico que tardaría en
ser esquecido no lugar de Guindibóo.
Alí vivía Manuela Juncal Pazos co seu fillo Francisco
Iglesias Juncal. Este tiña 28 anos e estaba solteiro. Levaba ano e
medio en Ordes despois de pasar tres anos en Venezuela, país ao que pensaba
volver e para iso estaba a tramitar a documentación.
O pozo da súa casa, que databa dos anos 20 ou
30, ultimamente estaba quedando sen auga a finais do verán. Así que Francisco
tomou a fatídica determinación de profundar algún metro máis para evitar estes
períodos de seca.
Para este traballo buscou a axuda dun irmán
maior, Manuel, e dun amigo que era algo
parente seu: Juan
Juncal Corbelle, de 34 anos, casado con Concha Villaverde Mosquera e con dous fillos
de pouca idade (unha nena de 3 anos e un bebé de apenas dous meses).
Xa tiñan baixado ao pozo algunha vez para
facer traballos de limpeza e comprobado que, debido aos seus 16 metros de
profundidade, era difícil o labor por falta de osíxeno. Así que Manuel Iglesias quedaría no exterior
proporcionándollo por medio dunha bomba a Juan e Francisco.
Despois de deslizar unha lámpada para a
iluminación, os dous homes baixaron por unha corda e puxéronse a picar. Durante
uns 30 minutos a operación transcorreu sen problemas, pero sobre as 11 da mañá chegou
a traxedia. Probablemente unha bolsa de gas metano estalou ao saltar unha
faísca produto dun golpe de pica contra unha pedra.
Manuel só viu o resplandor dunha labarada.
Asustado, colleu terra e botouna ao pozo para sufocar as chamas. Efectivamente
apagáronse, pero o fume impediulle ver nada. Logo chamou ao resto da familia e
aos veciños pedindo axuda. Pero estaba
claro que todo intento de baixar sería un suicidio porque obviamente había gas
no pozo.
Chegaron os gardas civís de Ordes ao mando do
tenente José Vila López e o comandante de posto José Camba López, chegou tamén
o xuíz de Instrución Martín Otero Fernández e chegaron logo os bombeiros de
Santiago, pero non tiñan material adecuado para tal rescate.
Houbo que recorrer á empresa Calvo Sotelo de
Pontes de García Rodríguez que enviaría a Guindibóo unha parella do seu equipo
de seguridade e salvamento e ao experto perito Antonio Abeijón.
Pero
mentres non chegaban, os veciños non permaneceran quietos e tiñan disipada a
fumareda con longas ramaxes. Iso permitiulles ver os corpos carbonizados de Juan e
Francisco. Ata baixaron, colgado dunha
corda, un can da veciñanza para comprobar se seguía habendo gas. Foi subido uns 8
minutos despois con vida pero desmaiado, o que disuadiu aos máis temerarios de
baixar ao pozo. Finalmente, ás 8 e media, xa de noite, chegou o equipo de
seguridade. Inmediatamente un dos compoñentes, perfectamente equipado, baixou
ao pozo e logrou facer subir os cadáveres.
Con autorización
xudicial foron trasladados aos seus domicilios. Dous días despois serían
enterrados, evento que paralizou totalmente a parroquia.
A familia Juncal Corbelle parecía estar
marcada pola fatalidade. Outros dous irmáns morreron en distintos accidentes.
Concha Villaverde Mosquera, a viúva de Juan, faleceu en 2008 aos 74 anos.
Manuela Juncal Pazos, a nai de Francisco,
morrería en 1975 e o seu fillo Manuel Iglesias Juncal morrería no ano 2006, mentres
a muller deste, Estrella Juncal Grela, faleceu no ano 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario