As festas do ano 1962 no foron organizadas por unha comisión de xente xoven da vila
como era costume. Non sabemos os motivos, pero ninguén se decidiu a organizalas,
así que o alcalde Juan Liñares nomeou como responsable ao concelleiro José Galán
López (1923-1980), aínda que recibiu axuda doutros concelleiros. O
orzamento foi dunhas 100.000 pesetas da época.
O xornal compostelán La Noche dedicoulles un especial de tres páxinas, cheo de anuncios e de diversos artigos.
Curiosamente esqueceu publicar o programa así que non sabemos que orquestras
houbo, pero si que estivo a incombustible Banda de Arca.
Nese especial había unha entrevista con
Alfonso Romero, representante dos tractores Ebro, que coa axuda de Ovidio Prado
levaba vendidos máis de vinte na comarca. Outra entrevista era ao párroco don
José Fernández, que rematara a parte máis importante da reforma da igrexa
parroquial, e outra a un suposto madrileño "Juan Cibeles" onde poñía
a Ordes polas nubes. Había un artigo gracioso de Máximo Sar falando das "cazatas" (as saídas para
cazar, excusa para facer enchentas e fardar das propias "fazañas"),
outro artigo nostálxico de Víctor González Faya e outro máis de Fausto Blanco
onde disertaba sobre a historia da vila. Ademais Purita Patiño Gago pedía unha
alegre cabalgata para que se luciran as mozas ordenses.
Pero o máis interesante era o resumo das
novidades no concello. O préstamo de
1.800.000 pesetas que tiña concedido o BCL a Ordes íase empregar en moitas
obras. Estaban en construción 6 escolas (2 en Beán, 2 en Leira e 2 en Ordes) e íanse
subastar as de Faramilláns, Vilasenín e Sar. Construción de postos na feira da Adina, no campo da
feira de Ordes e nos baixos do consistorio. Pretendíase que o alumeado a base
de mercurio chegase ás outras rúas da vila ademais da principal. Pavimentouse a
rúa Directorio (hoxe Rosalía). Estaban próximos a inaugurarse un Centro de
Inseminación para o gando e unha centro comarcal de Consulta Tisiolóxica. Foi
ampliado o cadro telefónico. Outros proxectos que non se vían tan próximos eran
a traída de augas e a pavimentación da Alameda (que costaría 100.000 pesetas).
Ese ano houbo moitas vodas pero só dúas
apareceron na prensa.
O luns 20 de agosto de 1962 ás 5 da tarde na
igrexa parroquial de Ordes profusamente adornada tivo lugar a voda de dos mozos
do Recreo, Mª
del Carmen de la Soledad Mariño Franqueira e José Manuel Castro Ferreiro. Ela
era filla do comerciante e ex-alcalde Rafael Mariño e de María Franqueira e el
do bolicheiro José Castro del Río e de Dolores Ferreiro del Río, todos eles de
familias "de toda a vida" e por tanto moi coñecidos na vila.
Aos acordes da marcha nupcial fixo a súa
entrada no templo a noiva, acompañada do padriño, o seu irmán Rafael Mariño
Franqueira, perito industrial que traballaba en Fenosa. Esperaba o noivo coa
madriña, a súa irmá Elvira Castro.
Oficiou a cerimonia o párroco de Ordes don
José Fernández Fuentes que dirixiu unha "emotiva
plática" ao novo matrimonio.
Portaban as arras e os aneis as "lindas nenas" María Dolores e
María Estrella Ferreiro Díaz, fillas de Ramón o Practicante e primas por tanto
do noivo. A noiva lucía un precioso
traxe de raso natural e veo de tul ilusión suxeito con orixinal tocado.
En
representación da lei actuou o seu tío político, o avogado Manuel Astray Rivas.
Asinaron como testemuñas Ramón Ríos Silva, Eduardo Somoza del Río, Manuel
Mariño Vilela, Nicolás Prado Armas, Manuel García Arceo, Manuel Verea
Remeseiro, Antonio Iglesias Carrero, Ramón Ferreiro Regos, Francisco Mariño
Vilela e Antonio Astray Rivas.
Os numerosos invitados ao acto foron
"esplendidamente obsequiados" con un lunch no Salón Moderno, servido
pola sala de festas "La Granja"
da Coruña.
Os novos esposos saíron de viaxe por diversas
capitais, para logo dirixirse a Hamburgo onde fixarían a súa residencia en
principio. O matrimonio duraría máis de 50 anos ata maio de 2015 cando morreu
José Manuel, deixando unha única filla,
Carmen Castro, e unha neta, Miriam.
O xoves 8 de novembro, na igrexa de San Xurxo
na Coruña, os que casaron foron Mª Dolores Torrón Durán co xuíz, natural de
Frades, José María Botana López. Oficiou a cerimonia don Rafael Taboada. A
madriña era a nai do noivo, Josefina López Taboada, e o padriño o pai da noiva,
coronel de Infantería (con uniforme de gala) Francisco Torrón Dumas. Despois da
voda a noiva foi ao seu antigo colexio, Compañía de María, a depositar o ramo
aos pés da Virxe. Despois da festa no "Hotel Embajador", os xa
esposos marcharon de viaxe a Portugal e cidades de España antes de establecerse
provisionalmente en Alcañiz. O matrimonio tería tres fillos e duraría ata mazo
de 2025, data en que morreu José Mª Botana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario