sábado, 23 de agosto de 2025

O ano 2011


  En xaneiro do ano 2011 espertou a Primavera Árabe: comezou en Túnez, que viu fuxir ao presidente Zine el Abidine Ben Ali (23 anos no poder), logo pasou a Exipto onde Hosni Mubarak tamén deixou o poder (levaba 30 anos). En febreiro chegou a Bahrein e a Libia, países nos que os gobernos desataron unha forte represión, mentres o rei de Marrocos Mohamed VI prudentemente anunciou un recorte dos seus poderes e unha reforma da Constitución. En marzo serían Siria e Yemen os que continuasen con protestas e represión. Mentres en Siria Bashar al-Ásad aguantou a pé firme, en Yemen Ali Abdalá Saleh acabaria renunciando despois de resistir un tempo. O Comité de Seguridade da ONU, mentres, aprobou usar a forza para intervir en Libia. Os rebeldes gañarían en agosto e, en outubro, o propio Gadafi foi capturado e executado. A primaveira tería un inverno amargo para Occidente: nas primeiras eleccións democráticas en Túnez o claro gañador foi "En Nahda", un partido islamista.
  Outras novas foron a Independencia de Sudán do Sur despois dun referendo, a renuncia de Fidel Castro, a morte de Osama Bin Laden, a victoria en xuño de Ollanta Humala en Perú (o 1º presidente de esquerdas democraticamente elixido) e o movemento Occupy Wall Street copiado de España, porque non hai que esquecer que seguía a crise económica global.
  A catástrofe máis terrible tivo lugar o 11 de marzo en Xapón co terremoto máis forte da súa historia e un devastador tsunami que provocou miles de mortos e arrasou o nordeste do país. Ademais provocou unha fuga na central nuclear de Fukushima.
 
  2011 foi o ano da divertida canción "Party Rock Anthem" de LMFAO e de "Rolling in the Deep" e "Someone Like You" de Adele, mentres en España escoitábamos "Solamente tú" de Pablo Alborán e comezaba o festeiro "Ai se eu te pego" de Michel Teló. En cambio o cine viu unha morea de secuelas moi taquilleiras (quizais a mellor Ghost Protocol) destacando apenas a orixinal Moneyball. Na TV apareceron dúas series míticas: Game of Thrones e Black Mirror.
 

España seguía sumida na crise económica, o que propiciou tamén unha crise política. As cousas pintaban tan mal que un devaluado Zapatero anunciou en abril que non se presentaría ás seguintes eleccións (o seu sucesor sería Rubalcaba). Os "Indignados" encheron as prazas de España e unha gran manifestación o 15 de maio daría ese nome (15-M) a un movemento do que nacería Podemos. As eleccións autonómicas e municipais dese mes constataron o mal momento do PSOE cunha enorme derrota. A outra gran noticia do ano foi que ETA anunciou o fin da loita, aínda que non entregou as armas. Para os fumadores tamén foi un mal ano porque en xaneiro entrou en vigor a nova Lei anti-tabaco que prohibía fumar en calquera lugar pechado. En novembro a prima de risco española acadou máximos históricos. No medio deste clima de intensa crise as eleccións xerais de novembro foron gañadas polo PP con maioría absoluta, iniciando así o goberno de Mariano Rajoy.
Galicia, que tamén sufría paro e declive económico, contemplou a inauguración da Cidade da Cultura sen tela acabada, pero o que máis tinta fixo correr foi o roubo do Codex Calixtinus na catedral.
 
Ordes volveu a vivir un ano electoral, e aínda que houbo novas importantes no primeiro trimestre como a finalización das obras da cidade deportiva en marzo ou a inauguración do Museo Xoxardo, o pobo estaba máis atento aos movementos preelectorais. Repetían liderado Manuel Regos de UxO, Xesús Pedreira do PSOE e Gonzalo Castro do BNG (este último reforzado coa volta de Ramiro Recouso para o posto 3º da lista). José Luis Martínez Martís encabezaba o PP e a novidade sería a empresaria Ana Mª Álvarez Pérez (ex-PSOE) que se presentou por Cidadáns, partido entón en auxe. A campaña foi moi seguida e ata Alberto Núñez Feijoo veu dar un mitin a Ordes.
 

  As eleccións do 22 de maio tiveron unha participación histórica de máis do 80 % e clarificaron a situación: Regos triunfou, pasando do 23 ao 36 % dos votos e gañando máis de 1050 novos electores. Martís podía considerarse o outro gañador pois pasou do 19 % (de Martino) ao 35 % e o PP con el gañou 1.400 novos votos. Ana Mª Álvarez tampouco se podía queixar, pero para PSOE e BNG foi unha total derrota. O BNG baixou case 600 votos e perdeu un edil, mentres O PSOE (participando no goberno) perdeu 2 actas e case 900 votos.
 

ELECCIÓNS MUNICIPAIS de MAIO de 2011

Censo: 10.670

Votos totais: 8.581 (80,5 %)

Abstencións: 2.089 (19,5 %)

Votos en branco: 142 (1,6 %)

Votos nulos: 144 (1,6 %)

Concelleiros: 17

Partido

Edís

Votos

%

UxO

7

3.098

36,72

PP

6

2.956

35,04

BNG

2

955

11,32

PSOE

1

757

8,97

CideGa

1

529

6,27

 
  Non obstante Regos non tivo unha maioría tan clara como na primeira lexislatura. Silvia Marín non puido lograr máis que o apoio de Pedreira (ao que non lle quedaba outra), pero a oposición, se ben sumanba 9 edís por 8 do goberno, tiña demasiadas diferenzas como para aliarse permanentemente. De todas formas uníronse para botar abaixo algunha proposta do goberno como os soldos de dedicación exclusiva para dous concelleiros.
  O 13 de xuño, en cambio, houbo unanimidade para condenar un atentado con bomba contra a sede do PP ordense.
  A noticia máis dramática do ano chegou a finais de agosto e foi un accidente en Mercurín. Mª Isabel Gómez Villaverde (59 anos), a súa cuñada Jesusa Monje Guillín (49) e un sobriño das dúas, Antonio Gómez Juncal (40) morreron atropelados cando marchaban de noite a pé peregrinando cara a Caión. O enterro congregou á corporación municipal e a 3.000 persoas silenciosas e aturdidas pola magnitude da traxedia.
  Pero as festas non podían parar e houbo a habitual restra de celebracións ao longo do ano, entre as que destacaron a 4ª Gala contra o cancro e a mítica última edición de Brincadeira en Ordes encabezada por Europe. As festas patronais volveron a ter ás tres orquestras máis top: Panorama, París de Noya e Olympus.
  2012 foi bo no ámbito deportivo co equipo A.C. Órdenes de Hóckey acadando en Getxo o ascenso á 1ª División Nacional e o xuvenil do Ordes de fútbol o ascenso á Liga Galega.
  O fin do ano chegou novamente con polémica. Xa rematadas as obras do novo Consistorio, descubriuse (convenientemente tarde) que a Casa do Concello vella tiña uns preocupantes danos estruturais e era necesario reformala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario