viernes, 29 de agosto de 2025

Ensino medio en Ordes

 
  Na primeira metade do século XX a situación do ensino medio na maior parte de España era deplorable. Só había institutos (e poucos) nas capitais de provincia ou en cidades de certa importancia como Santiago. Deste xeito os rapaces do rural non podían aspirar a estudar bacharelato e moitos, especialmente as rapazas, ata tiñan problemas para ter estudos primarios.
  A única solución, e só para familias de bo nivel económico das vilas, era pagar unhas pasantías e logo ir facer os exames na cidade para acadar o título de bacharelato.
  En Ordes, do ano 1916 a 1944, viviu o mestre máis coñecido da nosa historia: Nicolás del Río Castelo. Deu clase a centos de escolares e pasantías aos fillos das familias máis podentes de Ordes, aos que despois acompañaba en xuño ou en setembro ata Santiago cando facían os seus exames, como podedes ver neste artigo do xornal El Compostelano de 26 de setembro de 1924.
 
  En los exámenes que se vienen celebrando en el Instituto Nacional de 2ª enseñanza de esta ciudad han obtenido las honrosas calificaciones: dos sobresalientes, seis notables y cuatro aprobados los alumnos Nicolás del Río Barros, Rafael Álvarez Salgueiro, Juan Liñares Castro, Ángel Mariño Vilela, Manuel Álvarez Salgueiro y Leonardo García del Río, los cuales fueron preparados por el maestro nacional de Órdenes y corresponsal nuestro, D. Nicolás del Río Castelo, a quien felicitamos lo mismo que a sus alumnos.
 
  O estandarte de don Nicolás foi recollido a finais dos 40 principalmente por Mariano del Amo Algara, irmán do famoso director de cine Antonio del Amo. Don Mariano fora director de Institucións Penitenciarias na República en Valencia. Proba do seu bo carácter é que os presos que estaban ao seu cargo asinaron unha petición para que non fose represaliado cando o bando nacional chegou á cidade. Casou con Marina Pol Amor e o matrimonio viviu no que hoxe é Alfonso Senra 65. Detrás desa casa nunha pequena construción tivo a súa primeira academia (a da foto) ao lado dun horto onde nos seus ratos libres plantaba patacas, pementos... e onde había tamén unha pereira.
  Posteriormente nos anos 50 montou a Academia Balmes na rúa Rosalía, nunha casa que pertencía a Pazos. Esta funcionaba en réxime de padroado. Como anécdota había unha profesora moi guapa, doña Erundina, que traía tolos aos rapaces. 
 
  
   
Manuel Moar Martínez: D. Mariano era un home honesto, culto, noble, dialogante e xusto que tiña un ideal democrático e republicano. Lembro unha frase que me dixo a mín e que xamais esquecerei: "Respeta y serás respetado". Nos intres en que os rapaces o faciamos enfadar tiña unha expresión sempre presente que era "¡Demonios encendidos!".
José Manuel Verea Rumbo: D. Mariano formó en su academia, y después en la Academia Balmes a generaciones. Creo que es comparable a D. Nicolás del Rio. No sé si tenía alguna carrera, pero si una cultura terrible. Lo recuerdo en la academia Balmes y substituía a cualquier licenciado de los que había, y tanto te daba clase de francés o inglés como física, historia o griego. Lo pueden acreditar otros alumnos. Enseñaba con sus charlas informales, fuera de las clases, muchísimas cosas, con los paseos a que nos llevaba a lo que él llamaba la "Robleda", que es la fraga que había en el Piñeiro, intentaba que los alumnos conociesen y reparasen en el campo y que nos aficionáramos a la gimnasia, cosa que en aquellos tiempos era algo raro. Desde aquí mi reconocimiento a D. Mariano.
 
  Tamén podemos citar a Ramona Pérez Arcay doña Moncha (1917-1968), muller do garda civil Jesús Quintela Regueiro, que deu clase na hoxe rúa Ramón Carro no que pomposamente ela chamaba "Colegio La Inmaculada", aínda que tamén estivera nunha casa dos Mariños das Corredoiras e antes aínda no antigo Campo da Feira.
 
  En 1940 só cursaban ensino medio o 12 % dos alumnos, porcentaxe que subiu en 1950 ao 19 %. En febreiro de 1953 promulgouse a Ley de Ordenación de la Enseñanza media, que tiña como obxectivo principal a expansión do Ensino Medio. Para acadar esa meta implementouse unha medida que resultou moi efectiva: dividir o bacharelato en dous niveis, elemental (4 cursos) e superior (2). Así os rapaces ata 1976 estudaban 4 cursos de Primaria obrigatorios. Logo dunha Reválida podían estudar 4 anos de bacharelato elemental, 2 de bacharelato superior (5º e 6º) e só se querían entrar na universidade un curso que entón se denominaba PREU (e máis tarde sería chamado COU).
  Pero o obstáculo seguía sendo o mesmo: a principios dos anos 50 só había en España 900 colexios privados e 120 institutos públicos pero moi mal repartidos. O ministro Ruíz Jiménez salientaba que había numerosas vilas de máis de 20.000 habitantes sen instituto nin institucións privadas importantes. Iniciativas como os estudos nocturnos e as chamadas "Seccións Filiais" paliaron algo o problema nas cidades, pero no rural seguían tendo que estudar por libre como 30 anos atrás, así que só o podían facer os alumnos de altos recursos. De todas formas a mellora económica notouse e no ano 1960 a porcentaxe de alumnos xa subira ao 36 %.
  En xuño de 1960 deuse un novo paso: a creación dos CLA (Colexios Libres Adoptados). O Ministerio pretendía que todas as cabezas de comarca e localidades importantes tivesen un CLA. En colaboración co concello que debía aportar un edificio de polo menos 4 aulas para 25 alumnos, outras salas necesarias e mobiliario e aceptar ao director e vicedirector que o Ministerio impuxese.
  Desta forma deuse un serio impulso ao ensino medio no rural. A estrutura previa de pequenas academias informais de ensino libre transformouse noutra de colexios semioficiais que dependían dun instituto. Os exames finais eran feitos por profesores do instituto matriz, pero no propio CLA (terreo amigo) e contando coa opinión dos docentes que os coñecían.
 

  Aquí aparece un novo personaxe: María de los Ángeles Álvarez, unha profesora ourensá que casou con Fausto Valentín Blanco García, maís coñecido como Fausto de Fleira. El era procurador (e correspondente do xornal El Correo Gallego) e tiña unha gran visión comercial. Primeiro montaron unha academia detrás de Alfonso Senra entre o bar "7 mares" e a casa dos seus pais e logo trasladouse a unhas casiñas que aínda están en Vilar. Alí tamén montou un salón de baile aproveitando a incipiente movida daqueles anos. O nome oficial do centro era Academia Álvarez pero todo o mundo lle chamaba "Academia de Fausto" ou "Academia de Vilar".
  Foi o principal centro de estudo medio ata 1967 en que se empezou a usar como outra academia o edificio destinado a ser o cárcere do partido, que fora construído polo contratista José García Varela (1906-1992) -e que aínda non lle tiñan pagado-. Este centro sería agora un CLA dependente do Instituto Xelmirez de Santiago, pero popularmente sería coñecido como "Academia de Arriba" ou directamente "A Cárcel". A súa directora acabaría sendo a filla do construtor, Encarna García Sánchez, eternamente doña Encarnita.
  As medidas para dar impulso ao ensino medio foron tan efectivas que no ano 1970 a porcentaxe de alumnos subira a un espectacular 88 %.
 
  En 1971 Mª Ángelez Álvarez aprobou as oposicións, o que foi o principio do fin da súa academia, ao ano seguinte Fausto xurou como procurador na Coruña e así o curso 72-73 foi o último desta institución.
  Deste xeito "A Cárcel" quedaría como único centro de ensino medio ata decembro de 1980 en que os alumnos se trasladaron ao Instituto Público do Paraíso, aínda que a inauguración oficial sería en outubro de 1981. En 1998 cambiaría de nome a IES Nº 1, xa que en 1999 comezou a construcción doutro instituto na zona de Vilavaldés, que sería o IES Nº 2 e que empezaría a funcionar no curso 2000-01.

2 comentarios:

  1. Grasas o autor polo articulo, Doña Ángeles era una persoa maravillosa, acordome do cura que nos daba Religión que foi botado da Academia por darlle una tremenda malleira a un compañeiro.

    ResponderEliminar