En tempos violentos, como os anos 20, as
discusións acababan moitas veces en agresión física e, dado que os homes
adoitaban ir armados, era inevitable que se producisen mortes. Como ocorre hoxe
cos accidentes de coche, era algo previsible que cada certo tempo alguén
morrese violentamente.
O domingo 3 de xuño de 1923 tocoulle a quenda a
Ordes. O suceso foi especialmente lamentable porque os implicados eran membros
da mesma familia, os Recousos de Vilar (que por certo tamén era a miña familia,
pois Antonio Recouso era irmán da miña bisavoa Manuela Recouso, muller de Juan Ferreiro).
A vítima foi José Recouso Noya* un mozo
labrador de 29 anos, que ás seis e media da tarde estaba no lugar chamado
Revolta da Fraga no Balado. Alí
comezou unha discusión co seu curmán, Antonio Recouso del Río, labrador nacido en Vilar
de 41 anos, pero que vivía no Recreo coa súa muller Rosa Boquete. Este recriminoulle que unha
vacas propiedade do pai de José entraran nun prado seu.
A discusión foi medrando en intensidade ata
que Antón completamente enfurecido sacou a súa gran navalla de Albacete e
deulle unha puñalada no peito que lle causou a morte case inmediata a José.
Logo, sen saber ben que facer, fuxiu do lugar.
O Xulgado de Ordes constituíuse pouco despois
de ocorrer o homicidio no Balado para comezar a investigación, pero non tivo demasiado
traballo porque ao día seguinte ás seis da tarde Antón presentouse na casa
cuartel para confesar e ser detido. Curiosamente o encargado do cárcere negouse a detelo, ata que chegou a orde do Xulgado.
O xuízo tivo lugar case un ano despois, a
finais de xuño de 1924. Antón foi defendido polo prestixioso avogado coruñés Manuel Casás, enfrontado ao fiscal substituto señor Pardo e ao avogado da familia señor Suárez Carrero que pedían 14 anos, 8 meses e un día de reclusión e unha indemnización de 10.000 pesetas. Como acostumaba pasar, Antonio non saíu moi malparado
pois tívose en conta a eximente de arrebato e obcecación, non ter intención de
causar tanto dano e provocación da vítima.
* Nalgúns xornais, como El Ideal Gallego, aparece como José Recouso Carballido. Noutros como El Compostelano, Galicia e El Progreso é o homicida e Antonio a vítima.
Antonio Recouso del Río Antón tivo 4 fillos con Rosa Boquete Villaverde:
Antonio Recouso Boquete
(1909-1946): garda de asalto en Barcelona. Logo, en Ordes uniuse as guerrillas
anti-franquistas e foi abatido na parroquia de Parada en xuño de 1946.
José Recouso Boquete (1914-1996):
polo contrario, estaba na escolta de Franco, da que tivo que saír por culpa
do irmán. Traballou de xardineiro para Viriato e estivo casado con Carmen
Fernández Barreiro -dos Fernández das Casillas-. Non tiveron fillos.
Marina Recouso Boquete
(1919-2012): casada con Ramón Noya Bermúdez -irmán do municipal Cachorro- co
que viviu no Recreo e con quen tivo unha única filla, Marina.
América Recouso Boquete
(1921-1985): casada con Ramón Ferreiro Juncal -dos Ferreiros do Casal- foi a que quedou na casa familiar no
Recreo. Tivo dous fillos, Milagros e José Antonio.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario