O gran home levaba tempo batallando contra unha grave enfermidade. O mércores
25 de abril xa non puido asistir ao fastoso banquete na honra do deputado a
Cortes do distrito Alfonso Senra (aloxado na súa
casa), que contou con 300 comensais de toda a comarca e unha serenata da Banda
Municipal de Santiago a noite anterior. Aller aínda resistiu catro días máis
ata a tarde do domingo 29 de abril en que faleceu.
Aínda que esperada, a súa morte causou a
natural conmoción nas terras de Ordes. Fóra, os xornais conservadores mencionárona de
pasada e con frialdade. Só Nicolás del Río, mestre en Ordes e correspondente de El Compostelano, saíu da
norma e eloxiou a "nuestro buen
amigo y jefe político" dicindo que "su
muerte causará gran trastorno en esta comarca donde contaba tantas simpatías
por su carácter altamente simpático, y por los múltiples servicios que había
prestado al país".
En cambio La Voz de Galicia, xornal
liberal, deu gran importancia á noticia e publicou un longo panexírico no que o
definía como "profundamente
encariñado con su tierra [...] muy culto e inteligente aunque a primera vista
no revelase su aspecto al hombre de gustos refinados y selecto espíritu que era
[...] servicial y simpático, de afable trato, contaba con numerosos y buenos
amigos que sentirán hondamente su pérdida". Tamén destacaba como tiña "colmado de beneficios" ás
terras ordenses.
O 1 de
maio, tivo lugar o enterro, perfectamente documentado por La
Voz de Galicia.
Organizouse o cortexo diante da súa casa de
Ordes (actual Nogallás). Recollían as cintas que pendían do féretro os seus
excompañeiros de Deputación Rafael Llamas
Tojo, Ángel Aperribay, Antonio del Moral Sanjurjo e Alejandro Barreiro. Encabezaban
o dó o subsecretario de Fomento e deputado a Cortes Alfonso Senra que veu desde
Vigo, o fillastro de Aller, Carlos Puga Pequeño, o seu sobriño Ramón Aller (sacerdote
e ilustre matemático), o presidente da Deputación Ramón Vilas González, o
inspector provincial de Sanidade Rafael Fernández e os seus amigos Luis Cornide
e Jesús Santaló, director dos establecementos de beneficencia. Logo un nutrido
grupo de personalidades de Ordes e comarca.
Un xentío inmenso enchía a estrada. Á saída
da vila foi depositado nun automóbil o cadaleito, levado aos ombreiros dalgúns
caseiros do defunto ata alí. O coche fúnebre, seguido de varios autobuses e
coches particulares, emprendeu a marcha ata a afastada parroquia de Castro en
Mesía, onde foi soterrado. A misa foi oficiada polo párroco de Vilamaior D.
Vicente Monteagudo, aínda que a oración fúnebre estivo a cargo de D. Nemesio
Morgade. Outros 15 sacerdotes estiveron presentes, entre eles o de Gorgullos,
D. José Varela Aller, sobriño seu. O seu irmán Pedro Aller, que vivía en
Ponteceso, recibiu xunto a outros parentes as condolencias dos asistentes.
Por suposto non faltou a elite de Ordes
transportada para a ocasión en dous autobuses de "El Noroeste". Alí estaban o alcalde Manuel García
Bermúdez, Antonio Concheiro, José Carnota, José Mariño, Antonio Verea, Juan Linares, Manuel
Patiño, Ezequiel, Ramón e Manuel Astray, Antonio Viqueira, José Romero, Fernando
Liste, Manuel García Rívas, Ricardo Amor, Ignacio Castro, Manuel Concheiro,
Nicolás del Rio, Domingo Moar, Augusto Abella, José Sánchez Guisande, Elíseo e
Jacobo Amor, Julio Pol, José García e José Sánchez Somoza.
Outros asistentes foron o propietario Balbino
García del Valle e o mestre Julio Caamaño desde Parada, o alcalde Gumersindo
Liñares e o secretario José Maceiras Fernández desde Trazo, Jaime Veiga, Emilio
Sánchez Álvarez e o secretario Emilio Sánchez Somoza desde Oroso e Ángel
Concheiro, Camilo Iroma, José Varela Varela, o mestre José María Lesta, o
médico Jesús Gómez Aparicio e Celestino Mosquera, sobriño de Aller, desde
Mesía.
Non esqueceu o correspondente de La
Voz de Galicia o oco que quedaba na comarca e rematou deste xeito a súa
crónica: «Descanse en paz tan buen amigo,
y Dios quiera iluminar el “cónclave” de primates (sic) para elegir el nuevo jefe del
distrito».
Por suposto ignoraba que estaba asistindo ao
fin dunha era. Apenas tres meses despois Miguel Primo de Rivera iniciaría a súa
ditadura que poñería patas arriba toda esta clase política que medrara coa
restauración.
No hay comentarios:
Publicar un comentario