Un informe
encargado pola Axencia da Industria
Forestal á Universidade de Vigo
constata que no ano 2017 a facturación do sector forestal galego (máis de
2.200 millóns de €) logrou superar por fin a de 2008, ano que supuxo o inicio
da crise económica.
Con relación
ao ano 2015 (no 2016 non se realizou o estudo) medraron todos os subsectores:
rematantes (+7%), serradoiros (+16%), pasta-taboleiros e segunda transformación.
Esta última foi a que máis subiu grazas especialmente á fabricación de mobles.
Tamén marcou
un récord a exportación (máis de 860
millóns de euros) coa zona euro como principal compradora.
O informe tamén
revela o bo rendemento en orixe, no monte. O exercicio de 2017 marca un récord
no que respecta ao volume de madeira cortada en Galicia, ao superarse por primeira
vez a cifra de 8,5 millóns de metros
cúbicos, o que supón o 47 % de toda
a madeira cortada en España.
Por especies,
o eucalipto segue a ser o rei
indiscutible (representa o 59 % de toda a madeira cortada, aumentando desde o
ano 2015 nun 14 %). As coníferas aínda son o 38 % pero declinan cunha caída do
9 %. As frondosas permanecen estancadas con menos dun 3%.
A zona máis madeireira
é o norte de Galicia (provincias da Coruña e Lugo). A comarca de Ordes non é
das máis destacadas (a súa porcentaxe de 50 % de solo forestal está lonxe da
media galega que é de 65 %). Aínda que o concello que máis terreo dedica ao
monte é Trazo, o que ten maior produción é Frades,
mentres que o que menos produce é Oroso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario