Se nos poñemos a pensar nalgunha calidade dos
ordenses, seguro que nos veñen moitas á cabeza (a maioría negativas), pero
probablemente o último que se nos ocorra é relacionalos coa beleza.
Por iso foi tan sorprendente para moitos o
ano 2007, cando coñecemos a nova de
que fora elixido Míster Coruña un mozo de Ordes.
Ben, temos que matizar que non era un ordense
de pura raza, pois os seus pais, Rogelio Bodelo Pichel (1954-2023) e Antonia
Deus Fraga, aínda que veciños da rúa da Canteira, procedían da parroquia de
Monzo (Trazo).
Propietarios da fábrica de camisas Deus, o
seu único fillo Rogelio
Bodelo Deus xa naceu en Ordes en 1983 e medrou forte e lozano. A súa
percha de 185
centímetros valeulle para xogar ao fútbol no equipo da
vila, pero o de pegar patadas non era o seu.
Viaxaba todos os días
á Coruña a estudar Dirección e Administración de Empresas no Cesuga. Na cidade
coñeceu no ano 2006 a Noelia Barreiro Naveiro, unha bela compostelá 3 anos máis nova, que
estudaba Turismo no Centro Español de Novas Profesións, e coa que comezou a saír. Ela tiña en
mente ser modelo e Rogelio, que
simplemente a acompañaba, recibiu unha proposta da mesma axencia na que estaba ela. Ambos os dous presentáronse ao certame de beleza da Coruña (Noelia xa por 3º vez).
E... xa temos o primeiro Míster Coruña
ordense en decembro do 2007. Por certo que con todo o rebumbio a parella xa estaba
desfeita cando gañaron, aínda que "mantiñan moi boa amizade".
Agora había que ir polo trofeo nacional. E
aquí chega o interesante: Rogelio logrou ser elixido entre o seis máis guapos
de España, pero nas votacións paralelas que se celebraron na Internet sucedeu
todo o contrario. Acadou oficiosamente o título de "Míster máis feo".
Nalgún dos foros destacaban "a súa cara de brutote, as súas longas melenas
e os seus anchos narices".
A que se debía esta disparidade de criterio?
Pois foi simplemente unha cuestión capilar. Rogelio cortouse as súas melenas
para a final, e ao revés que Sansón, este cambio de look tróuxolle a fortuna. Podería dicirse que gañou "polos pelos".
Xa lanzado, en Finestrat (Alacante) foi
gañador do concurso Best Model of the
World en xullo de 2008. Días despois recibiu unha homenaxe na Casa do
concello á que asistiron unha chea de mulleres que querían coñecelo.
Rogelio seguiu durante algún tempo pola senda
da moda, pero hoxe xa está fóra de ese mundo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario