sábado, 17 de agosto de 2024

Os Tolos de Lesta

   Varias parroquias e lugares de Ordes tiñan no século XX un alcume gracioso posto polos habitantes dos lugares veciños. Así os vilegos eran coñecidos como Caciques, Cacicatos ou Caciquillos de Ordes aludindo tanto ao poder político que residía dentro da vila como á soberbia ou vaidade dos seus habitantes fronte aos paisanos das aldeas. Os naturais de Mercurín eran chamados Crouchos (espigas de millo pequenas e inmaduras) pola súa pobreza e a dureza da contorna. Os de Poulo eran coñecidos como Pouleiros ou Vaqueiros polo gran número de tratantes de vacas que había no lugar. Os de Montaos eran Queixeiros ou Pacholetas, os de Parada Cagharechos, os da Fraga da Galiña Miñateiros...
  E os veciños de Lesta eran os Tolos, alcume do que coñecemos a súa orixe grazas a Manuel Rodríguez García e o seu libro "Historia viva".
 

  Debemos remontarnos ata finais do século XIX no que a parroquia de Lesta estaba anexa á de Santaia de Gorgullos en Tordoia. Entre 1866 e 1867 tivo lugar a última reestruturación parroquial onde unha parte de Lesta foi traspasada a Gorgullos (agora moita desta parte está debaixo das augas do encoro). Como pode supoñerse non todos os veciños quedaron contentos con isto. Un deles foi un manciñeiro chamado Hilario que deixou dito que el quería ser soterrado no cemiterio de Lesta.
  Cando morreu, un día de verán, os curas mandaron levalo para Santaia pero os veciños negáronse. Colleron o cadáver e soterrárono eles sen asistencia de cregos no cemiterio da igrexa de Lesta. Botáronlle auga bendita e un ramallo de loureiro do Día de Ramos e puxéronlle unha cruz de madeira dunha misión que fixeran os frades de Padrón e que estaba na fachada do templo.
  Os veciños foron denunciados polos cregos e, aconsellados por un picapleitos de Cabaleiros alcumado o Deitado, decidiron finxirse tolos pala eludir a Xustiza. Así que comezaron a facer cousas ben estrañas: durmían e metían o gando nas cortes de día e levábanas a pacer e traballaban xa de noite ou mesmo poñían o carro diante dos bois. Unha das súas ocorrencias foi levar un burro ao adro da igrexa, atarlle un adibal á campá e ao rabo do burro e poñerlle un cesto de espigas diante, de modo que cando o burro adiantaba un pouco para coller unha espiga sonaba un toque de campá.
 
  Ademais desta historia da que non sei canto hai de verdade e canto de lenda, Manuel Rodríguez tamén nos fala dalgúns personaxes curiosos de Lesta.
  Un tal Martís foi unha tarde a buscar mineral a Ordes, ao almacén de Uzal. Cargou os sacos no carro e parou nunha taberna que había no Balado a comprar tabaco e tomar uns pucheiros de caña. Botou a corda enriba das cangallas, subiu aos sacos e desde alí afaláballe aos bois que andaron a legua que había ata Lesta. Pero antes de chegar á súa casa os bois foron beber á fonte, volcou o carro nun croio e alí quedou Martís sen vida debaixo dos sacos e do carro. No lugar puxeron unha cruz de ferro para recordar o suceso.
  Outro era Lelo de Xirimiñas. O día de San Ramón bailábase ao saír de misa coa xente rodeando aos bailadores. Uns rapaces gastáronlle unha broma pesada colgándolle un rabo de mecha da canteira. Prendéronlle lume e Lelo comezou a saltar e a esmuxicar. De aí lle quedou para sempre o alcume de Muxico.
  Outra veciña, da que non da o nome, ofreceulle unha vaca enferma a un santo, pero a vaca sandou soa e a veciña preguntoulle ao cura se lla levaba igual ao santo. O cura respondeu que a vendera e que lle levara os cartos. Como iso non a convecía de todo, levou a vaca xunto cunha galiña á feira. Á vaca taxouna en 12 reais e á galiña en 50 pesos coa condición de que había que mercar as dúas xuntas. Cando llas vendeu a un home de Xesteda quedouse cos 50 pesos e levoulle os 12 reais ao santo.
FONTE: "Historia Viva" de Manuel Rodríguez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario