domingo, 19 de septiembre de 2021

A Rúa do Muíño

 

   A Rúa do Muíño xa é cincuentenaria. Naceu a principios dos anos 70 no século XX (sendo alcalde Antonio Concheiro), cando se cambiou o antigo campo da feira (o que hoxe son os Parques Municipais) polo actual, creado na ribeira do río Mercurín.

  O río foi tapado e sobre el eran descargadas dos camións as vacas e os porcos que serían vendidos nas dúas naves construídas na parte norte da feira e que hoxe xa non existen. O que aínda permanece é o edificio que servía de taberna e polbeira e que na actualidade é a sede da Banda de Música.

  Ao redor do campo da feira apareceron dúas rúas: a rúa do Mercado ao oeste e a rúa do Muíño ao leste. Esta última tomou o nome do que entón era chamado muíño da Silva, onde antigamente ían moer o gran os veciños do Casal e do sur da vila, mentres os da parte alta ían ao muíño da Braña que está uns 400 metros máis ao norte.

  Xa en 1970 a primeira casa foi a máis meridional, a do policía municipal Alfonso Noya Cachorro. Como eran anos de bum inmobiliario a rúa medrou con rápidez.

  En 1974 o hostaleiro Antonio Moar Viqueira inaugurou a sala de festas "Órdenes 2000" que marcaría profundamente o destino da rúa e mesmo da vila. Nesa inauguración actuou a cantante Karina e logo virían os mellores artistas da época (Tony Landa, Juan Camacho, Al Bano, Los Chichos, Miguel Gallardo, Juan Pardo, Raffaella Carrá ...) e ata un espectáculo erótico festivo da raíña do destape, Susana Estrada, en 1980. Tamén foi o lugar das celebracións de Entroido, das representacións teatrais de Víctor González Faya, dos mitins políticos máis multitudinarios e ata de ceas baile.

 


 
  Arredor de 1980 foi inaugurada a piscina municipal "El Molino", da que por certo tamén tiña a concesión Antonio Moar. Isto ata creou unha crise no goberno municipal en setembro 1984 porque Nel Astray do PSOE estaba descontento do servizo que prestaba Moar do CDS, ambos os dous partidos socios da CG do alcalde Mundito. Aquel pleno foi un dos máis concorridos da historia.

  Os anos 80 foron unha época de decadencia para Moar que rematou por pechar a sala, pero en febreiro de 1990 volveu a abrir con novos propietarios e novo nome: LP45 ("Lepe 45" en chiste da época), agora sen orquestras e transformada nunha macrodiscoteca. Ao calor de LP naceron outros locais que converteron todo o campo da feira no lugar de festa máis popular de Galicia durante 20 anos. Na rúa do Muíño apareceron os míticos Tahití e Bambú (máis de estar sentados), Desórdenes e Papaluz (de baile) e os lugares de repostaxe como Maral, A Bolera e Sparky's. Todos estes sitios e moitos outros máis forman parte das mellores lembranzas dun par de xeracións (e non só da xente de Ordes).

  LP xa no século XXI cambiaría de emprazamento trasladándose a outro edificio máis ao norte, mentres o anterior se convertía nun supermercado Eroski, o de máis facturación da vila, ao aproveitar o seu tamaño e a gran superficie de aparcamento que ofrece o campo da feira.

 

  Na primeira década do século XXI a movida estivo cada vez máis desfasada provocando moitos incindentes e pelexas, pero arredor de 2010, no cambio de década, desapareceu en moi pouco tempo, marchando a xente a outros lugares como Santa Comba. Así remataron por pechar moitos daqueles locais míticos mentres outros cambiaron de nome e de propietario. Tamén pechou LP 45 no ano 2016 pasando a ser un plató de televisión. Permaneceron os sitios de comidas e algún máis atendendo aos clientes do barrio e aos asistentes á feira. Nos últimos anos revitalizouse de novo a zona, pero sen achegarse a aqueles vellos tempos da gran movida.

 


  En xuño de 2021, sendo alcalde José Luis Martínez, houbo unhas obras que custaron case 157.000 euros e que cambiaron totalmente media rúa. Nestas obras "de humanización" a rampla de acceso desde os parques desapareceu convertida en escaleira e todo o tramo sur foi cortado aos coches deixando unha superficie de máis de 4 metros e medio de anchura para as terrazas dos locais, outros 4 metros para paseo e 3 para o paso ocasional de vehículos.

  Ademais, como toque "cool", no pavimento de formigón gris escuro delimitado por laxas de granito pódese ver o escudo de Ordes e ler "Rúa do Muíño" (e tamén pola noite porque o bordo das letras leva unhas luces led).

No hay comentarios:

Publicar un comentario