martes, 15 de diciembre de 2020

Música tradicional

Esta é unha presentación que realizamos no CEIP Mesón do Vento cando recibimos ao grupo "Os Viqueiras" nun Día das Letras Galegas. O noso compañeiro e responsable da biblioteca, o lobo Ardemiro, explicoulles aos nenos dun xeito sinxelo diversos apectos da ...

MÚSICA TRADICIONAL 


Que é a música tradicional?
Son as cantigas e danzas que forman parte do folclore de Galicia e que durante moitos anos se conservaron de forma oral (sen transcribirse a unha partitura).
- As cancións tradicionais falaban dos oficios, das diversas celebracións (Nadal, Reis, Entroido...), temas relixiosos, xogos infantis ...
- As danzas bailábanse para divertirse e mocear. Antigamente nas festas patronais ata había competicións entre os mellores bailaríns e parellas.
O tipo de danza máis coñecido en Galicia é a muiñeira, porque se bailaba nos muíños cando se xuntaban mozos e mozas mentres esperaban a quenda para moer o trigo e o millo.
Se queres información máis completa, fai clic aquí

 

Os instrumentos tradicionais

Dous son os instrumentos principais: a gaita (vento) e a pandeireta (percusión). O bombo e o tambor, e tamén o tamboril, son outros dos instrumentos típicos dos grupos tradicionais.

Pero non sempre foron instrumentos accesibles a todos polo seu prezo. Por esta razón cunchas, tixolas, baldes de metal, unha botella de anís, unha lata de pimentón, un sacho golpeado cun seixo, paus ... servían de acompañamento habitual nos descansos do traballo e cando non se dispuña doutra posibilidade.


A gaita tradicional galega

A gaita é o instrumento tradicional por excelencia.

Normalmente facíase de madeira de buxo, arbusto que necesita moitos anos para medrar. Agora tamén se fan de pau santo e granadillo.

 

Estas son as partes dunha gaita. O fol permite que non haixa que soprar continuamente e que o gaiteiro poida respirar. Ata o século XIX non aparece o ronquillo e na 2ª metade do século XX aparece a ronqueta.

Actualmente tamén hai gaitas de inspiración escocesa que non son ben vistas polos músicos máis puristas.


O Bombo e o tambor 
Empregábase para eles madeira de bidueiro, faia, arce... e coiro de ovella ou cabra. Distínguense dos instrumentos modernos en que os seus sistemas de tensión están feitos de cordas e non de metal. Algo máis pequeno que o tambor é o tamboril.
 
Os cuartetos 
Os grupos máis tradicionais eran os cuartetos formados por dúas gaitas, un bombo e un tambor, aínda que se non había posibilidade económica de contar con eles calquera persoa cun instrumento valía para que houbera festa. Na nosa comarca era habitual que unha das gaitas fose substituída por un clarinete. 
 
A pandeireta e outros instrumentos
A pandeireta é o outro instrumento tradicional por excelencia. Usábase moito porque era moitísimo máis barata e fácil de facer ca gaita. Consta dun aro con ferreñas de latón (entre 9 e 13 pares) e unha pelica lateral.

Tócase dando golpes coas partes da man ou facendo vibrar o coiro cos dedos, acción que se chama repenicar ou triscar.

O pandeiro é un instrumento cadrado (aínda que nalgunhas zonas tamén era redondo) cun marco de madeira de 2-3 cm de groso e 40-50 cm de lado. A pelica acostumaba a ser de pel de cabra ou ovella (e se facemos caso ás cantigas tamén de can).

Outro instrumento moi usado pola súa abundancia son as cunchas de vieira.


Recorda!

Como din "Os Viqueiras":

- Non só debemos preocuparnos do idioma. A música e a danza tamén forman parte da nosa esencia e do que nos distingue como pobo.

Debemos protexelas e coidalas! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario