viernes, 18 de diciembre de 2020

A primavera de 1935

   A primavera de 1935 non foi tan conflitiva como a doutros anos pero non estivo exenta de problemas. Por exemplo, dous días antes do seu comezo oficial, o 19 de marzo, houbo a tradicional pelexa en Ardemil: Jesús Bao Bello tivo unha tan acalorada discusión con Juan Couto Sanjurjo que sacou un revólver que portaba (por suposto sen licenza) e disparoulle varios tiros para atemorizalo. O Xulgado de Instrución de Ordes incoou proceso contra el e foi xulgado na Coruña. O fiscal Rivero de Aguilar pediu dous anos, 11 meses e 11 días de prisión menor, pero despois da brillante alegación do avogado Joaquín Ozores a pena imposta acabou sendo unha multa de 250 pesetas. Por certo que o seu adversario, Juan Couto, volveu meterse en problemas e a finais de ano enfrontábase a un xuízo por agresión.

  Máis feliz foi o comezo da primavera na vila pois Antonio Troche Rivas prestou o Salón Cine Troche para que a Agrupación Artística Compostelana, dirixida nesa ocasión por Horacio Peñamaría, dese un espectáculo musical que compraceu ao entusiasmado público que encheu o local. Destacaron os irmáns Campos Gil que cantaron acompañados de guitarras "Cuatro Milpas", "En el silencio de la noche" e "La que murió en París". Algunhas das composicións eran de Bernardo del Río Parada, o director da Banda de Ordes.

  Ese mes tamén se constituíu o Consello Local de Primeiro Ensino que estaba presidido polo pai do alcalde, o médico Antonio Concheiro Rodríguez e composto polos mestres Antonio Lesta Cernadas (secretario), Concepción Moar Vázquez, e os pais de familia Rogelio Prado Carnota e Josefina Carballido Pol.

  Non pasou un mes sen que houbera unha nova liorta. A principios de abril na Poza, parroquia de Mercurín, a Andrés del Río, de 26 anos, saíronlle ao paso os seus conveciños Miguel del Río, Valentín Gestal e Ricardo Bermudez, de 26, 17 e 19 anos respectivamente, propinándolle unha gran malleira e causándolle lesións de carácter grave. O motivo, unha vez máis, foron rivalidades amorosas. En Ordes o precepto pascual estivo a cargo dos Padres Pasionistas que viñeron antes da Semana Santa porque esas datas tíñanas comprometidas en Carballo.

  Tamén en abril houbo que lamentar un accidente de trafico. En Vigo atracou o transatlántico "Orduña" do que por certo eran pasaxeiros o príncipe George de Inglaterra e a súa esposa Marina de Grecia, duquesa de Kent. Seis turistas ingleses viaxaron desde Vigo á Coruña en autobús, pero chocaron cun camión en Ordes e tres deles quedaron feridos de gravidade. Aínda así todos foron trasladados ao barco (non se debían fiar moito dos hospitais galegos). 

  O 1 de maio distaba de ser un día festivo como agora. As folgas e manifestacións obreiras estaban á orde do día pero, despois dos sucesos doutros anos, o de 1935 foi sumamente tranquilo. Na Coruña houbo un gran mitin ás 11 da mañá na praza de touros organizado por socialistas, comunistas e Socorro Rojo Internacional. Falaron o deputado socialista Ramón Lamoneda, Pedro Fajardo por Socorro Rojo, Fernando Claudín pola Juventud Comunista, José Andrés Manso tamén deputado socialista, Adriano Romero polo Partido Comunista e de novo Lamoneda para pechar o acto que acabou coas notas da Internacional. Non houbo ningún tipo de disturbio á saída. Todos os servizos públicos, transportes, comercios ... funcionaron con total normalidade en Galicia. Mesmo desembarcaron uns mil turistas do vapor inglés "Moldavia" que visitaron a cidade da Coruña sen ningún incidente e perfectamente atendidos.

 

  A finais de maio o centro de atención trasladouse a Madrid, porque aínda que as multas aos vehículos de tracción animal tiñan unha longa historia detrás, comezaron o día 25 a ser postas aos coches (e tamén aos peóns). O redactor de La Voz de Galicia, nun artigo do día 26, comentábao con humor: "Las multas de circulación entorpecen la circulación".

  Otro espectáculo que entretuvo grandemente al público fue el cobro por los guardias municipales de pequeñas multas de 25 y 50 céntimos a los infractores del reglamento de circulación, automovilistas o peatones que cruzan por la vía pública por lugares prohibidos o en momento inoportuno. Estas multas se hacen efectivas en el acto, y esto dio lugar a numerosos incidentes, ocasionando esto acumulaciones de público que los comentaba, dificultando con esto la circulación en forma desusada. De la cantidad de multas cobradas da idea el hecho de que siendo estas, como hemos dicho, de 25 y 50 céntimos, ayer por la mañana se recaudaron, solamente en la Puerta del Sol, 600 pesetas.

  Ese día 26 de maio houbo un multitudinario mitin de Manuel Azaña no Mestalla, o campo do Valencia FC. Miles de persoas dos partidos de esquerda foron desde toda España ata alí. En Madrid os taxis unificaron as súas tarifas cobrándolle aos pasaxeiros 40 pesetas pola viaxe de ida e volta. Ese mitin sería contestado por outro das dereitas o 30 de xuño conxuntamente no campo de fútbol e na praza de touros de Valencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario