O día 6 de febreiro de 1933, como todos os
primeiros luns de mes, celebrábase a feira de gando en Bembibre (Val do Dubra
-entón aínda chamado "Buján"-),
que como de costume estaba moi concorrida.
Tamén, como de costume, non faltaban os
carteiristas, trileiros e pícaros de toda especie que chegaban a estas feiras
rurais atraídos pola suposta candidez dos campesiños.
Este foi o caso dunha parella de estafadores
que atoparon alí a un veterano labrego de 60 anos da veciña parroquia de Santa
María de Arabexo, chamado Pedro Cancela Cambón.
Contáronlle que o pai dun deles, residente en
Uruguai quedara a deber a varios obreiros da zona unhas 20.000 pesetas e
quería, home de gran conciencia social, satisfacer esa débeda que o mortificaba
antes da súa posible morte, porque ía someterse a unha arriscada operación
cirúrxica.
Debido a iso, non puidera vir persoalmente
pero mandou a un fillo seu xunto a un apoderado para que canto antes
cumprimentásen tan sacra débeda.
Obviamente, o fillo, preocupado pola saúde do
seu pai, quería volver de inmediato a Uruguai e non perder máis tempo na
procura deses obreiros, así que buscou a un home que, aínda que non o coñecían
persoalmente, tiña fama de honorable para confiarlle as 20.000 pesetas que
estaban nunha caixiña de ferro e que lle ensinaron a Pedro.
A pesar da súa boa fama, para ter máis
seguridade, esixíronlle unha "garantía positiva" de 1.750 pesetas
que, claro está, o campesiño non levaba no peto. Inmediatamente achegouse á
sucursal do Banco de Hijos de Olimpio
Pérez para recoller un depósito de diñeiro que esperaba e logo foi á súa
casa a "rafuñar" a cantidade restante.
Ao día seguinte na estrada do Pombal os dous
apoderados esperárono e verificouse a operación. Intercambiaron a carteira do
labrador pola caixiña dos 4.000 pesos e logo fóronse a comer, dicíndolle que
volverían pronto.
Por suposto iso non sucedeu, cousa nada rara,
porque cando o labrador abriu a caixa só atopou un par de billetes reais
acompañados de moitos recortes de papel de xornal.
Foi a poñer a denuncia e dixo á policía que
os "mandatarios" tiñan sobre 60 anos e que un deles debía ser un home
ataviado con traxe de muller. Os axentes respondéronlle que era unha muller de
verdade e o labrador, moi teso, contestou:
- Non pode ser. Unha muller
non me facía iso. Ademais choraba moito polo seu pai, porque lle ían facer unha
operación.
A "operación" fixéronlla eles a el:
1.750 pesetas. O que custaban un par de boas vacas!
La Voz de Galicia comentaba con
ironía: "Por lo que se ve, y de ello
nos debemos congratular los defensores de las buenas condiciones de la mujer,
este labriego resulta ser un gran afecto al sexo femenino".
E concluía coa tópica reflexión: "Cada día nace un primo, el objeto
primordial es encontrarlo".
No hay comentarios:
Publicar un comentario