sábado, 18 de noviembre de 2017

O correo en 1900-20

  Para un mozo de hoxe afeito a mirar continuamente o seu teléfono móbil e a comunicarse instantaneamente con calquera parte do mundo, a situación dos anos 90 do século XX, unicamente con teléfonos fixos nas casas, xa lles parece algo do pasado. Se falamos entón de principios do século XX iso xa pode ser inconcibible para eles.

  Para empezar nada de teléfono, nin móbil nin fixo. Si, é certo que xa fora inventado na década dos 70 do século XIX, pero aínda que chegou con bastante rapidez a España a súa difusión foi lenta: en 1910 só había 1,14 teléfonos por cada 1.000 habitantes e a maioría nas grandes cidades.
  A Ordes (vila) non chegou ata 1927! pero non se estendeu realmente ata os anos 60, e, aínda así había moitísima xente nos 70 que non o tiña.

  Había outro sistema xa desaparecido que os mozos non chegaron a coñecer: o telégrafo.
  O telégrafo transmitía mensaxes por medio de impulsos eléctricos. Ao ser inventado moito antes que o teléfono, chegou tamén antes a Ordes. A estación telegráfica inaugurouse en xuño de 1892 con gran xúbilo e bombas, aínda que o servizo tivo ao principio dificultades porque algúns campesiños remisos derrubaron varios postes.
  Pero o telégrafo distaba moito de ser popular porque os seus prezos só eran aptos para a clase máis acomodada. Incluso os comerciantes non o usaban con frecuencia e para a clase baixa (a inmensa maioría) era absolutamente prohibitivo. En 1912 un telegrama doutra estación na mesma provincia custaba 50 céntimos se tiña 15 palabras e 5 céntimos máis por cada palabra engadida. Se o telegrama era doutra provincia eses prezos aumentaban ata 1,05 pesetas as 15 palabras e 10 céntimos por cada palabra máis. Por suposto, os prezos eran máis altos desde Canarias e desde o estranxeiro.
  Non é estraño que os telegramas quedasen reservados para casos urxentes, como o anuncio dunha defunción. Case sempre que un pobre recibía un telegrama era por unha mala noticia.

  Así que o que quedaba para a maioría da xente era o correo de toda a vida que tiña uns prezos máis accesibles. A finais de 1912 unha carta de 20 gramos custaba mandala 5 céntimos a proximidades e 10 a España. Tamén as postais (moi populares naqueles tempos) custaban 5 céntimos -as sinxelas, non as dobres que pesaban máis-.
  Outros produtos como mostras, medicinas ou xornais tiñan prezos máis baixos.
  Por tanto as noticias de familiares que estaban lonxe recibíanse en cartas escritas nun papel finísimo (o peso era fundamental) e con aquelas marabillosas fórmulas de cortesía xa esquecidas como "Espero que al recibo de la presente te encuentres bien de salud, yo bien gracias a Dios".
  Pero o tempo que tardaba o correo nada ten que ver coa actualidade. Unha carta de Madrid a Santiago tardaba uns 4 días (e viceversa) en chegar. A vila de Ordes era un lugar privilexiado ao ser cabeza de partido xudicial e ter cartería: o correo desde Santiago era diario. Pero en lugares apartados da comarca o tempo de espera aumentaba.

  Un exemplo era Portomouro, vila que dista uns 15 km de Santiago (polo que se tardan 3 horas andando en chegar). Pois ben, como Val do Dubra (naqueles tempos "Ayuntamiento de Buján") pertencía ao noso partido xudicial, o seu correo viña a Ordes. Na vila podía estar 2 días, logo, por uns camiños malísimos chegaba a Bembibre, capital municipal, a 6 Km de Portomouro, onde tiña que ser recollida polo destinatario. Resumindo, a carta viaxaba 45 km desde Santiago e tardaba uns 4 días (con sorte) máis os que lle levara chegar a Santiago.

  Xa non falemos do estranxeiro e especialmente de América onde había unha nutrida colonia de emigrantes galegos. Como as liñas aéreas non empezaron ata 1919 (e non se popularizaron ata décadas despois cos seus sobres de bordos vermellos e azuis), o correo viaxaba en barcos que tardaban como mínimo un mes en chegar, 3 semanas nos anos 20 e 2 semanas xa nos 50-60. Así que a unha aldeá da nosa comarca a carta escrita polo seu marido emigrante podía chegarlle máis de 40 ou 50 días despois de ser enviada.
  Que tempos aqueles!

No hay comentarios:

Publicar un comentario