2019 foi un pouco máis cálido do normal (+0,4º C) principalmente no leste de Galicia e
nalgunhas comarcas do litoral como a da Coruña. En cambio na Costa da Morte e a
Ría de Arousa as temperaturas foron máis frías (-0,7º C). O que si houbo foi
grandes oscilacións, mesmo de día a día, con repentinas baixadas e subidas de
ata 10 graos.
Febreiro foi un mes moi cálido (desde
2008 non se alcanzaban tales temperaturas nese mes) e tamén maio. De feito neste último mes, o
día 31, rexistrouse o récord anual superando os 33º C.
Pola contra, en xuño sucedeu ao revés (para atopar outro xuño tan frío hai que
remontarse a 1997) e tamén foi húmido. Especialmente notable foi o día 6 que
viu o paso de Miguel, unha borrasca
moi profunda e de tipo explosivo que mesmo levou neve á montaña de Lugo e
Ourense.
No que respecta á insolación, 2019 estivo por
encima da media anual das tres últimas décadas. Rexistráronse máis de 2.200
horas de sol, algo máis do 50 % das posibles, valores que tan só se superaron
nos anos 2005, 2016 e 2017. Con todo, como no último trimestre non chegaron a
250 horas de sol, a impresión que deixou o ano foi a de que estivo cheo de días grises e húmidos.
PRECIPITACIÓNS
Coa choiva deu a mesma impresión. De xaneiro
a setembro, recolléronse preto de 900 litros por metro cadrado en Santiago,
mentres que no último trimestre case chegaron a mil, polo que a xente rematou
crendo que foi un ano máis chuvioso do que en realidade foi.
Na comarca de Ordes, a zona central superou
os 1.600 mm
de precipitacións, Mesía os 1.800 e o oeste de Tordoia e Trazo, como é
habitual, pasou dos dous mil milímetros.
Maio
foi un mes bastante máis seco (e cálido) do normal, mentres que febreiro e xuño
tamén foron bastante secos. En cambio abril,
cunha sucesión de varias borrascas, foi moi húmido e o xa mencionado último
trimestre tamén. Novembro foi moi
húmido, ademais de rexistrar o temporal
máis forte da última década na nosa comarca o día 14. Decembro non o foi tanto polos días de choiva (os habituais), como
pola gran intensidade destes, o que provocou inundacións en diversos lugares da
comarca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario