Se na década dos 20 Ordes tivo visitantes tan
ilustres como Miguel Primo de Rivera en 1924 ou os propios reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia de Battenberg, a década dos 30 tamén nos traería outros
visitantes importantes, entre eles Castelao, o símbolo do galeguismo.
O domingo 4 de setembro de 1932 tivo lugar un mítin organizado polos agricultores
asociados das parroquias ordenses de Ardemil, Barbeiros, Buscás, Leira, Lesta,
Mercurín, Montaos, Ordes, Parada, Pereira e Poulo. A estes engadíanse os agricultores
de Deixebre e Trasmonte en Oroso, os de Numide (aínda que mencionaban a
Pontraga), Leobalde e Santaia de Gorgullos en Tordoia, os de Castelo e Trazo en
Trazo e as Xuventudes agrarias da organización.
O lugar foi o campo da feira (actuais parques municipais) ás 4 da tarde e,
para que o ambiente festivo fose máis potente, houbo bandas de música e bombas
de palenque para anunciar o comezo do mitin.
Os oradores foron algúns dos máis destacados
políticos cos que contaba o galeguismo.
Comezaba o pontevedrés Valentín Paz Andrade, quen por certo só dous meses despois sería
tiroteado por militantes anarquistas e salvaría a vida de milagre. Continuaban Francisco Fernández del Riego e o sadense Manuel Lugrís Freire.
Veu despois o tamén sadense Ramón Suárez Picallo (deputado en Madrid como Castelao), un home que conectaba
especialmente ben coa súa audiencia porque ao revés que a maioría dos seus
compañeiros de orixe burguesa el fora labrador e mariñeiro na súa nenez e
ex-emigrante en Arxentina. Era o líder da corrente máis esquerdista do partido.
Pero o prato forte, a verdadeira atracción,
era o último orador, un Castelao que
tiña entón 46 anos e unha longa traxectoria desde os seus comezos no Partido Conservador ata converterse na referencia indiscutible do galeguismo.
O xornal agrarista La Zarpa celebrou que "Esta
reunión magna de nuestras nacientes colectividades, además de ser necesaria
para dar fe de vida, lo es sobre todo para demostrar a nuestros perseguidores
si los hay, que la fuerza social de los agricultores está dispuesta a no
consentir atropellos de ninguna especie, puesto que al evitarlos contribuimos
al resurgimiento de la Patria y la Región".
No hay comentarios:
Publicar un comentario