A chegada da República supuxo (entre outras
moitas cousas) un florecemento das organizacións agrarias comparable ou
superior ao que se produciu na primeira década do século XX. Chegaron a coexistir sindicatos, sociedades ou
federacións de inspiración católica, republicana, galeguista, socialista ...
Tamén houbo un auxe dos sindicatos obreiros aínda que estes non tiñan
tanto potencial de crecemento porque Galicia, salvo contadas excepcións, seguía
sendo eminentemente rural. Aquí as dúas tendencias maioritarias eran a anarquista
e a socialista.
Os anarquistas, que crearan a Confederación Regional Galaica en 1923 con
José Suárez Duque como primeiro secretario,
sufriron coa ditadura de Primo de Rivera unha enorme presión (varias suspensións
dos seus sindicatos, desterro dalgúns militantes, prohibición de reunións,
peche de xornais e mesmo o proceso do seu secretario xeral Ricardo García Lago en relación co asasinato do
presidente da patronal ferrolá). Isto obrigounos a trasladar o comité rexional
a Santiago de Compostela onde, con maior permisividade das autoridades,
desenvolveron as súas actividades ata 1930.
Coa chegada da Dictablanda e despois da
República, a CGR experimentou un rápido crecemento e a mediados do ano 1931
xa recuperara practicamente a implantación anterior a 1923, competindo coa UGT
socialista que estaba preto dos 20.000 afiliados en Galicia.
É neste contexto de competición por intentar
aumentar a afiliación que se achegou a Ordes Manuel Rodríguez Matos, natural de
Vilaboa e destacado membro da CNT coruñesa, afiliado ao Sindicato
de Peones, organizador de sociedades agrarias en Culleredo e destacado
conferenciante e propagandista, que tiña 36 anos de idade naquel momento.
O obxectivo eran os traballadores
do ferrocarril que se asentaban na vila en gran número. O mitin tivo lugar loxicamente un domingo, día de
lecer, o 29 de novembro de 1931 no Salón Troche. A prensa convencional non fixo
ningunha referencia pero podemos atopar unha reseña no semanario coruñés
anarcosindicalista Solidaridad Obrera:
«A las
dos de la tarde dio comienzo el acto, previa una arenga que el camarada
Rodríguez Matos lanzó desde uno de los balcones del Salón Cine a los
agricultores que merodeaban por aquel lugar, mirándonos con recelo y prevención
injustificada, debido a la defecación que el caciquismo había lanzado sobre
nosotros».
Logo de acadar que entrara o público, falaron
Gerardo Pazos Maceira e José Láuzara García, dous militantes que o acompañaban.
Para rematar volveu falar Rodríguez Matos.
«Hizo un breve resumen de los expuesto por
sus dos camaradas de tribunas y entró de lleno en el terreno de la lucha de
clases. Expuso los fines bastardos que persiguen todos los partidos políticos y
los ideales redentores de la organización obrera. Con trazos ligeros perfiló la
estructura orgánica de la C.N.T. y la posición que deben ocupar en ella los
Sindicatos agrarios.
Al concluir
criticó acerbamente al cacique máximo de aquella localidad, Concheiro
Rodríguez, y a los curas párrocos de Tordoya, Oroso, Santaya y Gorgullos, dueños
de vidas y hacienda bajo el pendón republicano».
Non sería a última vez que Matos pisase as
terras da comarca. Volvería tres meses
despois a petición do Sindicato de peóns.
A pesar dos
seus esforzos, Ordes non sería especialmente proclive aos anarquistas, aínda
que, segundo Dionisio Pereira, había militancia anarquista en Ardemil, probablemente
no Mesón do Vento.
Tamén da
comarca foi Francisco
Raña Boquete (parece ser que de Cerceda) que foi alcalde de barrio
na parroquia de Lesta en xullo de 1922. Emigrado á Coruña, viviu en San Andrés e
foi vicepresidente do Sindicato de panadeiros La Nueva Unión, morrendo paseado
en agosto de 1936.
No hay comentarios:
Publicar un comentario