martes, 18 de febrero de 2020

Superficie forestal 2018


  Segundo os datos oficiais do IGE, a superficie forestal da comarca de Ordes medrou no último decenio a un ritmo de 81,5 hectáreas anuais. Pasou de 37.658 hectáreas no ano 2008 a 38.476 no ano 2018, e en termos relativos de ocupar o 49,9 % da superficie ao 50,9 %.
  Consecuentemente as superficies catalogadas como de cultivo e prado van a menos (544 hectáreas na última década). No 2018 ocupaban 29.892 hectáreas, o 39,5 % do total comarcal.
  Esta evolución concorda con que, segundo un informe do Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, os prezos do monte sexan na comarca máis caros que a media galega (0,81 euros por metro cadrado fronte a 0,64 euros), mentres que as terras agrarias son algo máis baratas (1,57 euros por metro cadrado fronte a 1,79).

  Por concellos destaca o feito de que só Mesía teña maior superficie de cultivos e prados que forestal (556 hectáreas máis). Con todo, tamén é Mesía onde máis medrou a área forestal  ao gañar 175 hectáreas no decenio.
  O resto dos concellos oscilan desde o 49,1 % de Ordes ao 59,2 % de Trazo, o concello con máis superficie forestal, que pola contra foi tamén dos que menos aumentou con 66 hectáreas na última década, só superado á baixa por Frades (52 hectáreas). Nos outros 4 concellos o incremento superou as 100 hectáres (118 en Oroso, 125 en Tordoia, 133 en Cerceda e 146 en Ordes).

  Como curiosidade, a comarca tamén variou de extensión a partir de 2012, presumiblemente pola posta ao día dos datos urbanísticos. Hoxe é oficialmente 86 hectáreas máis grande que en 2012, aínda que non a todos os concellos lles afectou igual: Mesía medrou 51 hectáreas e Oroso 50, Cerceda 35 e Tordoia só 2, mentres doutra banda Ordes perdeu 8, Trazo 12, e Frades (o máis perxudicado) ten agora 18 hectáreas menos.


  Aínda que os datos oficiais publicados non precisan a superficie que ocupan as distintas especies, unha simple ollada permite apreciar que o eucalipto, seguido do piñeiro, é a árbore preponderante. Para numerosas familias supón unha fonte de ingresos extra, da que botar man nun prazo relativamente curto grazas ao seu rápido crecemento. Non ven outra alternativa de uso que lle dea máis rendabilidade ás súas terras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario