Velaquí un artigo publicado na revista ARO nº 7 (1992) que pretendía ser o
inicio dunha serie humorística sobre personaxes típicos da xuventude de
principios dos 90 e que hoxe ten un certo valor etnográfico (doume coba a min
mesmo). Tristemente o nº 7 foi o último da revista e a serie quedou sen continuidade. A ilustración era en B/N pero
dinlle cor para a súa translación á web.
GUÍA
de CAMPO da FAUNA ORDENSE
Polo doutor Hans Schmied
(catedrático de psicoloxía animal pola prestixiosa Universidade de Berzasbourgh)
HOXE:
"Rambarius agresivus"
1) O exemplar do que estamos
a falar hoxe é bastante escaso pero moi ben definido. Mesmo os profanos poden recoñecer
de xeito doado a un "Rambarius agresivus", se ben poucos especimes
desta clase alcanzan a perfección, dándose unha profunda mestizaxe coas outras
especies.
2) A principal característica
do rambarius é a colocación no punto máis alto da súa escala de valores da
forza e da violencia por enriba da intelixencia, lóxica e outras, pola sinxela
razón de que carecen destas últimas. O cariño á forza non significa unha
continua utilización dela. Moitas veces é substituída por un cerimonial de
forte significación, complexas variantes xestuais e frases de carácter ritual
tales como "Coidado chaval que estou indo ao ximnasio e dentro de pouco
vouche dar unha malleira". Estes mecanismos de substitución son máis
frecuentes na subespecie "Rambarius agresivus canijus". A outra
subespecie "Rambarius agresivus bestiajus" adoita recorrer á
violencia física case todos os sábados noite pero, curiosamente, sempre é
provocado.
3) Por mor deste culto á
forza, ao rambarius soe gustarlle a música heavy-metal (aínda que en moitos
casos non lle guste ningunha) e os filmes de Stallone, Norris e Schwarz...etc,
A calidade dos filmes mídena polo número de tiros que se oen e os litros de
zume de tomate que se vexan (adicionalmente tamén contan os avións caídos,
tanques esbourados e norvietnamianos mortos).
4) Extrañamente o rambarius é
un animal urbano. Aínda que el diga que lle encanta saír ao campo e practicar
supervivencia, as veces que fai isto son practicamente cero. As razóns son
dúas: pode deteriorar o seu coitelo de monte e ... a quen llo ía ensinar logo?
e unha definitiva, no medio do monte non hai bares e pódese rematar a cervexa.
HOXE:
"Pijus repelens"
1) Ao contrario que o
rambarius, a especie "Pijus repelens" é moi abundante e non se limita
só a exemplares masculinos senón tamén a femininos en aproximadamente igual
proporción. É moi ben definida, facilmente recoñecible, pero de difícil trato
porque, dado o seu elevado número, relaciónanse entre si sen dar opcións á
mestizaxe.
2) A principal característica
do pijus é a súa total falta de criterio propio. Como se deduce do exposto no
apartado 1, esta especie é gregaria e o que fai un fano todos e só lles gusta o
que está de moda: en música os "40
principales" -fundamentalmente "Modestia
Aparte"- pero se por acaso botan nesa emisora unha boa canción -cousa
difícil pero non imposible- tamén lles gusta (documentado está que exemplares da
especie son fans de "Nirvana" ou de "Guns & Roses" e
isto é rigorosamente certo). Non teñen
un xénero cinematográfico definido pero, en cambio, a femia da especie é unha
feroz lectora sobre todo de biografías que aparecen en revistas de gran
calidade con títulos tan científicos como "Super
Pop", "Vale", etc.
3) Como o seu propio nome
indica, o "Pijus repelens" é odiado polo resto da fauna. Iso é
debido, non ao seu carácter que en xeral é pacífico, tranquilo e moderadamente
repunante, senón á envexa polo seu éxito coa pijus femia pois esta normalmente
é guapa, alta e de bo porte, fisicamente moi apreciada polo resto das especies
-aínda que de boquilla falen mal dela- pero altamente refractaria aos contactos e
intercambios culturais.
4) Pijus tamén é animal
urbano pero non sedentario porque soe nomadear na súa motoreta, prolongación natural dos seus pantalóns de marca, pero
sen abandonar nunca os límites da vila por non se sabe que atávicos temores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario