En 1932 as cousas non
pintaban ben. A xente estaba preocupada co rumbo que tomaba o mundo e
Aldous Huxley publicaba Brave New World. E por riba a erupción do volcán Quizapú en Chile provocou un falso verán onde ata nevou en xullo! nalgunhas zonas de España.
E, desde logo, era para estar preocupados. Os
comunistas gobernaban a URSS pero non podían evitar a gran fame de 1932-1933 que afectou ás maiores áreas productoras de
cereais como Ucraína e Kazajistán. Os xaponeses seguían coa súa expansión en
China obrigando ao emperador marioneta Puyi a proclamar a independencia de
Manchuria. En Italia o fascista Benito Mussolini cumpría os 10 anos no poder e en Alemaña a situación ía a peor
marcando en febreiro un récord no número de parados (6,13 millóns). Aínda así Paul von Hindenburg conseguiu derrotar na 2ª volta das eleccións de abril
a Adolf Hitler.
Nos USA, en cambio, a atención pública estivo posta no secuestro do
fillo de Charles Lindbergh que rematou traxicamente.
En
España seguía o goberno da República agora presidido por Manuel Azaña. Continuando coa confrontación coa Igrexa Católica, en
xaneiro disolveu aos xesuítas, nacionalizando os seus bens, e en febreiro sacou a
lei do Divorcio. Tamén houbo confrontación social coa patronal e a CNT porque
esta (ao contrario que a UGT, xa que os socialistas formaban
parte do goberno) non renunciaba ás folgas e á violencia.
Tampouco mellorou a cuestión militar, posto
que Azaña despois dunha primeira medida moi intelixente para retirar aos
militares máis conflitivos, tomou logo outras que os volveron alporizar. Como
resultado, en agosto houbo un fallido golpe de Estado coñecido como a Sanjurjada. Ese fracaso foi
bo para a popularidade do goberno (ata tal punto que existe a teoría de que o
posterior Alzamento foi permitido para poder derrotalo e lograr dese modo maior
simpatía para o goberno da Fronte Popular).
En Galicia o Partido Galeguista (que tiña
como deputados a Castelao, Otero Pedrayo e Suárez Picallo -Villar Ponte, deputado pola ORGA,
ingresaría en 1934)- participou xunto co Partido Republicano Gallego e Acción Republicana no Comité de Propaganda do Estatuto, que vería un
parón co posterior goberno da CEDA.
E en Ordes? Ademais de que fundou o seu comercio Antonio Pazos, que Modesto Fernández Vázquez (1916-1989) deu inicio á empresa funeraria "San Isidro" e que Rogelio Prado transformou un camión no seu primeiro autobús ...
XANEIRO comezou cunha
estampa antes moi habitual: unha gran nevada no Mesón que case paralizou o
tráfico. Segundo El Pueblo Gallego "El espectáculo que ofrecía la
carretera desde Mesón del Viento hasta Órdenes era impresionante: toda cubierta
de escarcha y numerosos autos detenidos". Foi aprobado o regulamento da "Sociedad Agraria de Villamayor, Olas y
parroquias limítrofes". Morre o párroco don Manuel Vázquez
Lens de un ataque repentino cando paseaba polas Casillas. Só levaba
3 meses na vila.
FEBREIRO: O orzamento
municipal foi de 80.208 pesetas. Nova liorta en Ardemil: O músico Manuel Louro Raposo e José Campelo detidos por ferir gravemente a Andrés López Gómez, de 20 anos, por unha discusión sobre o pago aos gaiteiros que tocaron nun baile. Morreu José Viqueira Gómez en Pereira aos 74 anos de idade.
MARZO: O delegado de
Facenda atende as reclamacións dos comerciantes e elimina un recente imposto municipal. Liorta nunha romaría de Mercurín. Atentado
con bomba en Beán contra o mestre Martín Pan Atañes. Accidente de tráfico de Manuel
Verea Remeseiro. Morreron Gumersindo Ruíz Linares, fillo
de Diego Ruíz Lago, emparentado coa familia Liñares, e Josefa Boo Conde viúva do ex-alcalde Ángel del Río Castro.
ABRIL: Postos en
liberdade 10 peóns detidos en Ordes por mor da folga de marzo.
MAIO: Atentado en Lesta na estrada Ordes - Carballo. Constituída en Ordes a Federación Agraria e aprobado o regulamento da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada". Leas na "Unión Mercantil".
MAIO: Atentado en Lesta na estrada Ordes - Carballo. Constituída en Ordes a Federación Agraria e aprobado o regulamento da "Sociedad de Agricultores de Sta Marina de Parada". Leas na "Unión Mercantil".
XUÑO: Subasta para construír
o camiño de Cerceda ao Mesón do Vento.
XULLO: Atentado con
bomba en Parada contra a casa de José Moure Noya. Accidente de tráfico en Cambre dos
veciños do Mesón Nicasio Gómez (o condutor), Andrés Bascoy López (40 anos) e a
súa filla Manuela (11). Morreu en Poulo José Ferreiro Cancelada aos 71 anos.
AGOSTO: Festas patronais. Voda de María Gil Viqueira (filla do gandeiro de Poulo Evaristo Gil Calvo) en San Pedro de Mezonzo co mozo José Mª Botana Varela.
SETEMBRO: Mitin agrarista galeguista no que participa Castelao. Banquete de
homenaxe ao director da banda Higinio Cambeses. Creación dun novo club de fútbol chamado "Progresista". Morreron Juan Raposo Mirás, industrial de Oroso afincado en Ordes, e na parroquia de Benza Joaquín Castro Amor (1864-1932), médico de Trazo e avó do avogado Julio Castro Pol.
OUTUBRO: Destinado á
escola de Ardemil o profesor Ángel Blanco Senra.
NOVEMBRO: Inauguración da
escola do Canedo (Ardemil). O seu 1º mestre sería Ángel Sánchez Vázquez.
DECEMBRO: Próxima inauguración dun equipo de son no Salón Cine Troche.
No hay comentarios:
Publicar un comentario